17 de julio de 2020
17.07.2020
La Opinión de A Coruña
JORGE NÚÑEZ LODEIRO

Malentendidos persistentes arredor do MAC

17.07.2020 | 01:09
Malentendidos persistentes arredor do MAC

Durante os moitos, moitísimos meses transcorridos desde o peche do MAC, dúas ideas preconcebidas capitalizaron inxustificadamente os debates públicos sobre a cuestión, tanto en medios de comunicación como en tribunas de representación política:

E "Aquí o que vale é a colección, e non as cousas que foron crecendo arredor dela". Falso. Non vou negar o interés dunha colección que vin crecer ao longo de 20 anos. Pero atrevereime a propor unha radical inversión dos termos: en realidade, o único efecto secundario imprevisto foi a propia colección. Pois o obxectivo primordial do mecenazgo artístico de Fenosa foi sempre a promoción dos talentos locais. E isto pódese demostrar tirando de hemeroteca: a idea de habilitar un espazo no que conservar e amosar as obras adquiridas non xurdiu ata mediados dos 90, cando xa se celebraran tres bienais, dúas edicións das becas no estranxeiro e incontables exposicións temporais. A acumulación de obxectos artísticos foi, por tanto, o resultado inevitable do sistema de financiación de proxectos artísticos escollido: como non che poido dar os cartos sen máis, porque non sería presentable nin estética nin fiscalmente, pago polo froito do teu traballo. Moito máis adiante estableceríase o hábito de comprar nomes consagrados en feiras e subastas. Pero, en calquera caso, as obras reunidas, por si mesmas, non xustificarían nin o 5% da participación cidadá acadada pola institución nos seus últimos anos de vida.

E "Uns empresarios ricachos e expoliados fartáronse do seu xoguete e agora imos ter que pagalo entre todos". Falso tamén. En canto ao suxeito da oración, prefiro non manifestarme. Pero en canto ao predicado, debemos lembrar o carácter aberto do proxecto: nunca foi o seu xoguete. Foi o xoguete de todos. Porque todos nos beneficiamos del, traballando á súa conta ou participando nas actividades que nos ofreceu. E porque, no seu día, Fenosa limitouse a responder (seguramente acuciada pola súa mala conciencia, pero esa xa é outra historia) á petición de axuda dun concello que carecía de recursos para a promoción das artes visuais. Así que o normal sería cambiar a un partner (como se di agora) por outro. Isto entendeuno moi ben o goberno municipal da Marea. Que presentou unha alternativa viable. De feito, talvez a única alternativa viable: coordinación por parte da concellería de cultura, financiación parcialmente privada, implicación de todas as administracións, xestión por parte dunha fundación municipal. En que fallaron? En deixarse levar polo mal de altura que afecta a todos os políticos españois, mesmo aos que pretenden deixar de selo, cando se enfrontan á xestión da cultura "con maiúsculas". En facer borrón e conta nova en lugar de dar continuidade ás cousas ben feitas. En ver ideoloxía de empresa onde só había profesionalidade. Seguro que a alcaldía de calquera cidade europea do tamaño da Coruña teríase conformado con trasladar a actividade a calquer outro lugar (aínda que fose de maneira provisional) e escribir sobre a porta: "orgullosos de protexer aos artistas galegos desde 1989". Pero aquí sempre nos empeñamos en inventar a pólvora. En canto ao goberno municipal do PSOE, que hoxe ten a pelota no tellado, o resultado está por ver. Pero o seu empecinamento en perpetuar as ideas preconcebidas números 1 e 2 faime ter moi poucas esperanzas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es