Un paíño voltou a casa. Sábeno os membros do grupo de anelamento Hércules do Grupo Naturalista Hábitat que, levantado xa o estado de alarma, voltaron ás rochas da costa coruñesa para seguir co seu proxecto de saber máis sobre este veciño tan ameazado e, ávez, tan descoñecido.

Comezaron hai catro anos con este labor e, hai unhas semanas, capturaron un paíño que fora anelado o ano pasado tamén na Coruña. Contan os doutorandos pola Universidade da Coruña (UDC) e membros de Hábitat, Atocha Ramos e Cosme Damián Romay, que está a ser unha tempada "un pouco frouxa", xa que hai noites de moito vento e nas que non se dan as condicións propicias para que estes paxaros caian enganados -aínda que un momentiño nada máis, o xusto para medilos e pesalos- nas redes que tenden entre as rochas para atrapalos, atraídos polo cantar gravado doutras colonias de paíños. Polo de agora, neste ano, levan 17 exemplares anelados na cidade, o seu obxectivo é rexistralos, saber das súas medidas e do seu estado de saúde e, con sorte, que sexan recapturados noutro lugar ou no mesmo para saberen que foi deles neste tempo. Pasou cun exemplar hai unhas semanas, voltou á casa co seu anel na pata, a mesma que lle puxeran outra noite escura de verán no 2019.

A campaña de anelamento seguirá até finais de xullo ou agosto, dependendo das condicións meteorolóxicas. O máis lonxe que saben que chegou un exemplar dos capturados na Coruña é ás Baleares, e teñen constancia de que, até aquí chegaron exemplares anelados anteriormente en Francia, Portugal e no Cantábrico oriental.

É normal que os paíños volvan? Atocha Ramos asegura que, polo de agora, "non se pode saber" porque hai moi poucos paíños anelados e aínda levan poucos anos de estudo, polo que non poden extrapolar o comportamento dun exemplar a toda a comunidade. Véndoos pode parecer que que son fráxiles, pero son aves mariñas afeitas a calquera tormenta, a resistir o frío e a loitar por pasar o inverno en Namibia ou Sudáfrica.

Polo de agora, a mellor noite na cidade rematou coa captura de seis paíños, unha cifra moi afastada da que conseguiu un compañeiro nun recuncho de Malpica. Case vinte paíños nunha noite, dous deles con anela portuguesa, un achádego "moi interesante", segundo relatan os dous biólogos, xa que, deste xeito, conseguen saber un pouco máis desta especie que presenta particularidades segundo as poboacións sexan atlánticas ou mediterráneas.

As primeiras son migrantes e pasan semanas voando cara ao Brasil, Sudáfrica ou Namibia. As outras, porén, saen moi pouco, do Mare Nostrum, polo que se se atopa un paíño nesa costa case se pode ter a certeza de que naceu alí.