Que significa para o Cuarteto Caramuxo vir actuar á gala e presentar temas que se incluirán no vindeiro álbum?

Fernando Abreu: Imos ter a satisfacción de volver tocar en directo. Non o faciamos dende novembro. A ver se retomamos xa unha certa normalidade. Estar convidados para ir tocar á gala nunha celebración tan importante, a do vinte aniversario, é coma unha honra para nós e un auténtico puntazo. Estamos moi motivados. Estivemos moi centrados nos ensaios para que as pezas cheguen rodadas e o público poida gozalas.

Xulia Feixóo: Faime moita ilusión e, ademais , é un pracer poder tocar en público por primeira vez varios temas do álbum, que sairá en setembro. Apetecíame moito interpretar en directo este novo repertorio. Participei nalgún disco que foi candidato aos premios e agora gústame poder estar do outro lado, enriba do escenario.

Feixóo non formaba parte da banda daquela. Que lembra Abreu da intervención do grupo na gala que homenaxeou a Milladoiro?

F.A.: Gardamos moi boas lembranzas. Realizar unha versión de Milladoiro, co tema Invernía, foi coma un atrevemento e gustounos moito poder facela. Despois incorporámola ao noso disco. Estivemos cómodos na posta en escena. Esa intervención significou como pechar un círculo, xa que cando gañamos o concurso Cancioneiros, que nos deu a posibilidade de gravar a nosa ópera prima, tivemos oportunidade de tocar un par de pezas con Milladoiro nun concerto. Esa viaxe a Coruña resultou divertida e gravamos unhas imaxes co vídeo que logo serviron, xunto a outras gravadas tocando no propio Teatro Colón, para facer o primeiro videoclip da banda.

Son unha formación singular na escena musical galega, formada por catro clarinetes, acordeón e percusións, xa que non existe outras das súas características. Que pode ter iso de bo e malo, se é que ten algo de malo?

X. F. : De bo teno todo. Somos unha banda con moita liberdade no seu funcionamento e falta de complexos á hora de facermos música. O único malo é que non temos un circuíto definido para dar concertos. Temos un repertorio totalmente instrumental e non somos folkis como para pechar un festival nin tan clásicos como para estar incluídos nese tipo de actuacións.

F. A.: O bo é que chamamos moito a atención. No malo coincido coa miña compañeira, posto que os programadores, e considero que é un erro, non nos colocan nun estilo determinado e iso non axuda a que nos chamen. Pode que lles resultemos máis académicos que outros, pero o público baila cando tocamos. Non somos nin suficientemente clásicos nin suficientemente folk. Sempre loitamos por romper eses conceptos.

Xulia, vostede leva tres anos tocando coa banda. Como foi a súa integración como percusionista nun grupo moi marcado pola sonoridade dos clarinetes?

X.F.: Encantábame o que facía Caramuxo. Creo que o conxunto ten como unha dobre cara. Por unha banda pode estar esa formación máis clásica de cuarteto de clarinetes, mais existe esa integración dos clarinetes nun repertorio tradicional no que se emprega unha sonoridade que me resulta moi familiar e na que estou moi cómoda coa miña percusión tradicional. As pezas danme xogo para facer o meu traballo.

En canto ao son dos clarinetes, o público escoitará variedade.

F. A: Eu levo o clarinete contrabaixo, que chama a atención polas súas dimensións. Ultimamente estamos como especializándonos e os catro só tocamos cadanseu clarinete, eu antes tocaba outro diferente só para unha peza, o que facilita o traballo do empaste e evita problemas de afinación. As melloras técnicas servíronnos para sonorizar mellor estes instrumentos e agora temos máis limpeza e forza no escenario.

Que se vai atopar mañá o público a nivel estilístico cos novos temas que interpretarán?

X.F. : Coido que será o disco máis experimental do grupo. Continuará un pouco a liña anterior, con toques de jazz, música klezmer e sonoridades do leste europeo, o que non esquece unha visión propia da música tradicional galega. É un traballo onde existen momentos de improvisación libre.

F. A.: Partimos do Cancioneiro de Casto Sampedro. As melodías saen de aí e levámolas musicalmente a onde nos apetece. É unha obra na que existe moita liberdade e improvisación, con algo de free jazz. Os arranxos son moi colectivos e paréceme importante que todos os compoñentes acheguemos cousas. O mundo clásico sempre deixa coma un pouso delicado nalgunha peza, pero tamén existe unha parte cañeira. Haberá algunha sorpresa, a ver como se recibe. A liña que seguimos agora pode asemellarse ao que fixemos no noso tema Arrieiros somos.

Van ter sorte porque sempre se falou do dinamismo escénico do Cuarteto Caramuxo e, nesta edición, non será necesario dividir o escenario en dúas metades, polo que poderán moverse a gusto polo palco.

F. A : Xulia e mais eu somos precisamente os que non podemos movernos. A posta en escena sempre foi moi importante para nós. No tempo en que fixemos teatro quedounos clara a importancia da liberdade de movementos no escenario e para o espectador iso provoca unha visión diferente. Actuamos para o público e resulta importante telo enganchado ao que está a presenciar. Con pequenos detalles podes conseguir moito.

X. F. : Lémbrome velos no certame Cancioneiros e esa posta en escena, na que cada movemento tiña un sentido, deixoume abraiada porque en Galicia non se estaba afeito no eido da música a ese concepto escénico. Ese aspecto é algo que se traballa moito nos ensaios. Contemplándoos no escenario dende atrás, que é a miña posición, véxoos divertidos. Os meus compañeiros teñen unha gran comunicación entre eles, non en van levan trinta anos tocando xuntos.

Que pode significar este terceiro álbum na traxectoria do grupo?

X. F: Co anterior xa consolidaron un pouco a liña de traballo realizada coa música tradicional. Considero que comeza unha etapa de novos horizontes e experimentación. É posible que algunha xente do folk quizais non comprenda ben a nova linguaxe empregada.

F. A.: Seguimos evolucionando e adaptándonos. Patricia Cela está residindo en Gran Bretaña e chegou Xulia para substituíla, que logrou integrarse moi ben. Estamos a facer cousas diferentes e mantemos a ilusión do primeiro día. Levamos tanto tempo tocando xuntos que somos coma unha familia e iso é moi importante para continuar adiante co proxecto.