En episodios previos comentamos a actividade de Augusto González de Linares no seu paso como catedrático de Historia Natural na universidade compostelá entre 1872 e 1875 e a conexión coa familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa. Hoxe imos analizar a relación paralela que o científico mantiña con Emilia Pardo Bazán. O tema comezou a aclararse cando en 1962 Carmen Bravo Villasante deu a coñecer un caderno de Emilia escrito no período comentado. Un Libro de Apuntes no que aparecían poemas indicadores da existencia dunha relación íntima da autora cun anónimo individuo. Pilar Faus publicou en 1984 as cartas remitidas pola Pardo Bazán a González de Linares, correspondentes ao período posterior á marcha deste de Santiago. O contido das mesmas fixo pensar a algúns que o catedrático cántabro era e o destinatario dos poemas. No episodio intentarei xustificar de xeito resumido porque entendo que, efectivamente, eses textos estaban dirixidos a el e o que me parece máis substancial, a notable relevancia que tivo esa relación na biografía da futura grande escritora; unha transcendencia superior á que se adoita considerar.

O acceso a Giner, a conexión cos krausistas

En 1886, no momento en que a Emilia Pardo Bazán estaba chegando ao cumio dun merecido éxito literario, escribiu uns Apuntes autobiográficos. Neles hai verdades, medias verdades, algunha mentira e ausencias clamorosas, como adoita ocorrer coas autobiografías. Nese texto di que á volta da viaxe familiar europea, maio de 1873, soubo da popularidade dos denominados krausistas e iso espertou a súa curiosidade e interese por coñecelos.

A vía utilizada para achegarse ao colectivo foi Augusto González de Linares, discípulo predilecto do líder dos krausistas, Francisco Giner de los Ríos. Emilia coñeceuno en Santiago na segunda parte do ano 1873 grazas á familia materna, os Rúa Figueroa, e Augusto facilitoulle o contacto con Francisco. Só por este dato xa sería relevante a relación da futura escritora co científico. Porque iso permitiu á moza Pardo Bazán establecer unha conexión cunha personalidade moi destacada e influente da intelectualidade liberal española. Algo transcendente para o futuro da inqueda moza, que se atopaba nun proceso inicial de formación e definición de obxectivos cara a acadar protagonismo intelectual e para iso non abondaba con moverse, como ata ese momento, no seu estreito mundo ideolóxico ultraconservador.

En 1886 a escritora realizou unha descrición desdeñosa do movemento krausista, mais o certo é que debería estar ben agradecida por como a trataron diversas personalidades do grupo. Giner dialogou amistosamente con ela, aconsellouna, atendeu ás peticións de orientación en temas educativos, mesmo na educación de Jaime (o primeiro fillo de Emilia e Pepe Quiroga) e foi quen acadou a publicación dos poemas da escritora dedicados a ese neno. Francisco Giner, asemade, axudouna nun tema no que Emilia Pardo Bazán salientaría na cultura do seu tempo, a preocupación pola educación da muller, a superación da discriminación de xénero. Foi el quen lle recomendou a lectura dun libro básico nesa materia, o escrito por John Stuart Mill en 1869, The Subjection of Women, texto do que a escritora extraeuvaliosos argumentos e cuxa tradución (non realizada por ela), incluiría en 1892 na Biblioteca de la Mujer ( La esclavitud femenina), cun interesante limiar seu. Nesta cuestión cómpre salientar que a moza que naquel momento era unha activa militante carlista, católica primaria e contraria ao liberalismo, estaba avanzando na súa formación da man de dous destacados liberais progresistas, Giner e Mill, e entrando en relación con persoas que como o propio Giner e Linares defenderon o proxecto do Sexenio Democrático e ao rei Amadeo de Savoia, dunha relixiosidade ben distinta á dela no caso de Giner, ou mesmo dun perfil librepensador en Linares. O tema admite interpretacións, podemos entendelo como unha mostra de apertura mental e independencia de Emilia ou de contraditorio oportunismo; ou, probablemente, de ambas cousas. Alén das intencións, obxectivamente esas relacións beneficiaron á formación e posterior proxección da escritora.

O mestre descoñecido

Á hora de identificar o anónimo destinatario dos poemas do Libro de Apuntes cómpre fixarse no seu perfil, que de forma indirecta debuxa a autora. Emilia Pardo Bazán falou del como alguén que nun primeiro momento foi un amigo que espertou nela unha curiosidade durmida, que: "giró mi vida ociosa...y comprendí lo bueno y comprendí lo grande". Unha persoa que exerceu de mestre: "Si tú me das lecciones/yo te daré suspiros/mientras de mi maestro/al hombro me reclino". E ao que recoñeceu superior valía: "No me avergüenzo de estar a tus pies rendida". Esa referencia á "vida ociosa" no período previo encaixa con outros comentarios de Emilia, indicando como en Madrid (1869-1871), vivira nunha "diversión perpetua", seguida de veráns de paseo por Galicia. Un abandono intelectual que contrastaba co desexo avanzar na súa preparación.

No camiño de completar a silueta do anónimo mestre resulta moi útil identificar a aprendizaxe intelectual da futura escritora no momento concreto. Emilia dixo: "Me consagré a aprender el alemán con objeto de sepultarme en la lectura de Hegel. Así que empecé a saberlo, faltóme tiempo para dedicarme a la de Schiller, Goethe, Heine, Bürger... Por Krause y Schelling fui a Espinosa, a Kant...". Estas afirmacións esixen precisión. O coñecemento dun idioma ten diversos niveis, ler poesía e filosofía en alemán non é algo que se poida realizar sen un dominio completo do idioma. Custa traballo entender que Emilia dispuxera , no medio da súa axitada vida social e familiar, do moito tempo necesario para ese labor. Na obra escrita posterior non se constata ese dominio nin un saber filosófico profundo. Ademais, non encaixa ese suposto coñecemento lingüístico co feito de que nunha carta posterior a Francisco Giner (30 de decembro de 1880) lle dixera que estaba estudando alemán "para leer a Goethe, Schiller, Bu?rger y Heine", os mesmos aos que se refería en 1873-75 como tarefa realizada.

