Catuxa Lage é avogada autónoma nun despacho individual en Betanzos, e resume en dúas palabras a situación económica do sector: "moi mal". "En abril, ingresos cero, fora dunha consulta" sinala a letrada, que ve probable que a crise, desincentive a avogados que inicien a súa carreira. "Moitos dos compañeiros", engade, "viven ao día, vai estar crúa a cousa".

Os gastos seguen acumulándose nun período sen apenas ingresos para os avogados. No referente ás aportacións á Mutua da Avogacía, permitíuselles adiar o pago das mensualidades, e, así, abril, maio e xuño comezarán a pagarse en xullo de este ano nun período de seis a doce meses, pero é unha solución que Lage considera insuficiente. Ademais, denuncia que o Colexio de Avogados segue mantendo o cobro das cotas, se ben o da Coruña reduciu o importe de marzo, e, sinala a letrada, abonou ese mes a quenda de oficio do primeiro trimestre. "Non sabemos que pasará coa cota de abril, pois pagamos a mes vencido" engade Lage, que cre que "non ten sentido" cobrar o importe.

Por outra banda, como os avogados quedaron incluídos como actividade esencial debido a que debían seguir ocupándose das quendas de oficio e os temas relacionados cos ERTE, teñen máis complicacións que outros sectores para optar a axudas. "Son bastante difíciles de conseguir" explica Lage "porque tes que demostrar que hai baixa de actividade en relación ao o mes anterior sobre o que se faga a solicitude", e esta debe ser do 75%.

Sobre as medidas impulsadas polo Estado no sector da Xustiza, a letrada considera que "non houbo diálogo" cos colectivos afectados, os avogados e procuradores.

Tamén denuncia problemas referentes ao traballo durante o confinamento, dado que a administración "non habilitou medidas para o teletraballo dos funcionarios dos xulgados". Nos de Betanzos, indica, quedaron dous traballadores en cada un, co que o traballar "agora mesmo é imposible". "Estanse implementando sistemas de videoconferencia, pero non se escoita", apunta Lage, que sinala que un compañeiro seu tivo que suspender unha vista por estas deficiencias e reclama unha "dotación económica e de medios" suficiente para traballar.

Aínda que valora positivamente a ampliación de prazos xudiciais, critica que se convertese agosto de este ano en mes hábil para a Xustiza, en contra da práctica habitual e, engade Lage, do criterio do Consejo General de la Abogacía Española. Con esta medida "estásenos obrigando a non coller vacacións ata agosto de 2021, ou polo menos días libres, xa que os autónomos non temos vacacións propiamente".

A avogada prevé que cando os xulgados volvan estar plenamente operativos se verá un repunte de divorcios, probablemente de lesións, e de delitos económicos que encaixarían no furto famélico e que se deberán "a que hai xente que vai quedar practicamente na calle e ten que comer", ademais de recursos das multas. En relación ao posible atasco dos tribunais, sinala que "o colapso viña de antes" e lembra o parón de hai dous anos pola folga da Xustiza galega. Trátase, na súa opinión, dun "problema estrutural".

Tamén é crítica coas reformas dos procedementos xudiciais, pois Lage considera que o Goberno está a realizar "unha reforma subrepticia de varias normas" o que supón "crear procedementos ad hoc que, como mínimo, requiren dunha modificación da Lei correspondente, e ben pasada e razoada".