Para Amelia Guibert

No terceiro ano do mandato do alcalde Alfonso Molina xurdiu no seo da Corporación municipal coruñesa a iniciativa de construír un acuario. Naquel tempo non eran moitos os que existían en España e semella que a idea do Concello era crear unha instalación que servira de atracción ao público local e visitantes, contando co potente sector pesqueiro da cidade. O asunto demandaba dispoñer do asesoramento dun experto na materia e nas conversas sobre o tema apareceu o nome de José María Navaz, quen dirixía a Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa, entidade que albergaba un interesante acuario.

Navaz, un personaxe singular

Atopeime co nome de Navaz hai uns dez anos, cando estaba a preparar as biografías de varios biólogos mariños relacionados con Galicia para o Álbum da Ciencia. Non me soaba de nada e as referencias sobre el eran ben escasas. Porén, pouco a pouco, e coa axuda da súa familia, fun construíndo o singular perfil dun notable profesional e dun ser humano exemplar. E así, en 2014, publiquei —con gran satisfacción— unha breve biografía sobre quen era ben merecente de recoñecemento. Uns anos despois, 2019, apareceu unha extensa e magnífica biografía: José María Navaz y Sanz. La biología marina y la alegría de vivir. Editada polo Instituto Español de Oceanografía, é obra do biólogo mariño Alberto González-Garcés Santiso, fillo de Miguel González Garcés, quen foi escritor e profesor de Literatura de moitos coruñeses; un deles, eu.

José María Navaz y Sanz (Pamplona, 1897-San Sebastián, 1975) foi un ser vitalista e bondadoso. Desenvolveu múltiples actividades (docencia, investigación, teatro, pintura, deporte, escritura, divulgación, etc.) e sentiuse próximo e comprometido coas persoas nas diferentes situacións que viviu, algunha dramática, como a Guerra Civil e a posguerra. Nos dez anos que pasou en Galicia, nos que se sentiu ben acollido e deixou lembranzas positivas, centrouse no labor científico realizado no Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e na actividade docente na Escola de Maxisterio de Pontevedra.

Formación en Madrid e destino en Vigo

A súa familia estaba moi relacionada co mundo da educación e José María estudou Maxisterio e a carreira de Ciencias Naturais en Madrid. Interesado na educación de persoas con discapacidades (xordomudos e cegos), realizou estudos sobre esa cuestión nos laboratorios universitarios de Psicoloxía experimental. Ademais, presentou en 1929 a súa tese de doutoramento en Ciencias, un traballo sobre un tipo de vermes, os anélidos poliquetos. O activo e polifacético Navaz desenvolveu outras actividades formativas, culturais, deportivas e políticas. Cando estudante ingresou na Residencia de Estudiantes, á que seguiu vinculado posteriormente como colaborador (por exemplo, como bibliotecario da institución). Foi compañeiro de destacados personaxes relacionados con esa activa entidade krauso-institucionista, como Federico García Lorca e colaborou con La Barraca, a relevante e dinámica compañía de teatro universitario ambulante promovida por Lorca e Eduardo Ugarte; Navaz foi un dos seus primeiros actores.

Amante do deporte, practicou diversas modalidades, entre elas o fútbol. Na Residencia de Estudiantes foi xogador salientable do equipo de residentes vascos e chegaría a ser árbitro da máxima categoría do fútbol español polos anos 1927, 1928 e 1929. Comprometido coa política, de novo militou no Partido Comunista e na II República achegouse ao nacionalismo vasco. O feito de estar destinado profesionalmente en Galicia no tempo da Guerra Civil e posguerra evitoulle sufrir as represalias do franquismo.

O 31 de outubro de 1935 foi nomeado axudante do laboratorio vigués do Instituto Español de Oceanografía, tomando posesión en novembro dese ano e exercendo, na práctica, o labor de director do centro. Xogou un papel pioneiro no estudo dos Moluscos e dos cultivos mariños na Ría de Vigo, e en xeral en Galicia; tamén traballou sobre a pesca de peixes emigrantes e especies pouco habituais. O científico profesional entendeu que dentro da súa responsabilidade figuraba o labor de divulgación no sector pesqueiro. Por iso mantivo frecuentes contactos cos pescadores, realizando diversas charlas nas confrarías.

O proxecto dun acuario municipal na Coruña en 1950 e José María Navaz

O proxecto dun acuario municipal na Coruña en 1950 e José María Navaz Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Traslado a San Sebastián

A aprobación dun convenio entre o Instituto Español de Oceanografía e a Sociedad Oceanográfica de Guipuzcoa en 1946 facilitou o traslado de Navaz, o 19 de xuño, como director do Laboratorio Oceanográfico desa entidade, situada en San Sebastián/Donosti. Alí continuou coas súas pescudas e actividades divulgativas. Ademais, no novo destino dispuxo dun magnífico acuario, o que lle permitiu avanzar no coñecemento desa peculiar instalación, que xa demandara a súa atención nos anos previos. De feito entre 1945 e 1947 encargarase da planificación de acuarios de auga salgada, montando estruturas temporais en diversas feiras marítimas. Así fixo en Vigo, onde deseñou o de peixes mariños para a Feria Nacional Sindical del Mar (1945) e proxectou o acuario municipal da cidade (que non se executou). No donostiarra incorporou algunhas novidades. Introduciu, por exemplo, cabaliños de mar e medusas, traballou na iluminación e mesmo realizou o guión científico e asesorou en 1947 para a realización de dúas películas sobre os seres vivos do acuario vasco: Pobladores del mar: Los invertebrados e Pobladores del mar: Vertebrados.

