Falar de Xela, falar con Xela. Dous xeitos de enfocar un tributo póstumo a unha autora que partía, hai 18 anos, con moito por escribir todavía, que conflúen na obra Xelarias, Palabra á Intemperie, de Baía Edicións. Unha biografía en verso nacida da colaboración entre a escritora coruñesa Emma Pedreira e a ilustradora Laura Romero, que toma como referencia os versos da poeta para construír o seu periplo vital, utilizando, como punto de partida, as súas propias linguaxes. Verso e ilustración coexisten na obra que ambas autoras conciben como unha conversa a tres bandas: Xela Arias e Emma Pedreira dialogan. Laura Romero debuxa.

A edición está tan coidada como o seu contido. A sensibilidade da peza está plasmada tanto na tipografía violeta escollida para resaltar os versos de Xela Arias, que, entretecidos cos de Emma Pedreira, axudan a construir o relato da vida da escritora; como nas imaxes mesturadas por Romero que, a xeito de collage, serven ao mesmo propósito. Emma Pedreira toma os versos de Xela e constrúe a parte. Laura Romero toma esa parte e completa o todo. “É unha conversa un pouco atípica. Non está concibida como unha biografía, senón como un libro de poemas onde Xela intervén”, explica Emma Pedreira. O libro non só fala de Xela Arias, senón que o fai, ademais, nos seus propios códigos. “O libro emprega linguaxes que Xela recoñecía como propias, como o collage ou o verso. Iso é o que ela facía, empregando a sintaxe e a morfoloxía das imaxes. Usamos as súas teimas, as súas maneiras de facer”, describe Pedreira.

Xela Arias, figura escollida pola Real Academia Galega como a homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, deixou, nos seus 41 intensos anos de vida, catro poemarios publicados: Denuncia do Equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a Diario e Intempériome, pero tamén multitude de traducións, así como a pegada dos seus versos nun amplo número de obras colectivas. Os catro exemplares que compoñen a súa obra poética, breve pero ampla, inconclusa pero pechada ao seu xeito, son reinterpretados e analizados en Palabra á intemperie por Emma Pedreira e Laura Romero para debullar o legado, o discurso e, sobre todo, o xerme e desenvolvemento do inmenso afán de liberdade que a escritora reivindicou e practicou durante toda a súa vida. “É un gustazo inmenso poder expresarme a través de Xela, con esa liberdade que ela tiña. Xuntarnos a Laura e a min foi unha grande idea por parte da editorial Baía. A través dos seus versos, dos meus e das imaxes, podemos aprender cousas de Xela. Como se forma como poeta, o seu periplo, onde naceu, onde estudou, como se consideraba a si mesma, o seu discurso, que pretendía, con que era feliz e con que non”, refire Pedreira.

Dúas ilustracións do libro.

O resultado avala esta percepción: nas preto de 50 páxinas do libro, as autoras elaboran un percorrido por distintas arestas da personalidade de Xela Arias a través da súa obra. Dende o seu nacemento, pasando polos seus inicios no oficio, ata chegar á súa visión da maternidade, que constitúe, para Pedreira, un dos seus máis valiosos legados. “A súa visión da maternidade, nos 90, é absolutamente nova. Cando ela publica Darío a diario, sobre o seu fillo, fala dun tipo de nai non imposta, que desfruta, que vai fora do canon. Desfruta do seu fillo véndoo medrar. Nun dos seus versos escribe “non quero posuírte”. Hai un discurso moi actual sobre esa maternidade”, reivindica Pedreira, que sitúa Palabra á Intemperie como un libro vivo, nacido para ser concluído polo lector destinatario, unha consigna que completa o tributo á escritora, empregando como ferramenta, unha vez máis, os seus propios xeitos de facer. “É unha biografía, unha conversa, un libro de imaxes, mais tamén é un libro de actividades: pódese escribir, recortar e pegar, dobralo... ela dicía que quería os libros vivos, non como cadáveres nos andeis”, revela Pedreira.

Un relato en positivo que foxe dos malditismos que adoitan acompañar aos artistas e escritores que desaparecen demasiado pronto. “Ela estaba nas marxes, pero non era unha poeta maldita, era rebelde. Si que hai un punto mitolóxico”, concede a autora.

O uso da imaxe da boa conta da intención subxacente. Para Laura Romero, responsable das ilustracións, non cabía outra representación gráfica que o collage. “Cando vin o texto, empecei a decatarme de que o traballo non me pedía ilustración, como fago normalmente, porque sempre se di que Xela traballaba co collage poético”, revela Romero, que non oculta, non obstante, que a reinterpretación gráfica alternativa foi un proceso creativo moito máis complexo do que adoita ser habitual: “Eu xa fixera algún traballo de collage, sobre todo con cartelería. Empecei a traballar tomando de referencia a poesía de Emma. Gustoume moito, pero noto que cansa máis a cachola. É un traballo máis de cachola que de man”.

Xela Arias, unha conversa de tres