O maxisterio de Linares

Coido que Emilia Pardo Bazán se achegou a un coñecemento elemental do alemán e das lecturas citadas e o fixo da man e coa axuda de Augusto González de Linares, no marco dunha relación persoal. Confirmado por diversas fontes o contacto de Emilia nese tempo co catedrático, este era a persoa da súa contorna que reunía as moi especiais condicións que lle permitían ser mestre dela, pois dominaba o alemán (facía traducións), sabía de Filosofía (dera á luz un artigo sobre Goethe en 1869), coñecía á Filosofía Natural alemá (publicou un libro que o demostra, o Ensayo de 1873) e dominaba as Ciencias Naturais. Ademais, a correspondencia posterior a 1875 entre ambos amosa, como veremos noutro momento, unha comunicación íntima.

Como explicamos noutro episodio, Linares estaba inmerso nese período na xestación do que denominou "plan de Historia Natural", un ambicioso intento realizado en estreita coordinación con Giner para integrar e ordenar as novas teorías biolóxicas no marco teórico do krausismo. A súa elaboración supuxo un esforzo de actualización, contexto no que se amosou partidario dun evolucionismo metafísico e crítico co darwinismo. O catedrático era, pois, un interlocutor notable no terreo da Ciencia para Emilia Pardo Bazán, quen nos anos seguintes se animaría a publicar unha serie de artigos de temática física, La ciencia amena (1876-1877) e as Reflexiones científicas contra el darwinismo (1877-78). Por outra banda, na obra literaria de Emilia Pardo Bazán adoita aparecer o personaxe do científico e/ou médico dun perfil librepensador, que se nalgúns casos está inspirado no médico Ramón Pérez Costales, noutros semella apuntar algo a Linares, como podería acontecer con Ignacio Artegui en Un viaje de novios (1881).

Polo tanto, a relación con Augusto, no momento e nas circunstancias en que se desenvolveu, xogou un papel importante no proceso formativo de Emilia, favorecendo, en primeiro lugar, unha viraxe no abandono intelectual en que ela estaba, e, en segundo lugar, o acceso á cultura alemá, Filosofía, Literatura, Ciencia. Estímulos decisivos na maduración intelectual da moza Pardo Bazán, un proceso que non era nada doado para unha muller nun tempo de evidente discriminación por razóns de xénero. Ademais, o contacto con Giner e os coñecementos adquiridos con Linares deberon facilitar que Emilia apostara definitivamente por desenvolver unha carreira intelectual. Porén aínda non tiña claro en que terreo. Tras a marcha de Augusto en xullo de 1875 continou coa elaboración de poemas, se ben, como ela mesma dixo, non estaba especialmente dotada. Tamén exploraría o mundo do ensaio histórico (1876) e non faltou un achegamento á política co inicio da redacción de Teoría del absolutismo (1877). Ou, como vimos, publicando sobre Ciencia. A novela xurdiría despois (1879). Por outra banda, se temos en conta que a futura escritora expresou en 1876 o que sería un elemento básico do seu proxecto intelectual, o de actualizar a mensaxe ultraconservadora, non deberiamos descartar que esa idea tivera algo que ver cos seus contactos krausistas. Sen abandonar, nunca o fixo, o pensamento reaccionario e autoritario, entendeu lucidamente que a fins do século XIX non tiña sentido o desprezo da Ciencia, a nostalxia pola Inquisición, a construción de obras literarias con fins exclusivamente morais, etc., etc. Non era unha ruta alternativa cara o progreso; era un necesario "lavado de cara" para non desconectar coa modernidade e que r esultaba imprescindible para o éxito da súa carreira profesional.

"Nació nuestro triste amor..."

A relación entre Emilia e Augusto tamén tivo un compoñente sentimental. O admirado mestre, un profesor novo, atractivo, ben relacionado, polémico e de carácter "fogoso" xerou estes versos: "tú has hecho vibrar oculta/una misteriosa fibra de amor y sacrificio/que yo aún no conocía". Un amor que non foi correspondido, Augusto aludiu a razóns éticas, que ela non entendeu: "Nació nuestro triste amor... Esclavo de deberes/que comprender no puedo/iráste de mi lado.../y morirás contento". Linares escusouse co feito de que Emilia era unha muller casada, mais, como veremos no seguinte episodio, non foi sincero.

Relación extraconxugal na biografía e na ficción, a vida oculta

A relación de Emilia e Augusto evidencia que o afastamento de feito entre ela e Pepe Quiroga en 1884 tivo unha longa e variada xestación. Ademais, a experiencia extraconxugal que viviu con Augusto puido favorecer que nas súas novelas tratara o tema. Así aconteceu, por exemplo, en Un viaje de novios (1881) e El cisne de Vilamorta (1885), se ben neses casos hai un punto de xustificación ao presentar aos maridos de idade avanzada e rexeitables. En todo caso, a escritora estivo moito máis preocupada por gardar as convencións sociais e morais nas novelas que na súa propia vida persoal. Formalidade pública versus licencia privada. Un actuar propio dunha muller independente que encaixa dificilmente co seu catolicismo integrista e ideoloxía. De novo o debate: complexidade da alma humana ou pura hipocrisía? quizais ambas cousas .