O contexto actual é o mesmo no que xurdiu Tecendo Litoral e o concurso de ideas para a transformación dos terreos portuarios da Coruña onde a proposta Porsuporto foi a máis valorada polo xurado e pola cidadanía que se expresou no proceso participativo (2018-2019). Porén, o punto no que está hoxe o debate público esíxenos explicala desde a perspectiva que máis exemplifica as diferenzas coa nova proposta encargada polo Concello á UDC e cuxo avance acaba de facerse público: a titularidade do solo.

Xunto ao máximo mantemento da actividade portuaria ou ao entendemento do bordo litoral en termos de funcionalidade urbana e medioambiental, a aposta pola titularidade pública da totalidade dos actuais terreos portuarios é unha das liñas estratéxicas fundamentais da proposta Porsuporto.

O motivo fundamental desta decisión é que non se poden coñecer cales serán as necesidades urbanas da Coruña no futuro: por que comprometer entón a capacidade de adaptación a calquera cambio ou posibilidade histórica só por pagar máis rápido unha parte dunha débeda? É certo que o porto é unha gran superficie na que pode semellar insubstancial a privatización de determinados ámbitos, pero a súa escala non hai que medila en termos municipais senón de área urbana. Case ningunha cidade do mundo ten a posibilidade de repensar unha superficie proporcionalmente tan grande e con estas condicións de absoluta centralidade metropolitana. A condición de espazo en reserva que implica a súa titularidade pública é unha vantaxe urbana estratéxica para o futuro da Coruña.

Dado que a lexislación permite que no dominio público portuario se sitúen usos vinculados á interacción porto-cidade, só habería que estudar onde introducir o dominio público xeral e onde poden convivir os novos usos urbanos cunha condición que facilitaría a recuperación do uso portuario se é preciso no futuro (como se conclúe desde as análises centradas no cambio climático). Deste xeito, aseguraríase a condición demanial e non patrimonial de todos os solos do ámbito para que atendan aos principios de inalienabilidade, imprescriptibilidade e inembargabilidade.

A proposta garantiría esta titularidade pública porque parte da convicción de que a venda de solo non é a solución para o pago dunha débeda (300 millóns de euros) que, ademais de non ser así cuberta no contexto inmobiliario actual, non se debería asumir como innegociable. Recórdese que foi contraída con institucións públicas, un terzo co Banco Europeo de Inversións e dous terzos co Estado. Que impide refinanciar unha débeda con estes axentes? Cal é a peor consecuencia de pagala máis lentamente (coa posibilidade de que algún día coincidan uns gobernos local, autonómico e estatal que opten pola condonación como noutros lugares)?

Partir da premisa da condición pública do solo tamén dificulta que xurdan propostas que só contemplen a ordenación de sectores a urbanizar e non os terreos portuarios dun xeito integral. A reflexión sobre o bordo costeiro como forma urbana e non como fragmentos urbanísticos permite atender ao tecido da cidade co mar desde a perspectiva transversal dos barrios e a lonxitudinal da área metropolitana e da rede rexional de espazos libres. Ademais, permite imaxinar unha forma urbana contextualizada, algo híbrido ou transxénico entre o porto e a cidade que aproveite as posibilidades urbanas das estruturas singulares existentes, como a dársena da Mariña ou a Medusa, permitindo o espectáculo de vivir como urbano o que en orixe era só infraestrutural como xa fai o dique de abrigo. En definitiva, unha forma intencional onde todo responda ao interese xeral e onde o construído non sexa nunca tratado como simple masa inmobiliaria, senón que toda a sustancia edificada cumpla unha función de conectividade e producción de urbanidade.

É fundamental ademais aprender da experiencia histórica. Estamos exactamente ante o mesmo debate ao que se enfrontou a cidade hai 150 anos coa construción do recheo e o malecón.

Neste sentido, diferentes gobernos municipais e colexios profesionais xa recoñeceron en numerosas ocasións o importante papel de enxeñeiros como Celedonio de Uribe na condición de espazo público do recheo que hoxe acolle aos xardíns de Méndez Núñez. Ao igual que en 2021, no século XIX tamén había voces e intereses, tanto dentro como fóra do Concello, que apostaban por entender unha parte desta superficie gañada ao mar como unha oportunidade inmobiliaria para ampliar o tecido edificado da cidade e abordar así o pago da súa construción. É xusto dicir que hoxe en día é un absoluto consenso político e social o agradecemento á visión de futuro de todas as persoas que, como Celedonio mostrando a irracionalidade de hipotecar á cidade só por pagar parcialmente unha débeda ou como as veciñanzas que fixeron achegas económicas para a súa urbanización, acabaron facendo posible a creación deste espazo público.

Uns xardíns nos que se atopa ademais outra das claves da condición pública do solo: son moitas as actividades e edificacións que se puideron realizar sen perder esta condición, desde as cafeterías Copacabana ou Atalaya, ata o Hotel Atlántico ou o Kiosko Alfonso. Usos moi diversos que, grazas a ser concesións, en calquera momento se poderían reformular se o interese xeral así o aconsellara. Con independencia de que teñan cabida todo tipo de actividades e iniciativas privadas para asegurar a mestura de usos e a complexidade urbana en determinados ámbitos do porto, temos moitas fórmulas para introducir os usos urbanos, incluso o residencial, a través de diferentes formas de acceso e xestión (alugueiros, convenios, concesións, cesións de uso, etc.) que non impliquen a propiedade como forma de tenza para non comprometer a titularidade pública dun solo desta excepcionalidade.

Agardamos que haxa un gran número de foros de debate público onde se poidan argumentar as diferentes propostas xurdidas nas últimas décadas para estes terreos, tanto a este nivel conceptual como nos detalles de deseño urbano que non foron aquí tratados. É fundamental asegurar que as posibilidades en xogo sexan de coñecemento xeral e se concretren coa máxima participación da cidadanía da Coruña.