O cuarteto de arpistas ofrecerán un concerto no que presentarán en exclusiva algúns dos temas que van ser publicados no seu vindeiro traballo discográfico, do que rematarán as gravacións durante o verán. Coincidiron tocando na daquela chamada Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde tiveron de mestre a Rodrigo Romaní, e formaron parte da orquestra folk SondeSeu, gañadora de dous PREMIOS OPINIÓN, antes de montar o cuarteto. Falamos con tres das compoñentes da formación viguesa.

Como se senten con este convite para volver actuar na gala dos premios?

Elena Paz: Estamos moi ilusionadas por poder participar nesta vixésima edición e presentar os novos temas.

Josefa Fernández: Agradecemos que a organización conte novamente con nós despois de tantos anos. Estamos contentas por volver actuar na Coruña.

Que lembran daquel primeiro concerto, de vinte minutos de duración, que deron na gala dos premios no ano 2008?

Paula Oanes: Gardamos boas lembranzas. Daquela estabamos a comezar e aínda non graváramos o noso primeiro álbum. Foi un dos nosos primeiros recitais e puidemos facelo no bonito Teatro Rosalía de Castro. Agora temos moita máis bagaxe. Xa gravamos dous discos e fixemos actuacións durante todos estes anos, polo que imos cunha maior sensación de seguridade no que somos quen de facer no escenario.

O primeiro álbum é de 2010, o segundo editouse en 2015 e van sacar o terceiro este mesmo ano. Semella que toca disco, máis ou menos, cada lustro. É ese o período que necesitan para madurar as pezas que forman o repertorio?

E.P.: A data en anos cadraría perfectamente co que comenta se non fose porque o tema da pandemia adiou a gravación do próximo álbum. Levamos un ano de retraso sobre o que tiñamos previsto para o lanzamento do traballo. Supoño que iso lle pasou a bastantes músicos. Foi algo inevitable.

J.F. : A verdade é que estaba todo encamiñado, pero non era o momento oportuno para sacalo e debemos retomar as cousas. No que atinxe á saída dos discos cada cinco anos cómpre ter en conta que temos máis anos, agora somos nais e contamos con outras ocupacións que marcan o ritmo ao que podemos ir.

Non existe en Galicia un grupo das súas características, formado por catro arpistas que cantan. Iso fai que achegan algo diferente ao noso panorama musical, o que resulta de agradecer...

E.P. : Tivemos sorte de nos xuntar catro arpistas que coincidimos nos gustos e que cando nos puxemos a ensaiar viamos que estabamos cómodas e nos gustaba facer algo conxunto. En Galicia existen arpistas, mais xa son menos as que traballan neste estilo musical e, ademais, engadimos as nosas voces e por iso resulta difícil atopar unha formación das nosas características. A arpa é un instrumento que non se escoita moito e adoita estar incluído dentro dalgún grupo. Non é algo doado facer esta proposta musical.

J.F. : Non é tan sinxelo atopar alguén con quen coincidir nos gustos e intereses. Somos catro amigas e iso é moi importante para seguir adiante co proxecto.

No álbum que sairá este ano, e que aínda non ten título, que se vai atopar quen o escoite? Continuarase a liña estética xa coñecida de Lulavai?

E.P. : Máis ou menos será unha liña musical coñecida. Traballamos moito a parte da composición e os arranxos. Na nosa carreira fomos introducindo un maior número de pezas propias e nesta obra creo que ocuparán algo máis da metade do repertorio. Nos últimos tempos estamos a facer máis composicións que adaptacións de temas tradicionais galegos.

P. O. : Somos catro arpas e, polo tanto, non contamos coa variedade de instrumentos que teñen outras bandas. A nosa tímbrica está definida. Ademais de nas composicións, estamos moi centradas nos arranxos. Traballamos neles con moito coidado para que funcionen ben. No noso debut, con Cor das Verbas, tiramos máis do acervo tradicional, mais no seguinte todas achegamos composicións propias e había máis cancións nosas que da tradición. Eu estou moi contenta de que a miña peza Meniña de Auga, que está dedicada á miña filla, fose finalista ao mellor tema orixinal nos PREMIOS OPINIÓN.

J.F: Nesta ocasión contaremos coa colaboración puntual dunha requinta e un violoncello para o disco, mais nos directos só estamos as catro coas nosas arpas.

E.P: Estamos escribindo as partituras e creo que así todo sae mellor e as entradas e saídas resultan máis limpas, o que non resulta sinxelo.

Para o disco volven optar pola autoprodución?

E.P. : Vai ser igual que nos anteriores, nos que fixemos a produción e editámolo nós mesmas sen depender de ningunha discográfica. Nun primeiro momento tes que afacerte, mais pensamos que é mellor así. Desta forma permítenos traballalo todo ao noso xeito e temos claro que sabemos moi ben o que queremos. O tema de management faino unha empresa, coa que levamos uns anos, mais a elaboración e publicación do disco é un proceso que facemos completamente as Lulavai.

Poden falarnos dalgún tema especial que vaian interpretar na gala de entrega dos galardóns?

E.P: Imos facer unha canción un chisco diferente ao de costume. Trátase de Malaika, un tema africano moi coñecido en varios países. Imos cantalo en suahili.

Iso vai ser complicado, aínda que non creo que entre o público poidamos ter a alguén que lles comente o que estea mal na pronuncia nesa lingua…

J.F. : Témolo moi ensaiado. Non podía ser doutra forma para lograr unha boa interpretación.

Como se ven agora, despois de trece anos dende que apareceron na gala para dar a coñecer os temas que ían estar na súa ópera prima?

J. F. : Coido que afondamos máis nas cousas a nivel musical e estamos máis compenetradas á hora de tocar, o que resulta lóxico despois de todo este tempo. Esa compenetración axúdanos, entre outras cousas, a ser mellores cando realizamos actuacións.

E.P. : As catro somos máis maduras. Sei que soa a tópico, mais é a verdade. Iso é normal que se note na nosa evolución persoal e musical. Non é que non pasase antes, pero nestes momentos considero que temos moito máis claro o que queremos.

P. O. : Creo que musicalmente se nota que agora as catro arpas soan coma se fosen un único instrumento, polo que existiu unha evolución positiva na nosa andaina.