O ciclo literario Somos o que lemos ofrecerá hoxe ás 20.00 horas na Fundación Luís Seoane unha conversa de Javier Pintor co escritor Xesús Fraga arredor da súa obra Virtudes (e misterios), coa que gañou o premio de novela Blanco Amor o ano pasado. A limitación do aforo e a forte demanda de prazas fai que a actividade se repita mañá á mesma hora. A novela aborda a historia da emigración dos avós do autor dunha forma realista.

Por que elixiu o xénero da novela para narrar esta historia?

Parte do proceso da escrita foi elixir que tipo de rexistro quería empregar e había dúas opcións: coller a historia e facela ficción cambiando os nomes dos protagonistas e recreando algunhas das situacións, e outra que foi a finalmente escollín, que era ser fiel ao que me contaron e ao que investiguei sen ningún tipo de invención pola miña parte. Sentía que este era o modelo axeitado porque a historia pola que pasaron meus avós tiña suficiente forza como para non necesitar deses engadidos da ficción.

Non é un risco deixar á vista de todo o mundo cousas da familia que non son agradables?

Efectivamente, pero non contei todo porque houbo cousas que tiven que sopesar e ao final decidín contar só o que era absolutamente esencial. E sempre dende a posición de tratar de entender por que se tomaron as decisións e sen xulgalo ou facer un axuste de contas. Todo isto empeza porque meu avó emigra a Venezuela cando estaba xa casado e tiña tres fillas porque estaba convencido de que se ía facer rico alí. Esa decisión causou moita dor na familia e os seus efectos seguen notándose tres xeracións despois porque non mandaba cartos e non quería que miña avoa fose para alá, e ao final perdeuse a comunicación.

A novela ten entón unha forte carga emocional pola perda dun ser querido e pola posterior emigración da súa avoa?

Miña avoa estaba desesperada porque traballaba moitísimo, xa que era unha muller pobre á que non lle chegaban os cartos. Iso obrigouna a emigrar a Londres, pero tamén está a dimensión psicolóxica de verse abandonado, porque as súas fillas medraron sen un pai e no meu caso sen un avó. Era consciente de que esas circunstancias o que facían era engadirlle valor á decisión de miña avoa de marchar en solitario e levantar a familia.

De que forma reaccionaron os seus familiares á novela?

Creo que están contentos porque é unha historia dunha familia humilde que traballaba a terra e pagaba os foros e na que tres xeracións despois miñas curmás e máis eu puidemos ir á Universidade grazas ao sacrificio que fixeron eles. Ese tipo de historias son comúns a moitas familias galegas porque moita xente me conta que se ve reflectida nesta historia.

Cre que na sociedade galega está suficientemente recoñecido o labor dos emigrantes?

Está claro que hoxe hai unha nova emigración, pero hai moitas circunstancias que fan que sexa distinta, porque a xente que o fai agora está moi cualificada, aínda que tamén é certo que hai outra que marcha porque aquí non ten unha oportunidade. Pero cando meu avó marchou a Venezuela pasou tres semanas nun barco cruzando o océano e as comunicacións eran difíciles, cando agora calquera pode falar ou ver a seu fillo que está en Suíza ou viaxar con facilidade. Pero antes emigraban os humildes, que estaban como agochados pero que grazas ás súas divisas fixeron medrar a economía e que ao volver trouxeron innovacións que aquí non había. Isto debería estar dalgunha forma máis presente na nosa sociedade, porque os atrancos que se forman co voto dos emigrantes son un indicador de que aínda non está normalizada a súa condición de galegos.

Pensa que hai interese en tapar o noso pasado emigrante?

Posiblemente, e agora ademais concorre a circunstancia de que están chegando inmigrantes ao noso país nunha condición moi parecida á dos galegos de hai sesenta anos que fuxían da pobreza e certos sectores da sociedade rexeitan a esas persoas, o que para min é un síntoma de que a emigración non está asimilada, tanto a nosa como a dos que veñen de fóra.