Na parte de atrás do instituto Rosalía Mera, en Labañou, dúas obras de Urbano Lugrís miran ao mar, cando menos, polo de agora. O colectivo In Nave Civitas, o instituto e a asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero colaboraron para que o Día Lugrís se trasladase este ano á contorna das Percebeiras, como unha maneira de darlle visibilidade non só a Lugrís senón tamén á loita dos veciños que se opoñen á construción de vivendas nunha parcela que, agora, utilizan para pasear e que, de ser construída, quitaríalles a vista directa ao mar e á Torre de Hércules.

Precisamente, para que o faro romano non perda a súa conexión co barrio, o colectivo In Nave Civitas elixiu as obras Torre de Hércules, unha táboa que data do ano 1960, e Homenaxe ós músicos e poetas do mar, do ano 1973, para darlle vida a unha das paredes do centro. Foi o grafiteiro KSE o encargado de plasmar estas dúas obras de Lugrís en Labañou.