Hoxe traio ás páxinas do xornal La industria minera en Galicia, un escrito que destaca polo seu contido, a escaseza de contribucións similares na súa época e o feito de que pasara desapercibido. Foi obra dun enxeñeiro de minas que é merecedor dun recoñecemento superior ao acadado ata agora. Trátase do compostelán Ramón Rúa-Figueroa (1825-1874), relacionado coa xeración “provincialista” de 1846 (a de Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Antonio Neira de Mosquera...). Quen formou parte dunha familia con salientable compromiso progresista e co país, asociada de xeito erróneo coa da nai de Emilia Pardo Bazán.

Relación coa Coruña

Non foi casualidade que o artigo do que falamos aparecera en Coruña, publicado en El Herculino. Almanaque político y literario para el año de 1869, editado a fins de 1868. O autor residía e traballaba na cidade como enxeñeiro xefe desde o 21 de setembro de 1865. Esa presenza estaba moi relacionada co feito de que o seu irmán maior, Manuel, exercía como avogado na urbe herculina. A ela xa acudira Ramón en 1840 para matricularse no Consulado Marítimo, onde se impartían as docencias de Náutica e Comercio e que contaba como profesor de Matemáticas a Benito Sotelo Rivas, discípulo de Domingo Fontán. Con ese salientable docente formouse nesa materia cara a emprender a carreira de arquitectura.

Rúa-Figueroa rematou en 1845 os estudos no Consulado e trasladouse a Madrid. Levaba o contacto de dous destacados científicos galegos, Ramón de la Sagra e Casiano de Prado, quen o animou a dirixir a súa formación cara á enxeñería de minas, carreira que rematou en 1850. Realizou as prácticas nas minas de Riotinto, tivo diferentes destinos e en 1854 visitou varios distritos mineiros de España e do estranxeiro. Regresou en xuño de 1855 a Madrid e o 22 de agosto foi destinado —por vez primeira— para Coruña. Desde ben novo Ramón tiña unha especial inclinación pola literatura e nesa estadía deu á luz un libro de artigos e poemas, Ayer y hoy, que non dimos localizado.

Ilustración que acompaña a El Herculino, alusiva á reclamación so sufraxio universal

Ilustración que acompaña a El Herculino, alusiva á reclamación so sufraxio universal

O 7 de febreiro de 1857 foi reclamado para realizar, con Fernando Bernáldez, un estudo e propoñer melloras sobre as minas de Almadén, tema sobre o que redactaron unha memoria. Rúa-Figueroa deixou Coruña para ocupar a secretaría da Escuela especial de Ingenieros de Minas (Madrid) e, tras pasar por varios destinos, algún tan relevante como a dirección das minas de Riotinto, volveu en 1865 á cidade herculina e permaneceu ata xaneiro de 1869. Nese tempo dirixiu o distrito mineiro, visitou a Exposición universal de París (1867), participou na vida política do momento e redactou tres notables publicacións. Ademais do artigo que protagoniza este episodio deu a coñecer Mármoles de Galicia, aparecido en 1867 en dous xornais, El Miño (Vigo) e La Correspondencia de Galicia (A Coruña). Ao ano seguinte, 1868, publicaría un valioso libro de máis de trescentas paxinas: Minas de Riotinto. Estudios sobre la explotación y el beneficio de sus minerales, editado na Coruña polo Establecimiento tipográfico de Eusebio Cascante.

Cómpre destacar o momento político no que apareceu La industria minera en Galicia, xa que en setembro dese ano 1868 tivera lugar a revolución que rematou co reinado de Isabel II. Ese contexto apreciase na publicación na que apareceu o artigo, protagonizado por persoas achegadas ao Partido Demócrata, unha escisión pola esquerda do Partido Progresista, que defendía o republicanismo e o sufraxio universal; a fins dese ano pasaría a denominarse Partido Republicano Federal. Un dato que nos axuda a situar a identidade política do propio Ramón Rúa-Figueroa. Por outra banda, que o traballo sobre a minería figurara nunha publicación non habitual para ese tipo de escritos debeu favorecer que pasara desapercibido. Só aparecería citado como referencia bibliográfica, sen analizar o seu contido, agás un moi breve resumo na obra do propio Ramón e Eugenio Maffei sobre publicacións mineiras (1871-72).

Precedentes

Á hora de buscar publicacións previas sobre o tema tratado por Rúa-Figueroa o que salienta é a súa escaseza e mesmo a limitada información que ofrecen, o que outorga ao artigo do enxeñeiro un carácter pioneiro e un valor singular. Por outra banda, en pleno século XIX, no momento no que o coñecemento e uso de recursos xeolóxicos era un elemento clave para o desenvolvemento económico dos países, esa clamorosa lagoa subliña o atraso no que se atopaba Galicia.

A principios do XIX atopamos a contribución do alemán Guillermo Schulz, comisario de minas que publicou en 1835 a Descripción geognóstica del Reino de Galicia. Aínda que nesa obra non tiña como obxecto o estudo dos minerais, fixo algunha referencia a eles nalgúns apartados (Indicaciones para la industria en Galicia e Resumen de lo que ofrece este país para la minería). Salientou o interese do estaño, ferro, galena, antimonio, lignito, das areas auriferas, etc, ofrecendo unha información moi xeral. Ese traballo de Schulz non foi completado nas décadas seguintes. Temos que agardar a 1866 para que Víctor López Seoane publique Reseña Geológica na Reseña de la Historia Natural de Galicia que formaba parte da Historia de Galicia de Manuel Murguía. O naturalista seguiu o esquema de Schulz, con algunha actualización terminolóxica e escasas incorporacións, como a de dous minerais descubertos por Antonio Casares. Seoane rematou o texto cunha táboa sobre “la riqueza minera de Galicia” na que enumeraba as minas en explotación (136) e os minerais extraídos (22); unha información de limitado valor pois non comunicou as súas fontes.

