Olimpíada histórica con premio para un colexio coruñés

Os alumnos de cuarto da ESO do centro Calasanz Padres Escolapios, comandados polo seu profesor de Historia, Adrián Rodríguez, gañan un certame promovido pola Universidade de Vigo

O equipo de alumnos gañadores da Olimpíada.

O equipo de alumnos gañadores da Olimpíada. / La Opinión

Laura Rodríguez | a coruña

O profesor de Historia do Colexio Calasanz Padres Escolapios, Adrián Rodríguez, sabe moi ben como transmitirlle ao seu alumnado a verdadeira paixón pola materia, e por iso non escatima en esforzos nin en creatividade á hora de impartir as clases. Mesmo é quen de entrar na aula vestido de soldado prusiano. O docente sempre anima aos seus estudantes a participar na Olimpíada de Historia organizada pola Universidade de Vigo para ampliar os seus coñecementos e vivir a experiencia de formar parte dunha competición lúdica.

Nesta ocasión, o equipo comandado polo docente e conformado por catro alumnos de 4º de Educación Secundaria, Alex Álvarez, Eva Graña, Noelia Gutiérrez e Noa Varela, alzouse o pasado 29 de maio co título de campión da terceira edición do certame tras disputar a fase final contra o Instituto de Educación Secundaria Santa Irene. "Foi unha alegría moi grande para eles. Isto é un premio a todo o traballo que os rapaces fixeron durante todo este tempo", sinala Rodríguez, que tamén fai referencia ás dúas xeracións que participaron con anterioridade na Olimpíada: "O primeiro ano, o Calasanz quedou en terceira posición, e o segundo chegamos ata a segunda fase".

A crise do coronavirus non permitiu que os equipos se trasladasen á Facultade de Historia do campus ourensán coma habitualmente, pero iso non foi un impedimento para a Olimpíada: "Fíxose todo de forma telemática. A facultade foi moi valente, e propuxo seguir adiante desta forma, algo fantástico". As medidas propostas trataron de adaptarse á situación de cada un dos centros que tiñan previsto participar no certame, pero pese a todo, foron moitos os que se retiraron da competición: se normalmente adoita haber uns 20 ou 30 centros, este ano quedaron un total de 12. "Foi unha mágoa, porque algúns non puideron polo tema das conexións", comenta o profesor.

Pero esta non foi a única diferencia con respecto aos anos anteriores, xa que o alumnado tivo que prepararse para esta competición dende as súas casas debido á suspensión das clases: "A carga de traballo para eles foi moi grande neste tempo e fixérono todo de forma voluntaria. Foron capaces de compaxinar as teleclases habituais de cada materia coa preparación que require a Olimpíada".

Así, Noa, Eva, Noelia e Alex especializáronse nun temario que recollía toda historia contemporánea ata a Segunda Guerra Mundial, e máis a historia de España dende a Guerra de Sucesión ata a Primeira República. "Toda a paixón, empeño, entrega e sacrificio que os profesores poñemos neles e todas esas pequenas cousas que facemos a diario, cobran un especial sentido cando vemos todo o que poden facer os alumnos", destaca Rodríguez.

Dende o pasado 25 de maio, algúns dos estudantes de 4º da ESO e 2º de Bachillerato regresaron ás aulas do centro coruñés para continuar coas leccións, e conta Rodríguez que a volta, aínda que esperada, foi un tanto estraña: "Estamos todos separados por pantallas, levamos tapabocas, e desinfectamos todo constantemente. Contamos con que isto teña que manterse o vindeiro curso, e está ben contar con esta experiencia previa".

Agora máis que nunca, o docente fai referencia á importancia de aproximarse á Historia, xa que nun ano cargado de cambios e situacións inéditas, unha mirada ao pasado pode axudar a coñecer novas perspectivas.

"Agora os alumnos están a amosar máis curiosidade por certos temas. É certo que o Covid-19 é algo moi importante para esta xeración, pero a peste tamén o foi na Idade Media. Esta situación é inédita para eles, pero non para a humanidade, e é a través da Historia onde podemos atopar paralelismos e percibir mellor os avances da nosa sociedade", conclúe o docente.

Tracking Pixel Contents