A oitava edición dos premios coincidiu coa celebración do trinta aniversario de Milladoiro. O labor desa banda a prol da música folk galega debía ser recoñecido como merecía e aproveitando esa data do seu trixésimo cumpreanos realizouse na gala de entrega un espectáculo único, no que oito artistas heteroxéneos subiron ao escenario do Teatro Colón para realizar cadansúa versión particular dunha peza incluída no repertorio da histórica banda. A idea era a de realizar achegas moi diferentes ao orixinal, que lle desen unha volta importante ao xa coñecido, e os resultados sonoros resultantes cumpriron ese requisito.

Entre os que participaron naquela homenaxe estaban Anxo Lorenzo, que veu acompañado dos Om-Off para lle dar un toque hindú ao tema A Bruxa, o grupo Ophiusa, Entre Trastes, Fía Na Roca, Cuarteto Caramuxo e os dúos Aló Irmao, composto polo guineano Manecas Costa e o inesquecible Fran Pérez Narf, Pedro Lamas-Jacobo de Miguel e Guadi Galego-Ugia Pedreira. Naquel momento, Fía na Roca xa gañara dous PREMIOS OPINIÓN, Entre Trastes lograra un e Guadi Galego e Ugia Pedreira tiveran co trío Nordestin@s o recoñecemento ao mellor disco. Anos despois, Anxo Lorenzo, o Cuarteto Caramuxo e Pedro Lamas, co proxecto da Orquestra de Jazz de Galicia, tamén lograron incorporar o seu nome ao historial dos galardóns.

A iniciativa non quedou só na celebración da gala, posto que algúns temas foron gravados durante as probas de son para incorporalos ao álbum Perspectivas, un traballo especial que foi entregado de balde aos lectores de LA OPINIÓN o 6 de xaneiro de 2010. Unha celebración de reis con música de moita calidade.

No disco finalmente non apareceron Fía Na Roca e o dúo Galego-Pedreira e decidiuse incorporar á obra ao trío Bonovo, que gravou o tema Alala-O Arcebispo de Constantinopla. Os demais están presentes coa peza que escoitaron os asistentes a esa gala, na que o equipo técnico e de produción traballou satisfactoriamente para que o cambio no escenario entre cada banda se realizase perfectamente.

Invernía e A Bruxa foron temas que formaron parte dos discos de Cuarteto Caramuxo e Anxo Lorenzo. Os outros quedaron para a posteridade en Perspectivas. O pianista Jacobo De Miguel e o saxofonista e gaiteiro Lamas, que interviron en formato trío co acompañamento dun bombardino, tocaron Os amores de Brunilda e Joseph K, Ophiusa optou por Per Loca Maritima, mentres que Entre Trastes se decidiu por Danza de Albarellos/O santo de pólvora. Non foron elixidas pezas das máis coñecidas do repertorio dos homenaxeados. Pola súa banda, Aló irmao puxo a voz coa súa reinterpretación de Voaría a Compostela, un tema que despois quedou no repertorio do finado Fran Pérez Narf, un artista ao que se bota de menos. A organización suxeriu esa peza, Quique Costas, daquela manager de Milladoiro, estivo de acordo coa escolla e Fran concibiu un fermoso arranxo que só se pode escoitar neste disco.

Esa noite memorable pechouse co concerto de Lizgairo, que conseguiran o beneplácito do xurado para acadar o primeiro lugar entre os mellores discos anuais co seu Diacronías. Naqueles momentos os artistas do disco gañador, aínda vixente o formato dos tres mellores traballos do ano, sempre pechaban a cerimonia para presentar ao publico o seu traballo.

Un álbum para a historia | L.O. Ó. l.

Anxo Lorenzo | Gaiteiro

“Encantoume poder intervir para homenaxear a Milladoiro nunha gala variada e orixinal”

O moañés comenta que veu tocar encantado, entre outras cousas, por ser unha homenaxe a Milladoiro, “un conxunto que foi un referente para os gaiteiros e triunfou internacionalmente”. Lembra a gala como “variada e orixinal”. Daquela estaba a presentar o álbum Tirán, “no que incluímos A Bruxa, o tema composto por Antón Seoane que interpretamos, e un par de pezas máis que xa tocará Milladoiro nos seus discos”.

Un álbum para a historia | L.O

Jacobo de Miguel | Pianista

“Considéroo un proxecto bonito nun formato que me gustou e que lembro con agarimo”

O pianista asturiano veu en formato dúo con Pedro Lamas e trouxeron a un intérprete de bombardino para acompañalos. “Empregamos un formato musical inusual. para esa noite. Eu fixen os arranxos e Pedro elixiu a peza”. O músico ve con moita simpatía aquela intervención na homenaxe, “que provoca algo de nostalxia polo tempo que pasou. Condidéroo un proxecto bonito nun formato que me gustou e que lembro con agarimo”.

Un álbum para a historia | L.O

Ramón Feáns |  Compoñente de Ophiusa

“Para nós foi un día emocionante e un privilexio poder estar presentes na homenaxe a unha banda de referencia”

Ramón Feáns Chiri comenta que para eles “foi un día emocionante e un privilexio poder estar presentes na homenaxe a unha banda de referencia para os que comezabamos co folk.” A súa escolla musical levounos ata un tema incluído no álbum Iacobus Magnus que non é dos máis coñeci dos da banda. “Per loca marítima é moi interesante e agradecido musicalmente. Atrevémonos a xogar coas programacións e os desenvolvementos harmónicos”.

Un álbum para a historia | L.O

Álvaro Iglesias |  Compoñente de Entre Trastes

“Foi un reto e un orgullo participar cunha actuación que consideramos especial nunha gala fantástica”

O músico considera o convite recibido como moi especial, “xa que se trataba de render tributo a un grupo fundamental na música galega. É a banda coa que medramos sendo mozos e aprendemos moito con eles. Foi un reto e un orgullo facer un tema do seu repertorio. A peza axeitábase ben ao noso estilo e tipo de instrumentación”. O contrabaixista garda moi boas sensacións. “Considerámola unha actuación especial dentro dunha gala fantástica”.