Elena Ferro, filla e neta de zoqueiros, criouse vendo traballar a seu pai e a súa tía Agripina. Medrou no taller familiar e de feira en feira. Aprendeu a facer zocos e a vendelos, e herdou un negocio a piques de desaparecer. Elena Ferro puxo de moda os zocos e revalorizou a artesanía do proceso e a tradición do oficio, elementos que a fixeron merecedora do Premio Nacional de Artesanía 2019. É unha das participantes, xunto á actriz Melania Cruz, da última conversa do proxecto Referentes, un ciclo de charlas entre persoas de referencia da cultura galega.

Que entende por referente? Por que pensa que vostede pode selo?

Para min, referente é calquera que sexa boa persoa e o transmita. Os referentes máis grandes que tiven no meu traballo foron a miña tía Agripina e os meus pais. Eu crieime nun taller de zocos e nunha casa de labranza. Miña nai era a que se encargaba da labranza, eles foron os que me ensinaron todo o que sei, que é o que tento transmitir co meu traballo. Non sei se eu son un referente ou non. Gustaríame dárlle forza á xente nova cos seus proxectos, como no meu caso cos zocos, que era algo a piques de desaparecer. Hai que crer, e sobre todo, traballar moito no que a unha lle gusta.

Non deixa de ser rara avis ver a unha muller nova triunfando nun oficio tradicional en desaparición. É algo a valorar.

Claro, case sería un pecado que non o fixera porque eu crieime nisto. Era case unha obriga para min non deixar morrer algo que me criou. Non é que o fixera por obriga nunca, porque me gusta moito. O primeiro que fixen foi respectar este oficio, que estaba denostado, e transmitir o que eu sinto por este oficio e polos zocos á xente. Nunca pretendín chegar a ningún sitio, senón dignificar o traballo que facía. Escoitei moitos comentarios despectivos durante 40 anos da miña vida. Estes anos nos que a xente xa non mira os zocos con desprezo foron moi gratificantes.

Na entrevista de Referentes non só fala de revalorizar o producto, senón tamén a súa venda. Defínese como feiranta.

Claro, é que eu son feiranta, crieime nas feiras. Antes de aprender a facer zocos aprendín a vendelos.Dende pequeniña fun ás feiras coa miña tía Agripina e con meu pai. Xogaba coas ferramentas no taller; aínda non sabía facer zocos, pero si que axudaba a vendelos. Ás veces utilízase a palabra feirante como algo despectivo, pero non hai maior feira que ir ao banco ou ir a comprar un coche. Non é feira, pero é a mesma situación, hai que ser legais con todo na vida, fagas o que fagas e traballes no que traballes.

Fala tamén dos estereotipos que recaen sobre os feirantes, como que a xente tende a pensar que a van enganar. Cal é a realidade da feira?

A realidade da feira é a realidade da vida, hai de todo. Hai xente que vai intentar enganarte, como en calquera sitio. Para min é como a vida en pequeno, vas a unha feira e vas a atopar de todo o que precises: roupa, comida, animais. Hai xente que tenta trampear un pouco e xente legal. Eu sempre vin á miña tia e ao meu pai aconsellando aos clientes. Eles sempre daban o mesmo que farían para eles, se viña unha persoa cun problema nun pé aconsellaban que non usase zocos.O fin non é vender, porque iso non suma; resta, non ganas clientes, pérdelos. Unha persoa á que aconselles ben vai quedar sempre contenta, aínda que non che compre.

Comezou na feira e acabou gañando o Premio Nacional de Artesanía sen perder a esencia nin o produto.

É un orgullo para nós ese recoñecemento. Custa asumilo, porque non o acabas de crer. Con iso demóstrase que somos persoas e que non somos nin máis nin menos que ninguén, dá igual onde te movas, o que fagas, o importante é facer o teu traballo, sexa cal sexa, o mellor posible. É o que intentamos no noso taller, calquera recoñecemento é agradable. Neste caso, xa ter máis que ese premio é complicado, é o máximo neste oficio. Foi unha sorpresa moi necesaria nun momento para min persoalmente complicado. Foi unha chispa de luz.