Aprender a ser mestre, farmacéutico ou auxiliar de enfermería, pero tamén a desenvolverse nunha conversa en inglés, a eterna materia pendente nas aulas españolas. É o que se propoñen en torno a medio centenar de alumnos do Centro Público Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal, o único da cidade seleccionado no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras da Xunta. A iniciativa, coñecida como Cuale, publicou onte a listaxe definitiva de institución para o novo curso, no que participarán tanto entidades públicas integradas coma colexios de secundaria ou de FP.

En total, son once os seleccionados na provincia, dentro dos 32 de toda a comunidade nos que os estudantes poderán aprender idiomas como o inglés, o francés ou o alemán. As clases serán gratuítas e ofertaranse a todos os matriculados salvo aos adscritos á modalidade a distancia, e permitiranlles prepararse sen rascar o peto para as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas. En Monte Alto, o proxecto gañouse xa certa popularidade, logo dos cinco anos nos que o Ánxel Casal leva apostando pola iniciativa. Cada curso adoita reunir no centro en torno a 40 ou 50 estudantes, que volverán encher as aulas a partir de setembro para botarlle un pulso ao seu dominio do inglés.

Segundo informa a directora, Susana Agra, o idioma é o máis solicitado polas empresas ás que se dirixe a formación da entidade. O Ánxel Casal imparte ciclos principalmente enfocados á sanidade e aos servizos comunitarios, como o de Atención sociosanitaria, Dietética, Educación infantil ou Integración Social. 2.160 alumnos terán a opción de ampliar o seu programa lectivo con clases extra no propio espazo, impartidas pola xefa do departamento de linguas estranxeiras e un auxiliar de conversa. Este ano, o docente nativo chegará desde Canadá, decido a apuntalar uns coñecementos que cimentan cada vez máis o currículum nunha entrevista de traballo.

"A mellora na competencia de lingua estranxeira repercute nunha mellora na inserción laboral do alumnado, porque as empresas piden cada vez máis os idiomas", apunta Agra, que tenta apoiar este tipo de aprendizaxe con propostas alternativas. Ademais do da Xunta, o centro oferta ciclos bilingües ou plurilingües, nos que unha parte dos módulos ou a súa totalidade son impartidos en inglés. Estas leccións extra serán unha vantaxe para os que se apunten ao Cuale, cuxo número total de adscritos aínda non é definitivo porque o prazo de matrícula permanece aberto. O 31 de xullo pecharase a primeira convocatoria, e en setembro terá lugar a extraordinaria, malia que daquela, sinala Agra, o centro adoita estar xa ao completo.

Ao final do período lectivo, os docentes realizarán un exame para a expedición dun certificado. Para a obtención do documento da Escola Oficial de Idiomas o alumnado terá que pasar as probas propias da entidade, para as que tratará de preparalos o programa. Segundo a listaxe da Xunta, a maioría dos centros da provincia apostarán polo inglés -desde o A1 ata o B2-, uns poucos polo francés e tan só un, en Ribeira, polo alemán. Á iniciativa sumáronse ademais centros de Cedeira, Cee, Ferrol, Lousame e Melide, así coma de Mugardos, Muros e Ortigueira.