Cando souben da existencia dunha réplica ao artigo que sobre Emilia Pardo Bazán publiquei neste xornal o 31 do pasado decembro pensei honestamente que era unha boa nova. No mundo intelectual dominan os chismes e as críticas polas costas; o feito de que alguén se pronuncie publicamente sobre o tema era algo a celebrar, máis aínda se o protagonista ocupaba unha posición académica significada: catedrático de universidade e presidente do comité científico da revista La Tribuna.

Porén esa inicial sensación esfumouse axiña ao contemplar o texto do señor Paz. O posible diálogo frutífero foi abortado desde o inicio pola súa descualificación groseira e ton arrogante. Amante do espectáculo, Paz montou un show dialéctico baleiro de contido; fume mesto que só impresiona a espíritos despistados. Se algo destaca na réplica é o contraste entre as acusacións formuladas e o fracaso na suposta demostración. Ademais, o texto do impugnador destila intransixencia, a reclamación dunha única verdade; e a censura para quen non estea conforme. Non obstante, a biografía da relevante literata admite diversas lecturas e a miña é unha delas, rigorosa; pode estar errada pero foi construída desde a independencia intelectual, sen servilismos.

Falo eu, historiador da Ciencia; outros que poderían e deberían facelo de xeito crítico, de momento calan. E seguirei falando nos próximos meses, pronunciándome polo miúdo e con datos inéditos sobre diversos temas, entre eles a velada de 1885, evento do que Paz ofrece unha versión falsa. Si ten razón nunha cousa: no meu escrito hai un erro —que non cambia o argumento— nalgún dos títulos nobiliarios que atribuín á escritora; por iso está corrixido nas posteriores edicións dixitais.

Altar e Trono

A tese central do meu escrito era que a salientable escritora non debería ser asociada ao concepto de igualdade. Afirmei que a súa ideoloxía e comportamento clasista chocaba de xeito frontal coas concepcións das sociedades democráticas, non só das actuais senón —isto é moi importante— do seu tempo.

Sobre o tema vou recorrer á autoridade dun recoñecido historiador, Xosé Ramón Barreiro. Falamos do impulsor do grupo de investigación La Tribuna e da súa valiosa revista, da que é director, polo tanto o seu máximo responsable. No número 3 desa revista, o profesor Barreiro presentou o artigo A ideoloxía política de Emilia Pardo Bazán. O historiador caracterizou unha primeira etapa da escritora como de “absolutismo teocrático” e, sobre escritos dela como no que dicía “el Palacio del Congreso ... convertido en algo útil como v. g. en bazar de quincallería y juguetes”, comentou o seguinte: “En poucos, moi poucos escritores contemporáneas podemos atopar textos como estes, que manifestan tan radical repudio polo parlamentarismo, pola constitución, en definitiva, pola democracia”. Proseguía: “Pardo Bazán non solicita corrección ningunha do sistema [monarquía constitucional daquel tempo], sinxelamente négao, pide a súa definitiva extinción porque o Parlamento é o símbolo da soberanía popular que nega radicalmente. Non se opón ao Parlamento porque non funciona, oponse a que exista”. E concluía: “A súa ideoloxía política non evolucionou e ao final da súa vida mantiña as mesmas fidelidades ideolóxicas da súa mocidade” (lembren, absolutismo teocrático: Altar e Trono).

O mesmo Paz aludiu a este artigo no número 5 da mesma revista: “En su pionera y muy lúcida aproximación a la ideología política de la escritora, Xosé Ramón Barreiro Fernández dibuja con nitidez el ideario de la autora de Los Pazos de Ulloa”. Ou sexa, o argumento básico do meu escrito está avalado non só por un historiador de prestixio, senón tamén, sorpresa!, polo propio impugnador, que pasa, polo tanto, de acusador de falsidades a ser protagonista dun xogo intelectual pouco decoroso. Paz recoñece a realidade en círculos académicos (non lle quedaba outra), pero a enmascara no debate público.

A pesar do anterior, o interpelante di: “En sus concepciones políticas y sociales, doña Emilia evolucionó con el siglo XX, desde el carlismo de su juventud hacia posiciones cercanas al conservadurismo liberal”. Falemos con propiedade. Conservadores liberais eran Cánovas, Maura, Silvela, etc. porque desde a súa perspectiva de dereitas —restritiva cos dereitos e liberdades— defendían unha monarquía constitucional, as eleccións e a vixencia do Parlamento, mesmo a soberanía nacional. Nada diso está presente na excelente novelista, esa é a lamentable realidade. Dona Emilia non era conservadora, era reaccionaria, non quería modificacións para profundar nas liberdades e dereitos, pretendía a súa eliminación, unha volta atrás. E se expresaba así: “Por mí, que las Cortes se nombren de real orden, y librémonos de los trastornos que las elecciones llevan consigo” (De siglo a siglo, xuño 1898). ¿De verdade, sr. Paz, como demócrata e liberal, pode dixerir sen maior problema esas palabras e outras similares pronunciadas por Emilia Pardo Bazán?

