A conmemoración onte do Día Internacional da Concienciación sobre o Ruído levou á asociación ciclista Mobi-liza a organizar unha marcha en bicicleta pola cidade. O presidente do colectivo, Alejandro Voces, considera que os carrís-bici incrementaron o emprego destes vehículos pero cre necesarios máis aparcamentos seguros e está convencido de que as bicis eléctricas de Bicicoruña suporán un salto para esta forma de mobilidade.

É fácil moverse pola Coruña en bicicleta?

Nos últimos anos véñense dando facilidades pola construción de infraestruturas como os carrís-bici e a pacificación do tráfico coa normativa da Cidade 30. Pero segue habiendo dificultades como que certos lugares non están ben conectados co carril-bici, aínda que tamén o servizo de préstamo de Bicicoruña vai ser máis doado pola instalación de máis estacións e o feito de que algunas das bicis sexan eléctricas vai facilitar o seu uso. Pero o que segue sendo un atranco é a pouca facilidade para almacenar as bicis, xa que na rúa son moi escasos os aparcadoiros seguros e nalgunhas vivendas é difícil subilas por non dispoñer de ascensor e por ter escaleiras moi estreitas. Moita xente coméntanos que lle gustaría usar a bicicleta para ir traballar ou estudar pero que non atopa forma de deixala.

Aínda hai moita xente que lle ten medo ao tráfico?

Cremos que o feito de que haxa máis carrís-bici está diminuíndo nos últimos anos esa sensación de inseguridade, sobre todo naqueles que están mellor protexidos, tanto por un espazo como por elementos físicos, xa que pode haber pivotes pero os coches poden estar pasando a moi pouca distancia.

Non é unha cuestión psicolóxica? Porque moitos peóns pasan ao lado dos coches sen ningún medo.

Si, pero a propia experiencia fai que ese medo diminúa. Se usas habitualmente a bici, esa sensación de inseguridade que tes ao principio logo ves que non era tan certa. Evidentemente existe un risco, pero nun carril-bici só tes que estar pendente nos cruzamentos, mentres que no resto da calzada tes que estalo prácticamente cada segundo. A sensación de medo non está tan fundada, porque na nosa experiencia diaria vemos que o respecto que recibimos do resto dos vehículos é bastante alto e non hai tanto risco de incidentes na condución.

Aínda que se construiron moitos carrís-bici, non houbo un gran aumento no uso da bicicleta. Ten que considerarse como un medio de transporte máis que de ocio?

Si, moitas veces vemos que aumentou, pero para o ocio, aínda que tamén o fixo para acudir a centros de traballo e estudo e para facer recados. Pero cremos que non é suficiente e ademais dunha mellor infraestrutura, sobre todo para deixar a bici, ten que haber máis facilidades nos centros de traballo para que haxa duchas ou vestiarios, xa que a suor é un dos motivos que se mencionan para non usar a bici, aínda que non é certo porque se vai a unha velocidade moderada. Pero ter a posibilidade de cambiarse, sobre todos os días de chuvia, tamén facilitaría bastante o uso da bici.

Fala da chuvia, que tamén bota atrás a moita xente.

Coa chuvia, do mesmo xeito que co medo ao tráfico, coa experiencia daste de conta de que non é tan difícil como podías pensar, xa que existe roupa moi adecuada para poder empregar a bici en calquera día do ano. A maioría de nós usamos a bici a diario independientemente do tempo que faga, xa que un chuvasqueiro, un cubrepantalón e polainas para protexer o calzado se poden quitar sen problemas ao chegar ao lugar de destino. E só hai que mirar para os países do norte de Europa, que cun clima moito máis adverso usan a bici a diario sen ningún tipo de problema.

Cre que a bici eléctrica favorecerá que máis xente se sume a esta forma de mobilidade?

Estamos con certa ilusión pola chegada a Bicicoruña das bicis eléctricas porque cremos que vai facilitar bastante o seu uso, sobre todos en barrios que teñan fortes pendentes ou estean en zonas altas, polo que estamos convencidos de que vai supoñer un punto de inflexión para un maior uso. O bo que ten Bicicoruña ademais é que con este servizo non tes que almacenar a bici na casa nin o centro de traballo.