23 de octubre de 2020
23.10.2020
La Opinión de A Coruña

Un Martín Códax para Cantabile

A formación coral gaña un premio polo seu proxecto 'Palabras de luz'

23.10.2020 | 00:49
A presidenta do Coro Cantabile, Lucía Cernadas, recolle o premio Martín Códax.

Dous anos de traballo, arredor dun cento de persoas implicadas no proxecto e, logo dun ano da súa estrea, un Premio da Música Martín Códax, na categoría de coros e grupos vocais, ao esforzo realizado. O Coro Cantabile foi distinguido este ano por Palabras de luz, un libro e un disco con doce pezas inéditas en galego para formacións corais.

Conta a presidenta da entidade, Lucía Cernadas, que foi un proxecto no que investiron non só diñeiro senón tamén moito tempo e agarimo, xa que, o primeiro ano dedicárono a se poñeren en contacto cos autores -entre eles, Manuel Rivas, Pilar Pallarés e María Lado- e tamén cos músicos que se ían encargar de lle poñer música a estes versos creados expresamente para nutrir o repertorio das corais galegas. O segundo ano xa foi de ensaios, gravacións, de estrea e, tamén, de envío de exemplares a todas as formacións corais de Galicia, coas súas partituras e arranxos, para que tamén elas poidan interpretalas.

"O proxecto naceu porque pensabamos que non había un repertorio coral en galego suficientemente variado", relata Cernadas, así que,para suplir esa carencia, para reivindicar a lingua, a composición e a poesía contemporáneas e para modernizar as temáticas, os ritmos e os rexistros, decidiron crealo coa colaboración de doce poetas e seis músicos. "Somos o único coro que mestura voces brancas, infantís, con voces xa formadas", explica, aínda que as pezas deste proxecto poden ser interpretadas por todas as formacións, independentemente da idade dos seus integrantes.

O premio Martín Códax supón para a asociación un pulo para seguir traballando coa mocidade "como unha familia" como o teñen feito até o de agora. "Esta asociación sostense con traballo voluntario, porque é sen ánimo de lucro, os rapaces van porque lles gusta cantar e é unha entidade non profesional que acada un resultado profesional", resume Cernadas, que considera que outros galardóns, aínda que non sexan físicos, como o do Martín Códax, poderán vir máis adiante, cando poidan escoitar as pezas que axudaron a crear no repertorio doutras formacións vocais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


esquelasfunerarias.es