Isabel Risco volve aos escenarios e faino con Bravas, un espectáculo no que percorre a historia de Galicia a través das súas mulleres. Estará o xoves, 15 de abril no auditorio do Ágora, nunha función para o público xeral ás 19.00 horas e noutra para estudantes do IES Agra do Orzán. A entrada é gratuíta até que se completen as noventa prazas da sala.

Xa tería ganas de se reencontrar co público, logo de tanto tempo...

Si... Nós sen público non somos nada, o público é o máis importante. A forza da xente é o noso combustible, as máquinas precisan gasóleo e nós, ao público. Coas restricións q hai actualmente, a falta de público é difícil de sobrelevar. Non só como espectadores senón a nivel humano.

En Bravas fai un repaso desde a época castrexa até as mulleres que virán, do século XXIII, como son esas protagonistas?

Non é a carreiriña dun can. Temos un país cunha historia riquísima e que, de moitas maneiras e con moitas intencións, foi agochada e temos dereito a descubrila e a coñecela, porque nola quitaron e nola agocharon, sobre todo no caso das mulleres porque na nosa sociedade e na nosa cultura xa non é que estea agochada, é que está soterrada e hai que sacala para fóra. A nosa proposta, que aínda está en construción, porque o teatro é sempre aprender e modificar e intentar mellorar, é facer Bravas I e Bravas II, É coma se fosen dous fascículos, porque temos unha historia tan grande e tan importante e tan interesante que cremos que ten que ver a luz, sobre todo, no caso das mulleres,.

E Bravas I é o deste xoves, non?

Si, ese é o que xa está máis ou menos preparado, e vai desde o reino suevo até o século XXIII. O Bravas II vai desde a época castrexa até a actualidade. É coma unha viaxe no tempo nos dous casos.

E por que dúas partes?

Pois porque tiñamos tanto material, coas achegas de Paula Carballeira, de Clara Gayo, de Xurxo Barcala... O fío condutor que lle fixemos é a mitoloxía galega, a achega das mulleres á mitoloxía non só como transmisoras senón tamén como protagonistas. O material era tanto, que a min a cabeza non me daba. Por iso decidimos dosificalo. Ao ser unha historia tan extensa facía falta unha enciclopedia, entón, resumimos e aínda resumindo deunos para dúas entregas. Na Coruña, desta volta imos desde o reino suevo até o século XXIII con paradas.

E as protagonistas son mulleres que xa coñecemos, como Rosalía de Castro ou María Pita ou afonda tamén nesas mulleres anónimas que tamén construíron a historia de Galicia?

Pois vai, precisamente, de mulleres anónimas. A nosa historia é espectacular e das mulleres, en canto a vas descubrindo, aínda máis. Hai mulleres que foron importantísimas que conquistaron cousas importantísimas para a sociedade e que non son tan coñecidas coma María Pita. Rosalía para min é intocable, creo que non hai ningún país no mundo que teña como símbolo, como luz, matriarca e facho que alumea a unha muller como nós temos a Rosalía. Hai outras mulleres das que non se falou tanto, pero que tamén fixeron historia. Todo o mundo coñece a Juana de Arco, pero a xente non sabe quen foi María Castaña. A idea tamén é recoller a esencia das mulleres como colectivo.

Falar máis de feitos que de persoas concretas?

No caso de María Castaña, ela decide enfrontarse ao bispo de Lugo, pero para iso organiza a mulleres e homes nunha revolta, é un colectivo no que hai mulleres anónimas. Hai un movemento moi coñecido, que é o das sufraxistas, pero antes ca elas houbo outros fitos aquí protagonizados por outras mulleres bravas e decididas, como as cigarreiras da Coruña, que fixeron unha folga en 1831 e despois outra en 1857. Houbo economistas británicos e machistas que denominaron esa revolta como negociación colectiva por disturbio. O importante é saber quen eran esas cigarreiras que loitaron colectivamente para transformar a realidade e para converter este mundo nun lugar mellor. E coma elas, outras mulleres, que parecía que non facían moito, pero si que facían. Quen mantivo a tradición de facer empanadas, que é un invento do século VII? Imos do máis cotiá ao máis revolucionario. Por iso é importante reivindicar as mulleres anónimas no colectivo.

E como será esa muller do futuro, do século XXIII?

Falamos do que queremos que sexa, un futuro de igualdade, no que non hai etiquetas e se as hai, non son coma as de agora. Onde as mulleres teñen máis control sobre o sistema e, por iso, é máis harmónico. Aínda que é unha obra feminista e reivindicativa, buscamos contalo todo con humor, así que, tamén lle damos ese toque de que podemos ser un pouco tolas, porque parece que non temos dereito a despendolarnos.