‘La industria minera en Galicia’

Rúa-Figueroa comezou o seu artigo subliñando a escasa importancia das explotacións mineiras galegas naquel tempo. Unha inferioridade que atribuía a dúas causas principais: a) “la falta de vías económicas de transporte”, b) “la carencia de espíritu industrial y de asociación”. E engadía: “Tal vez el grito de la civilización y del progreso, lanzado en nuestros valles y montañas por la potente voz da locomotora venga algún día a despertarnos de nuestro letargo y a modificar los inveterados y añejos hábitos de un pueblo noble en su historia, rico en sus leyendas y tradiciones, laborioso en sus afanes, fecundo en su suelo, pensador en su espíritu, sufrido en su adversidades”. Non obstante, coidaba que a explotación mineira no país non tería un grande desenvolvemento, botando en falta nas reservas xeolóxicas o combustible mineral [carbón], o “pan de la industria”. Repasou a minería na historia e sinalou que nese momento, 1868, ollaba como as minas de estaño e ferro eran as que “con mejores condiciones de persistencia, calidad y abundancia ofrecen sus productos entre nosotros”.

Un elemento diferencial do artigo deste enxeñeiro con relación aos traballos previos é que ofrece datos cuantitativos sobre a actividade mineira, froito —ademais — do seu labor profesional no trienio 1865-1867. De feito, amosou unha primeira información detallada das explotacións, produtos e valor dos mesmos. Indicou que ata 1867 a superficie das explotacións mineiras galegas era de 512 hectáreas, delas 240 correspondían á provincia de Lugo, 159 a Ourense, 93 a Coruña e 20 a Pontevedra. Diferenciou esas superficies por minerais extraídos nelas: estaño (164), ferro (141), cobre (102), chumbo (66), manganeso (24) e lignito (15). Os minerais explotados, segundo a súa importancia cuantitativa, eran: ferro, cobre, estaño e chumbo. Rúa-Figueroa coidaba que “La industria del hierro es la que, en nuestro sentir, encierra mas elementos de prosperidad en el suelo gallego”, porén se lamentou do pouco consumo interno dese material en Galicia, 0,80 kg por habitante (en arados e forros de rodas de carros), en evidente contraste cos 54 kg en Francia. Sinalou onde se localizaban as principais minas de ferro e pasou a comentar os minerais de cobre, indicando as minas de Cerdido e Moeche. Canto o estaño estimaba que “pudiera elevarse a una cifra mayor [a produción], si otros fueran los medios de transporte en este país y el espíritu industrial de sus moradores”.

Despois de comentar a situación doutros minerais presentou datos da produción dos principais, establecendo un valor medio considerando os tres anos que estudou: 18.667 quintais métricos de ferro, 12.042 de “ferro-cobrizo”, 441 de estaño e 281 de chumbo. Conxunto para o que estimou un valor de 630.765 reais. Tamén documentou a produción en metal (de ferro doce e estano), 1.555.744 reais. E completou a información coa cantidade que recibía a Facenda estatal por los minerais exportados, 28.849 reais, e o número de obreiros na industria mineira galega entre 400 a 420 en 1867.

O enxeñeiro tamén se detivo nas importantes industrias anexas á minería, dando consellos sobre posibles explotacións de interese. Citou a calcaria e mármores de Lourenzá e o Incio, a serpentina de Moeche e destacou o futuro que tería a explotación da lousa, que poderían competir moi ben coas estranxeiras (as francesas e as de Gales). Tamén chamou a atención sobre o interese das nosas arxilas e caolíns. Laiouse do abandono naquel momento da produción cerámica en Sargadelos, observando que no mercado só se ofrecía louza inglesa ou de Sevilla, “dejando en el más vituperable olvido nuestros excelentes kaolins de la Limosa, Viga da Vila y Castro-alto en la costa cantábrica de la provincia de Lugo”. E non esqueceu as posibilidades do granito e a produción de ladrillos, facendo mención do “kaolin de Monte de San Pedro”, válido para ladrillos refractarios.

Rúa-Figueroa fixo especial fincapé no seu artigo na necesidade de superar vellas inercias e camiñar cara a industrialización de Galicia, asociada á explotación dos recursos naturais: “Luchemos, pues, contra esa rutina, y luchemos al mismo tiempo para que este hermoso y olvidado territorio se halle pronto dotado de un camino de hierro, que ha de constituir la piedra angular sobre que repose la prosperidad moral y material de nuestra olvidada Galicia”. As súas chamadas terían pouco éxito. No terreo das publicacións sobre minas galegas houbo que agardar ata ben entrado o século XX para atopar algo nos traballos de Ramón del Cueto.

Suposto tío de Emilia Pardo Bazán, que non foi tal

Algúns estudosos teñen destacado unha estreita relación de parentesco entre o enxeñeiro (e os seus irmáns) e a nai de Emilia Pardo Bazán (Amalia Rúa-Figueroa), ao considerala irmá. O segundo apelido da proxenitora da escritora é Somoza, diferente ao de Ramón, Fraga; e tampouco tiveron o mesmo pai. O parentesco era ben distante, coma o que poida ter eu con Ramón. Esa equivocada conexión figura repetida en numerosas publicacións. Un “copia e pega” nunha cuestión que non é menor pois esa suposta irmandade de Amalia vén sendo utilizada como elemento relevante para caracterizar o progresismo da contorna familiar de Emilia.