Este outubro de 2020 cúmprense cen anos da lectura polo coruñés Roberto Nóvoa Santos do discurso de inauguración de curso 1920-21 na Universidade de Santiago de Compostela. Evento que pasou á historia pola furibunda reacción do arcebispo compostelán, quen prohibiu a lectura do texto impreso e deu instrucións para a súa destrución física.

Acto solemne no Paraninfo

A lectura do discurso tivo lugar o venres 1 de outubro no Paraninfo, unha fermosa sala situada no primeiro andar do edificio da universidade compostelá, actual sede da Facultade de Xeografía e Historia. O reitor Lino Torre Sánchez-Somoza asignara á Facultade de Medicina a responsabilidade de que un dos seus profesores abrira o curso académico e o decano encargoullo a Nóvoa, catedrático de Patoloxía Xeral, quen dispuxo de escaso tempo para redactalo. O acto iniciouse ás 12 da mañá e a el acudiron, como adoitaba acontecer, ademais dos responsables universitarios e colegas do conferenciante, diversas autoridades civís, relixiosas e militares.

Un catedrático peculiar e un tema diferente

Sentados os asistentes, subiu á tribuna da sala o noso protagonista, rodeado da expectación que sempre xeraban as súas intervencións públicas. Tiña trinta e cinco anos e un perfil singular entre aquel profesorado universitario, procedía dunha familia moi humilde e desde ben novo destacara pola súa intelixencia, formación e espírito rebelde.

O novo catedrático desbotou o sistema habitual, falar dun tema da especialidade técnica do orador, e escolleu un que titulou "El problema del Mundo Interior", indicando que para tratalo lembrara o que dicía William James, "en la vida 'lo esencial está en encontrar en una idea, una guía para moverse en medio de la Realidad' y no en descubrir la esencia de la Realidad misma", toda unha declaración sobre os límites do coñecemento e a necesidade dunha actitude de busca. Nóvoa falou da conciencia, un tema que se resulta complexo a día de hoxe, estaba rodeado de moitas brumas e confusións naquel tempo; o catedrático considerouna como parte dunha substancia universal.

Inquedanzas e preguntas

A insatisfacción de Nóvoa coas solucións tradicionais a cuestións complexas que lle preocupaban, como ese da natureza da conciencia ou da memoria, mesmo temas transcendentes como a persistencia tras a morte, levarao a múltiples exploracións, nun intento por atopar respostas ás angustias e dúbidas do ser humano que a Ciencia non podía nin pode ofrecer. Expresouno no propio discurso que estamos a comentar, no que indicou que polo seu traballo profesional sempre estaba ollando "fóra", a realidade da medicina positiva, porén agora gozaría do "gran alivio de concentrase en si mismo y el asomarse un momento a los inquietantes y turbadores misterios que nos envuelven". O patólogo experimental camiñou polos límites da Ciencia, fíxoo no discurso e en posteriores escritos. Ademais, nun ambiente académico e social pouco dado a afrontar retos, a arriscar, foi moderno porque alén dos resultados obtidos afrontou con autenticidade e valentía temas complicados, de plena vixencia no seu tempo e fíxoo desde a radicalidade que caracteriza a todo intelectual de verdade.

A conciencia

O catedrático realizou unha primeira formulación das súas ideas sobre a conciencia, que sería matizada dous anos despois no libro Physis y Psyquis. No discurso considerouna "como un cauce en donde fluye una serie de imágenes y de símbolos mentales", "un fragmento de lo que nos envuelve por todas partes, de lo que nos penetra íntimamente, y de lo que se extiende más allá de las remotas fronteras de lo desconocido". Comparou o seu fluxo co desenvolvemento dunha película, a luz sería a conciencia en si, valeira, e as imaxes o contido da conciencia. Nese sentido, a súa función sería, "revelarnos un sistema de imágenes o de símbolos que, sin su concurso, quedaría hundido para siempre en la sombra". Segundo isto, a conciencia persiste sempre, con ou sen contidos, sen imaxes, unha conciencia "que se reconoce a sí misma, fundida y disuelta momentáneamente en el mar sin límites de lo Absoluto, de donde brotan y a donde van a sumergirse todas las cosas y la misma Vida".

Nóvoa coidaba que as diversas teorías sobre a conciencia aludían realmente aos contidos da mesma, fenómenos dela que entrarían polos sentidos, diferentes á propia conciencia, allea á psicoloxía experimental e psicofísica. Ao dicir iso estaba situando o estudo do tema fóra das fronteiras da Ciencia, que só analizaría os contidos dela. Nese panorama, como podería o ser humano acceder á "conciencia en si"? Sobre ese punto o patólogo botou man das ideas sobre a meditación que procedentes do mundo hindú trasladara Arthur Schopenhauer ao pensamento occidental. O abandono, a concentración en se mesmo, rexeitando toda idea do pasado ou preocupación polo porvir, na soidade, na ausencia de estímulos, así poderíamos acceder á conciencia, superando a distorsión con que os os sentidos, a experiencia, dificultan ese camiño.