O infundado igualitarismo da escritora

O certo é que, despois da acusación de libelo por parte de Paz, un agardaría o desfile de sólidos argumentos que avalaran a descualificación. En absoluto, o que nos presenta como “demostración” para rexeitar a miña documentada afirmación de que a escritora estaba enfrontada á igualdade é unha cita dun personaxe da novela La sirena negra. Pariron os montes e naceu un ridículo rato! Paz non foi quen de localizar entre as as miles de páxinas escritas pola literata, entre as que hai ensaios e moitos artigos xornalísticos, algunha declaración directa e indubidable sobre a súa aposta igualitaria e tivo que recorrer a ese marxinal e discutible texto de ficción. Podería optar por revisar La revolución y la novela en Rusia, obra capital da escritora, na que ela si fala en primeira persoa e manifesta a súa admiración polo absolutismo tsarista, expresión máxima da desigualdade.

Vaiamos ao texto que nos ofrece Paz, do protagonista da novela indicada (“Una risa silenciosa dilataba mis labios viendo realizado el ideal de fraternidad e igualdad de tan perfecto modo”). O impugnador entende que pola súa boca fala a escritora e isto constitúe a primeira sorpresa. ¿Como un catedrático de Literatura non sabe distinguir entre o escritor, o narrador e os personaxes dunha novela?, ¿identificase, sen máis, a ideoloxía dun escritor polo que di un dos seus personaxes? Obviamente, non. Pero non rematan aquí as sorpresas que nos depara con esa cita Paz. O protagonista de La Sirena negra, Gaspar Montenegro, pronuncia esas palabras nun sono e o fai para comentar o espectáculo dos seres humanos mortos, unha danza da morte, momento no que nos igualamos todos. O comentario non ten nada que ver coa súa visión social, de feito, a lectura da obra sitúa con claridade o perfil elitista do personaxe. A groseira manobra do interpelante traslada serias dúbidas canto o seu rigor profesional ¿De verdade vai coordinar un congreso internacional sobre Emilia Pardo Bazán?

Despois desa exhibición de inconsistencia, non me estraña nada o que afirma Paz en relación a La Tribuna (“son radicalmente falsas otras graves acusaciones como que doña Emilia despreciaba a los labriegos y trabajadores, como revela su novela La Tribuna en la que por primera vez se da voz a un colectivo de modestísimas trabajadoras”). Moito labrego non hai na novela, pero o que aparece, Chinto, é retratado literalmente como “un animal”. É certo que en La Tribuna, de xeito novidoso, Pardo Bazán sitúa como protagonista a unha traballadora de Tabacos. Porén, señor profesor de Literatura, ¿desde cando o feito de que un narrador outorgue o protagonismo na súa obra a unha determinada persoa e/ou segmento social supón que o fai para exaltar e/ou defender a ese grupo? O que fixo a nosa escritora, e animo aos lectores deste xornal a comprobalo, foi ridiculizar os ideais políticos desa obreira, a ilusión que tiveron as traballadoras coa chegada da I República. Ademais, nesa obra salienta como a novelista non respectou en numerosas ocasións o papel do narrador pretendidamente impersoal e invadiu artificialmente o texto coa súa reaccionaria ideoloxía, co reiterado uso da sátira tendenciosa, como afirmou o profesor González Herrán (1988), principal experto en Pardo Bazán en Galicia. Algo que se reitera na segunda parte da novela, Memorias de un solterón, na que o socialista Sobrado, é cualificado, polo seu compromiso ideolóxico como “un loco, un charrán”, poñendo todo o empeño o narrador en explicarnos que as reivindicacións dos socialistas pola igualdade eran só escusas para mellorar a súa posición social.

Propagandistas ou académicos?

Paz manipula o contido do meu escrito para dicir que se trata dun ataque contra a escritora, cando o obxectivo do texto é denunciar a torpe manobra da Xunta co uso de Meirás. A continuación, pon enriba da mesa un tema realmente inquietante: as figuras locais non poden ser obxecto de crítica, pois sería “tirar piedras sobre nuestro tejado”. Un dogma que, iso si, non afecta a todos, pois Murguía, impulsor da Real Academia Galega, é criticado polo obxector.

Xa me gustaría, como coruñés, que a excelencia literaria que adorna a Emilia Pardo Bazán, e algunha contribución feminista, non estiveran acompañadas de valores e comportamentos inaceptables. Saiba, Sr. Paz, que ao máis nobre do espírito herculino lle repugna montar ídolos sobre as medias verdades ou as mistificacións interesadas. Pouca autoestima posúe unha comunidade se non é quen de mirar coa verdade ás súas figuras e precisa falsear a realidade para crear mitos. Ademáis, o estudoso debe traballar con rigor e presentar os resultados do seu labor investigador sen condicionamentos externos. O noso compromiso é co coñecemento, que acostuma a ser complexo, como no caso da Pardo Bazán. Non nos corresponde facer haxiografías, aínda que sexan recompensadas polos poderes. O que me chama poderosamente a atención é que un catedrático de universidade como Paz defenda esa tese provinciana e populista e, sobre todo, contraria a toda ética e metodoloxía profesional. Somos científicos, non propagandistas. Este señor manifesta unha confusión preocupante entre o papel dun investigador e o dun político, por iso non é de estrañar que actúe como avogado defensor do Sr. Feijoo.

Sensatez, rigor e unidade

Cómpre sensatez, pensar no interese xeral. Celebrar a excelencia literaria, o vigor cultural e as contribucións feministas (as reais, non as supostas) de Emilia Pardo Bazán pero aparcar outras pretensións, moitas delas interesadas e carentes de base, que conducirán —antes ou despois— ao ridículo intelectual. Así evitaríamos unha división que resultará negativa para a propia imaxe da escritora, da Coruña e de Galicia.