As Bibliotecas Municipais súmanse á celebración do Día Internacional da Danza e encherán ao longo da xornada de hoxe todos os seus espazos virtuais con referencias a esta arte. Co lanzamento da campaña Ao paso dos versos, os centros municipais queren "unirse a aquelas persoas que nestes días non tiveron motivos polos que bailar mais que atoparon unha razón para o faceren".

Nos seus blogs e a través das redes sociais, as bibliotecas do Concello da Coruña abordarán contidos dirixidos a todos os públicos coa danza como fío condutor, contemplada desde diversas perspectivas. Desde o contacontos Un tigre con tutú a unha listaxe virtual de coreografías en Bibliosons ou un podcast coa lectura da autobiografía da bailarina moscovita Maya Plisetskaya, a rede municipal de bibliotecas ensinará e entreterá en movemento a toda a veciñanza que así o desexe. As actividades para conmemorar esta efeméride pódense consultar na web https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/actividades-destacadas-2020/dia-da-danza.