Hoxe é o Día das Librarías. Eses lugares cheos de soños e maxia. Esas pequenas tendas que loitan por manter o seu camiño pese as complicacións da pandemia. Cóntao o presidente da Asociación de Libreiros da Coruña, Ramón Domínguez, quen atopa cousas positivas á situación, como a resposta dos clientes e as relacións coa Administración.

Como é a situación actual das librarías?

Se tivesemos que facer unha foto fixa da situación, creo que é un momento de bastante actividade, cousa que pode resultar paradóxica porque hai moitos sectores afectados. Non podemos dicir que é unha situación mellor que antes da pandemia, pero hai actividade.

A que se debe?

Isto arrancou en maio, ao saír do confinamento, grazas a boa actitude da cidadanía. Ademais, os descontos en cultura do Presco axudan moito a mellorar as ventas. Non nos podemos queixar.

Cal é o impacto directo da Covid-19 neste sector?

Vai ser un ano malo. Foron dous meses de peche, con todo o que iso supón. Pero tamén hai algo positivo, que é que a xente gañou conciencia de coidar o comercio pequeno, de facilitarlle as cousas.

Agora chega unha campaña importante, a de Nadal, como se presenta?

Vai ser unha campaña moi diferente polos condicionantes da pandemia e as restriccións. O Nadal é especial pola afluencia de público, pero agora non hai aglomeracións e non chegaremos á facturación doutros anos.

Que teñen que facer as librarías contra xigantes como Amazon?

Temos que estar sempre en loita. Non todo vale. Temos pensando, dende a asociación, facer unha carta explicando as prácticas pouco elegantes de empresas como Amazon. Non estamos en contra do comercio electrónico, pero hai prácticas que poden provocar o peche do pequeno comercio. Poden producir danos que non se ven a curto prazo, pero si a medio ou longo. Amazon ten criterios única e exclusivamente económicos.

De quen depende que o pequeno comercio sexa a primeira opción? Da concienciación do cliente ou da modernización das librarías?

É unha cuestión moi importante. As librarías temos que facer autocrítica e intentar ser competitivas. A nivel colectivo, hai programas en marcha, como o da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros, que ten unha plataforma para que todas as librerías podan ter venta online. É difícil coordinalo, pero creo que ten que haber un esforzo por parte das librarías, que todas podan vender na rede.

Hai resposta por parte do cliente?

Si, e moi boa. Hai máis sensibilidade sobre o que aportamos as librarías e todo o tecido cultural. Nunha realidade tan dura como a que vivimos, a resposta da cidadanía é moi solidaria. Hai que dicilo con claridade: estamos moi agradecidos.

Cales son as perspectivas de futuro?

É moi pronto para aventurar o rumbo das cousas no aspecto económico, pero temos confianza en que a crise sexa curta e que, en un ano e medio ou dous, podamos voltar á normalidade. A nova realidade vai esixir ás librarías un esforzo para adaptarse. Dende a asociación cremos que é importante que haxa unha boa relación coa Administración e un interese pola cultura. A posta en marcha de actividades e accións co Concello é moi importante. Por aí poden ir as cousas. Tamén se creou a mesa da cultura. Non podemos medir a dimensión que iso ten agora, pero será unha ferramenta moi útil no futuro. Hai que tomar conciencia de que este é un sector que é a alma dun lugar, que axuda a crear identidade. E as librarías temos que formar parte desa actividade cultural.