O director da Escola de Náutica da Coruña, Felipe Louzán, repasou o pasado xoves a historia dos aparellos de navegación nunha conferencia no Circo de Artesáns. Explica que, agora, hai moita tecnoloxía que axuda aos mariñeiros a saber que posición teñen no mar, pero que na escola seguen a ensinarlles a facelo de xeito manual, por se nalgún momento fallan as máquinas, para que se saiban defender nesas circunstancias, que foron as de moitos mariños antes ca eles. Louzán defende que a tecnoloxía axudou a reducir os accidentes marítimos, aínda que considera que non será posible que se cheguen a extinguir estes sucesos.

Como foron evolucionando e como se foi metendo a tecnoloxía nas pontes dos barcos?

Os primeiros instrumentos que se empezaron a utilizar na navegación foron o escandallo, a ampolleta, que era un reloxo de area e a agulla náutica, un método de navegación mediterránea que non valía para o Atlántico.

E por que non valía?

Porque no Mediterráneo hai costa sempre cerca, practicamente non se perdía nunca a costa de vista, pero no Atlántico non é así. Colón tardou meses en ver terra, por iso cambian os métodos de navegación. Tamén hai cartas, que foron evolucionando e hai instrumentos para calcular a posición, como o cuadrante, o astrolabio, a ballestilla e, a partir de aquí xa nace o octante e o kamal, que é un instrumento que se utilizaba no Índico...

E como funcionaba, por exemplo o máis primitivo, o escandallo?

Digamos que é coma unha chumbada cun oco na parte baixa, que se untaba con graxa, e que tiña un cabo, de xeito que se tiraba á auga para poder saber a calidade do fondo, porque o que había no fondo pegábase á graxa. Se o escandallo non traía nada era porque o fondo era de pedra, pero podía traer lodos, ou cunchas ou area. Con iso podíase saber se se podía fondear, se ías varar ou se estabas preto da costa.

Estes métodos conviviron coas novas tecnoloxías ou foron relegados en canto apareceron novos instrumentos?

O escandallo é un instrumento que sobreviviu até agora, segue existindo. O último elemento clásico é o sextante.

E o kamal, por que se utilizaba no Índico, que particularidade tiña?

Era un instrumento específico dos mariños do Índico porque ten latitudes moi elevadas, así que, era axeitado para eles. Os portugueses, porén, usaron o mesmo instrumento no ano 1500, porque a primeira constancia que existe del é da primeira viaxe de Vasco da Gama, cando xa vai cara ás Indias. Probárono nunha viaxe a Brasil pero viron que non era axeitado. Todos os demais fóronse utilizando nos países colonizados.

O cambio máis radical que sufriron os instrumentos de navegación foi o da introdución das novas tecnoloxías, como o GPS ou o radar, ou houbo outros máis salientables, xa que antes só se podía navegar baseándose na observación?

Claro, había a navegación astronómica,a navegación celeste. Pero si, o máis importante foi o GPS. Houbo outros sistemas electrónicos de navegación antes, como o Decca ou o Loran ou o sistema Transit, que xa utilizaba satélites, pero o que o revolucionou todo foi o GPS, que se empezou a coñecer a partir da guerra do Golfo, a partir dos anos noventa. E é o que domina o mercado aínda. Nós aquí na escola seguimos ensinando a navegación astronómica co sextante e o cronómetro, para calcular a lonxitude e a latitude.

No mar non se pode depender só da tecnoloxía, non si?

Exactamente.

E sempre tivo paixón polo mar e polos instrumentos de navegación antigos?

Polo mar, sempre. Polos instrumentos de navegación, a partir dos anos noventa. Manteño esa paixón, aínda que agora, coa pandemia, non podo viaxar para comprar máis.

A pesar de todos os avances da tecnoloxía, seguen a acontecer accidentes no mar, sen ir máis lonxe o da Canle de Suez hai unhas semanas, queda moito por mellorar aínda neste eido para facer o mar e a navegación máis seguras?

Mellorou moito a seguridade da navegación, pero os accidentes acontecen, aínda nos barcos máis avanzados. Están expostos a moitas forzas externas, correntes, ventos, erros... Van seguir pasando, cada vez menos, pero vai seguir habendo accidentes no mar. Co que xa non hai problemas grazas á tecnoloxía é á hora de calcular a posición no mar. Antes podías pasar varios días sen saber ben onde estabas. Estimabas onde estabas, agora sábelo, o que pasa é que, ao haber sistemas de navegación tan avanzados, as rutas e os puntos adoitan ser sempre os mesmos e os barcos conflúen no mesmo punto de recalada e están máis preto uns dos outros.

Pérdese tamén esa sabedoría que tiñan algúns mariñeiros, que vendo e escoitando como estaba o mar ían pescar a un punto ou a outro sen aparellos tecnolóxicos ?

Si, meu pai, que era patrón, guiábase unicamente polas marcas de terra, unha ponte, un piñeiro, as pedras, unha igrexa... Iso si que era navegar, eran coma os mariños antigos. Non precisaban de ningún instrumento máis que dunha agulla náutica. Na pesca de baixura non se usaban instrumentos porque os mariñeiros sempre estaban a vista de terra.