Avanzada a intervención, falou sobre a continuidade tras a morte, cuestión que estaba na cerna das súas preocupacións. "Lo único continuo e imperecedero, que se extiende por tanto más allá de nuestra propia existencia material y que un día flotará y alumbrará sobre el camino de lo que aún está por venir, es precisamente la conciencia pura que se mira en sí misma, libre ya de las sombras y de las huellas que han dejado en su cauce las fuerzas instrumentales que la Vida ha puesto a su servicio". Estaba a defender un dualismo, a existencia dunha realidade exterior, a que coñecemos, o mundo físico e social, e outra realidade, un mundo espiritual que para Nóvoa persistía tras a morte.

Reaccións ao discurso

O público asistente ao acto aplaudiu e todo indicaba que a vida seguía o curso habitual en Compostela. Nesa liña de tranquilidade estiveron as primeiras reaccións na prensa ao discurso. Así, El Eco de Santiago cualificouno de "hermosísimo trabajo que invita a la meditación y que cautiva con sus galas al lector". Ese mesmo xornal incluíu un artigo eloxioso do catedrático conservador Xoán Barcia Caballero. Mais a reacción da xerarquía eclesiástica non se fixo agardar. O domingo 3 un número extraordinario do Boletín Oficial do Arcebispado recolleu un artigo do titular de Santiago, o Cardeal José Martín de Herrera, "En defensa de la fe", condenando rotundamente os contidos da intervención de Nóvoa. O bispo identificábaa como unha exposición herética, por "caer en el abismo del panteísmo", curiosa acusación, pois Deus non estaba presente nas palabras de Nóvoa. O prelado entendeu que, "cumpliendo con el primero de nuestros deberes episcopales, prohibimos la lectura, retención y difusión de dicho discurso y mandamos a nuestros amadísimos diocesanos a cuyas manos hubiera llegado que lo entreguen al párroco o al confesor, quienes a su vez nos lo darán para destruirlos".

Por que o discurso irritou ao arcebispo?

Hoxe pode sorprendernos a belixerancia do Cardeal Herrera coa intervención de Nóvoa. Primeiro, porque a acción inquisitorial do arcebispo no debate de ideas no ámbito universitario é unha intromisión anacrónica e allea aos valores da sociedade contemporánea. E en segundo lugar, porque no contido do discurso non se observa a menor alusión a cuestións de orde relixiosa ou referencias ao dogma católico.

Por iso, coido que para entender a reacción condenatoria cómpre analizar brevemente as posicións da xerarquía eclesiástica católica española naquela época. José Martín de Herrera fora nomeado arcebispo de Santiago en 1889, onde permanecería ata a súa morte en 1922. Nese período a Coroa española e os sectores conservadores da Restauración esforzáronse por achegarse á Igrexa, pois esta pasara o século XIX en posicións antiliberais, carlistas, ou sexa, anti-sistema; entenderon que era unha peza básica para un réxime político estable e se lle fixeron diversas concesións. No caso concreto do Arcebispado compostelán, o Estado contribuíu ás custosas obras de reforma do pazo arcebispal e participou en cerimonias como a da translación dos restos do apóstolo e a ofrenda do 25 de xullo.

Semella que ese respaldo do poder civil lle fixo sentirse máis forte a Herrera no papel autoasignado de gardián espiritual da sociedade e agudizou nel o seu afán inquisitorial coas ideas que non consideraba apropiadas. O arcebispo sempre defendera o monopolio da educación e e control dos contidos ideolóxicos por parte da Igrexa. Era terreo exclusivo dela e por iso non podía deixar pasar que un catedrático se atrevera a formular teorías sobre cuestións "espirituais", algo inaceptable para os sectores integristas, contrarios á existencia dun pensamento autónomo, libre.

A reacción arcebispal provocou que os mesmos medios que eloxiaron o discurso de Nóvoa cambiaran de rexistro nos días seguintes. Por outra banda, non houbo declaracións públicas en defensa da liberdade de expresión do catedrático, un comportamento que amosou historicamente unha parte significativa da nosa elite académica e cultural, tímidas fronte a cuestións polémicas nas que intervén algún poder fáctico. En fin, pensemos en positivo, se o discurso de Nóvoa tivera lugar uns cen anos antes, o catedrático iría a parar ao cárcere da Inquisición.