31 de mayo de 2020
31.05.2020
La Opinión de A Coruña
Tania Luaces - Psicóloga en Aloumiño Psicoloxía

"Tiña que abrir en marzo, e coa capitalización xestionada, non había volta atrás, tiven que tirar para adiante"

31.05.2020 | 02:40
Carlos Pardellas

Coa incerteza sobre a pegada psicolóxica que poida deixar a pandemia, benvidas sexan as iniciativas que contribúan a paliar os efectos do medo e o confinamento. Aloumiño Psicoloxía, especializada en neuropsicoloxía, psicoeducación, apoio a coidadores de afectados por dano cerebral adquirido e xestión das relacións familiares, únese ao catálogo de opcións en plena desescalada, malia que tiña que ter aberto as súas portas moito antes. O estado de alarma colleu a Tania Luaces, a responsable da consulta, con todo a punto. "Tiña que abrir en marzo, e coa capitalización xestionada, non había volta atrás, tiven que tirar para adiante", explica.

Malia que incorporou a opción telemática aos seus servizos, o verdadeiro comezo chegou na fase 1, o 11 de maio, coa apertura das sesións presenciais. Un período que serviu para poñer a punto a decoración da clínica, dar os últimos toques á páxina web e habilitar as obrigadas medidas de protección. A pesar de que Tania Luaces non tivo que cesar a súa actividade ao ser a súa considerada unha labor esencial e puido capear a situación co servizo online, a volta da presencialidade supón un respiro tanto para ela como para os seus pacientes. "Na psicoloxía moita xente prefire aprazar as citas e facelo presencial, aínda que coas máscaras pérdese parte da información non verbal", revela.

Atrás quedan meses difíciles nos que a clientela foi a menos e a axuda foi escasa ao non cumprir cos requisitos para solicitar as prestacións para os autónomos. Por diante, tempos vindeiros de oportunidade. "Agora todo o mundo busca información sobre cuestións psicolóxicas, confío en que haxa demanda e poidamos apoiar a nenos e maiores na desescalada, e loitar contra medos e traumas", propón.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es