Para quen estea indeciso ou confuso con tanta sigla e partido político... Vostedes son unha coalición de tres forzas progresistas galegas. Que lles diferencia de Galicia en Común e do BNG?

Nós defendemos a soberanía nacional galega e os intereses dos galegos e galegas no futuro e Galicia en Común, desde que está con Podemos no Estado, esquecéuse totalmente de Galicia. Como o BNG, defendemos o autogoberno e temos máis en común con eles, mais os proxectos non son os mesmos.

Por qué cidade da Coruña apostan se teñen representación no Parlamento Galego tras o 12-J?

Unha necesidade urxente é apostar por unha mobilidade diferente para evitar que 130.000 vehículos entren a diario na cidade. Hai que crear unha rede ferroviaria de cercanías para a área metropolitana e sen esquecer Ferrol e a súa comarca, de xeito que as vías chegasen polo porto ata a praza de Ourense con paradas previas na universidade e no hospital.

A estación intermodal, nese sentido, é unha infraestrutura con implicación de tres administracións.

Na que o Goberno da Xunta non fixo máis que poñer trabas, non só para perxudicar a un Goberno municipal, senón tamén aos cidadáns da Coruña.

Porto e cidade. Que clase de apertura ao mar queren se se redefine dunha vez a fachada marítima?

A faixa costeira ten que ser para a xente, non para que haxa acordos e proxectos de pelotazos urbanísticos. En relación co porto non entendemos por que o Estado non lle perdoa a débeda ao Porto da Coruña e si ao de Valencia, iso que o explique tamén Podemos, nin por que non hai unha aposta decidida por dotar ao porto exterior dunha conexión ferroviaria imprescindible.

Que pon Marea Galeguista no centro das súas propostas?

Todas as nosas políticas pasan polas persoas, a cidadanía está no centro. De acordo con iso, cremos necesario que se rehabilite xa o mercado de Santa Lucía como centro sanitario, logo de que a Xunta rexeitase as alternativas que se lle ofreceron e paralizase o seu proceso. A inversión da Xunta nas escolas infantís ten que pasar pola súa gratuidade en todos os concellos.

A Xunta pecha o seu mandato co anuncio dun novo hospital. É un proxecto que lles gusta?

De momento é un proxecto que afecta ás persoas que viven na zona, co peligro que se lles derriben as súas casas. Vemos necesaria a ampliación porque hai que atender unha ampla área xeográfica cunha sanidade pública de calidade, pero hai que facela con garantías e consensos, tendo en conta aos veciños e sen atentar contra os seus dereitos.

Xa que fala de vivenda e de persoas. Como garantir o acceso a ela?

Apostando pola vivenda social en réxime de aluguer. Hoxe os prezos estanse a volver inasumibles e cremos que hai que ampliar o parque deste tipo de vivenda, e sobre todo agora tras a crise sanitaria e sen que medren os salarios.

Que se debe explotar mellor na cida de para o seu progreso?

A Cidade das TIC é un proxecto básico que debe ser pilotado pola Universidade. A ciencia, a innovación e a investigación son apostas claras para Marea Galeguista. Supoñen progreso económico para a cidade e para Galicia, e tamén emprego de calidade. Algo parecido se podería facer co vello cárcere para convertilo en centro sociocultural e museo de memoria histórica.

O seu estado de conservación é malo, faría falta un investimento grande. Paga a pena?

É unha cuestión de prioridades: invertir en proxectos sen obxecto claro na cidadanía ou en cultura a disposición da xente.

Máis aló da cidade, deben os concellos, co respaldo da Xunta, impulsar a Área Metropolitana?

É unha pena que se enrede en conflictos burocráticos. Unha área sería un órgano beneficioso economicamente para os concellos, con servicios comúns como a recollida de lixo ou a seguridade cidadá. Temos que ir cara unha normalidade nova máis xusta e ambientalmente máis sostible, con empresas da terra que aposten pola terra e reconstrúan o país con empregos de calidade. Innovación, ciencia e sustentabilidade por diante.