"Ata pasados os anos 2000, ninguén quería ser autor infantil. Todos queriamos ser autores serios, adultos, politizados, poéticos, rebeldes, provocativos....". O ilustrador e director de Viñetas dende o Atlántico, Miguelanxo Prado, entoaba onte o mea culpa na presentación da que será a 23º edición da feira do cómic que cada agosto ten A Coruña como escenario. Unha convocatoria preparada a contra reloxo, que se estenderá ao longo de toda a semana que comeza e que estará suxeita ás limitacións derivadas da crise sanitaria, mais tamén unha oportunidade única para dar o seu lugar a ese público infantil, tantas veces deostado inxustamente.

Sen lectores de 10 anos, non haberá afeccionados á banda deseñada de 35. Unha conclusión á que as editoriais tardaron máis do debido en chegar, mais non é tarde para facer xustiza. "Sempre tiveron o seu recuncho en Viñetas, pero houbo anos sen exposicións de autores infantís e xuvenís", admite Miguelanxo Prado.

A idea inicial, porén, non era esa. O propio director do festival recoñecía que o equipo de Viñetas tivera que tirar ao lixo, co devir das circunstancias, todo o traballado feito dende novembro, e asumir a obriga de reformular a proposta. E de que mellor xeito que saldando esa débeda, pensaron. "Será unha entrega especial, centrada nos autores que descargan a súa imaxinación para o público máis miúdo. A banda deseñada precisa canteira que sosteña ese universo", engadiu o concelleiro de Festas, Juan Ignacio Borrego.

Será a do 2020 unha edición cativa en máis dun sentido: da ducia de autores presentes outros anos máis tranquilos, o plantel de convidados pasa á modesta cifra de catro. Xulia Vicente, Enrique Vegas e Agustín Ferrer divulgarán este ano as claves da súa obra e as súas consideracións sobre o panorama editorial do mundo do cómic nas tradicionais charlas celebradas no marco da exposición, e estamparán as súas firmas e debuxos nos exemplares que fans e interesados lles fagan chegar ás carpas.

Os aforos en charlas e firmas sufrirán tamén as consecuencias da crise. Das conversas cos autores poderán participar, unicamente, un total de 18 persoas, que poderán acceder ás salas designadas no Kiosko Alfonso retirando a invitación media hora antes da cita. De igual xeito, nas firmas gardarase a distancia de seguridade cunha única sesión celebrada o sábado nas carpas do exterior e onde só se admitirá un único participante de cada vez.

O cuarto convidado, Pau, é baixa inesperada debido a problemas de saúde que o forzan a coidar os seus movementos nun escenario pandémico que afecta, a fin de contas, a cada quen de xeito distinto. As paredes do Kiosko Alfonso legarán un espazo, porén, á súa obra, que fará conxunto coas viñetas de Enrique Vegas, Xulia Vicente e o italiano Alessandro Barbucci, inicialmente convidado pero que tampouco poderá asistir debido ás limitacións da situación actual.

O traballo de Agustín Ferrer, pola súa banda, poderá visitarse na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita, que reserva un espazo para Mies, a biografía gráfica do xenial arquitecto e último dirección da Bauhaus que Ferrer, arquitecto tamén, saca do seu lapis.

Especial agarimo amosou o director do festival ao referirse á participación da autora galega Xulia Vicente, que medrou co festival dende nena e que hoxe forma parte da selección de autores escollidos. "Cando inauguramos o primeiro Viñetas, na Estación Marítima, era unha mica. Vina medrar como participante, depois cando souben que estudaba Belas Artes en Valencia, e cando vin as primeiras cousas que publicaba", lembrou Miguelanxo Prado.

Na sala de exposicións de Palexco os interesados poderán acceder, ademais, a unha serie de mostras de diferentes editoriais españolas cunha oferta de interese en cómic xuvenil e infantil, entre as que se contan Búfalo Lector/La Cúpula, Astronave/Norma, Astiberri, Nuevo Nueve e Mamut Bang.