“Convivir cunha escooter eléctrica é máis complicado do que eu podería imaxinar. Non só por min, senón por todas as persoas que vexo no meu barrio con problemas de mobilidade”, explica Héctor Tejón, que vén de abrir unha canle en Youtube, baixo o nome de Tronco Parlante, para denunciar os problemas que, como persoa con mobilidade reducida ten no seu día a día. Di que non é só unha bitácora da súa situación senón tamén un punto de encontro para todos eses veciños que encontran nas rúas da cidade un inimigo, unha maneira de evidenciar que non están sós nesta loita de facer que o urbanismo pense en todas as persoas e non só nas que se poden mover poñendo un pé diante do outro, esquivando obstáculos e subindo e baixando costas sen axuda.

“Ás veces recibín insultos e non o podía crer. Unha muller que estaba co seu compañeiro mal aparcada nunha rúa peonil chamoume a atención. É certo que podería ter pasado facendo manobras, pero non teño por que”, relata.

A hostilidade da cidade e dos que a habitan fan que, por exemplo, aínda que lle recomendasen baixar pasear coas muletas, non se atreva a facelo. “A peonil de Ángel Senra é impracticable, entre as terrazas, a xente que aparca onde quere porque di que son só dous minutos, ou a carga e descarga, é imposible”, recoñece.

Ante as “agresións diarias” da cidade decidiu compartir a súa situación. “Eu contáballo a amigos e dicíanme que tiña que facer algo, pero eu só, na miña casa, que ía facer?0 Ninguén só pode contra unha inxustiza, por iso quixen facelo a través das redes sociais, para saber se isto lle pasaba a máis xente”, comenta.

E, como a ninguén lle pode sorprender, a resposta foi afirmativa. Non era o único ao que lle pasaba nin o único con ganas de denuncialo. Non é cuestión da rúa na que vive. É un problema global na cidade que afecta a todos aqueles que intentan moverse acompasando as súas necesidades coas rúas e beirarrúas xa establecidas e pensadas para outro tipo de usuarios.

“Chéganme a diario fotos de coches mal aparcados, de mala accesibilidade, queixas sobre as solucións proxectadas para os problemas de mobilidade, pero sen ter en conta os colectivos que teñen constancia destes problemas. É unha pequena forma de denunciar e de mirar a cidade desde outra perspectiva e non da hexemónica, que é vertical, bípeda e áxil”, explica, porque considera que a cidade deixa á marxe ás persoas que teñen outro tipo de mobilidade, no seu caso, un vehículo de mobilidade persoal motorizado, pero hai moitas máis desde as cadeiras de rodas até as muletas ou os bastóns.

“É que nós non temos culpa de ter que nos mover por unha cidade que non está adaptada”, resume, tamén como chanza a todos aqueles que pensan que se queixan por queixar ou porque non teñen máis que facer ou porque queren limitar a liberdade dos coches.

O seu obxectivo é “tecer alianzas” poñer o foco sobre esta realidade para intentar mudala, se non se pode desde o ámbito institucional, facelo desde o social. “Hai persoas que me din que antes deixaban o coche en calquera lado ou a bicicleta porque non sabían o dano que estaban a causar e que agora xa non o fan porque saben que iso implica que eu, ou calquera outra persoa coma min, non vai poder pasar. Son microconquistas”, confesa, porque o que para unha persoa que camiña sen dificultade é só unha molestia, para outros corpos convértese “nunha barreira infranqueable”.

“Eu xa quedei varias veces bloqueado nun paso de peóns porque había un coche mal aparcado na beirarrúa”, explica, e pregúntase onde está a Policía Local nestes casos, que se repiten a diario e nos mesmos lugares. Xa non só en Ángel Senra, senón tamén “na Segunda Fase de Elviña”, onde considera que “os coches fan o que queren” e que converte a esta zona en “impracticable” para persoas con mobilidade reducida.

Tejón tilda de montañas que poderían “estar nunha etapa do Tour de Francia” os chafráns que hai nas beirarrúas e que obstaculizan a mobilidade das persoas que se desprazan en cadeiras de rodas. “Hai outra cousa, os ciclos semafóricos. Na estación de tren hai un tramo que dura nove segundos, como vai cruzar nese tempo unha persoa con bastón?”, pregúntase Héctor Tejón, atopando resposta só en que quen deseñou ese ciclo non pensou neses “outros corpos”.

Así que, para construír unha rede que poida sinalar e cambiar as cousas, para facérense oír e entender, as redes sociais —nas que comparte as súas fotografías e vídeos— convértense en aliadas indispensables, en compañeiras e voceiras para loitar contra “unha cidade hostil”, que non os ten en conta, pero na que tamén habitan.