O proxecto do acuario coruñés

O Concello da Coruña considerou en 1950 a posibilidade de construír un acuario e decidiu convidar a visitar a cidade a Navaz, quen, como acabamos de ver, era un experto no tema. O científico chegou en maio dese ano e probablemente lembraría a súa estadía coruñesa en agosto de 1943, cando era vicepresidente da Federación galega de natación e axudou na organización dos campionatos de Galicia na piscina da Solana. Non obstante, dubido que coñecera os estreitos lazos que no pasado existiran entre a institución que el dirixía, a Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa e outra similar que funcionara na Coruña. Falamos da Sociedad de Oceanografía del Golfo de Gascuña. Sub-Comité de la Coruña, fundada en 1906 e primeira das que se crearon en España; a segunda foi, precisamente, a vasca, constituída o 19 de setembro de 1908. No seu momento, a sociedade coruñesa tivo a iniciativa de crear unha Sociedad Española de Oceanografía del Cantábrico, que tería o seu comité directivo en A Coruña, para o que pretendía unir á Estación de de Bioloxía Santander, o Observatorio meteorolóxico de Igueldo (San Sebastián) e o propio Sub-Comité. A iniciativa non foi adiante pero os contactos co observatorio donostiarra fixeron que a entidade herculina participara, pouco despois, nos primeiros pasos da Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa. Para os vascos o Sub-Comité serviría de referencia, mantendo numerosos contactos e unha intensa colaboración coa entidade coruñesa. De feito, un dos primeiros acordos da sociedade donostiarra foi que “para toda clase de trabajos científicos marche de acuerdo y se entienda directamente con el Real Subcomité Oceanográfico de La Coruña”. Posteriormente, a sociedade vasca apoiou aos seus colegas coruñeses na demanda dun observatorio meteorolóxico.

En 1950 o Concello coruñés desexaba que o experto informara das condicións técnicas precisas para a instalación do acuario previsto. O 12 de maio dese ano Navaz foi recibido por representantes municipais, os tenentes de alcalde Romero e Bescansa e o xefe de protocolo, Zamorano. O interlocutor no terreo científico era Daniel Bescansa Aler, catedrático de Ciencias Naturais e director no Instituto Feminino, sobriño do destacado científico Fermín Bescansa Casares; ocupaba o cargo municipal desde maio de 1949, onde estaba encargado de Instrución Pública. Falaron sobre o tema e realizaron unha visita polos posibles emprazamentos do futuro acuario. Os puntos seleccionados estaban en situados en lugares ben diferentes, un en mar aberto, A Coraza, entre Riazor e o Orzán, e outro na baía, onde estaba o lavadoiro do Parrote. Despois do percorrido volveron ao pazo municipal para unha entrevista co alcalde Molina. Semella que nesas conversas a opción preferente era a do Parrote. Navaz expresou as súas impresións e suxestións e comprometeuse a realizar un anteproxecto para análise do Concello e dos seus técnicos.

A pesar do que vimos de comentar, en pleno proceso de toma de decisións, Molina afirmou que o lugar idóneo para o acuario era o castelo de Santo Antón. Non sabemos se se trataba dunha ocorrencia do peculiar alcalde ou existían razóns fundadas para apoiar esa opinión, que, en todo caso, era determinante. O certo é que, fose pola dificultade de proceder á instalación do acuario en tan singular construción ou por outras causas, o proxecto non se executou. Mágoa. Habería que agardar 49 anos para dispoñer dun acuario na cidade, os construídos na Casa dos Peixes. Neste caso a maquinaría do Concello e a construtora traballaron ao límite para que o Aquarium Finisterrae fose inaugurado en plena campaña electoral municipal, o 5 de xuño de 1999, na que se presentaba á reelección o alcalde Francisco Vázquez.

Polo que respecta José María Navaz, xubilouse o 7 de decembro de 1967. Nos oito anos que lle restaban de vida continuou —a petición da entidade— como director da Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa (á que doou súa biblioteca científica e material) e tamén ocupou a presidencia da Sociedad de Ciencias Aranzadi (1967-70). Josetxo seguiu vivindo no seu piso na parte vella de Donosti. Xa non podía exercitar actividades deportivas pero participaba da vida social, na sociedade gastronómica, no contacto coa familia, amigos, colegas e pescadores. Este amante da liberdade tamén lembraba os intensos tempos pasados.