Mario César Vila, da empresa Tempos Arqueólogos, é un dos expertos contratados polo Concello para explorar o patrimonio arqueolóxico do castro de Elviña, e é tamén responsable dos textos da web municipal sobre este. Hoxe, ás 20.00 horas, ofrece unha conferencia no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón sobre os últimos resultados dos traballos no sector 16 do castro, xunto co tamén arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira. O acto é gratuíto, con reserva previa, e é parte das xornadas arqueolóxicas que fará o museo ao longo desta fin de semana.

Que resultados atoparon?

Traballouse na entrada suroeste, na que se conseguiu delimitar un dos torreóns, e tamén o acceso nesa porta. A falta doutras intervencións, parece que era o acceso principal, a porta máis relevante. Ao traballar nun acceso, moitos dos materiais que atopamos proceden de arrastre: cando se abandona o castro, as augas que viñan de arriba arrastraron materiais. Nesta zona atopámolos da época castrexa, e tamén cerámica romana e baixo romana. Isto indícanos que hai un uso máis ou menos continuado e longo do castro, do século cuarto antes de Cristo ao quinto despois de Cristo.

Como eran as murallas?

O xacemento de Elviña denomínase castro porque entra dentro da cultura castrexa, pero tería que recibir o alcume de citania ou oppidum [termos para asentamentos fortificados]. Que quere dicir isto? Que é un castro de grandes dimensións, cun sistema complexo de murallas e terrazas, e ten unha preponderancia a nivel comarcal sobre outros castros da época. É o que articula, en época galaico-romana, o territorio ártabro. De aí a súa importancia.

Era un centro político?

Sen dúbida era un centro político. Os grandes castros están máis estudados na zona do Norte de Portugal e Sur de Galicia porque é onde se concentran, onde máis desenvolvemento a nivel social, tecnolóxico e económico tiveron. O caso do castro de Elviña é excepcional, xa que colle un amplo territorio sen outros oppida que fagan competencia. Un oppidum sería unha pequena cidade, grande para a época castrexa. Sería un centro económico no que se desenvolven actividades de mercado, de feira. En Elviña é onde, probablemente, se reunía a xente dos castros da contorna para vender e comprar produtos. E moitos dos materiais que atopamos viñeron por mar. Aínda que o castro estea a algúns quilómetros da costa, desde el vese toda a contorna do golfo Ártabro, e había un innegable fluxo marítimo. Cumpría a función de redistribuír cara o interior as mercadorías que chegaban por mar. A nivel social, probablemente a xente iría para facer contactos, pactos, casamentos ou acordos. Tiña carácter de capitalidade. Non no sentido oficial e administrativo, como o entendemos hoxe, pero si que cumpriría esas funcións a nivel práctico.

Se cadra vivían elites en Elviña que tiñan terras ou influencias na rexión, ou os notables vivían dispersos pero xuntábanse en Elviña para facer asembleas ou tratados.

Hai información á que non podemos chegar, pero a que temos apunta a que esa hipótese é probable, polo carácter de importancia do asentamento. Outros castros que coñecemos na zona noroccidental non teñen as características de Elviña.

Están explorando un torreón e unha entrada fortificada, e o asentamento estaba rodeado de murallas. Isto indica conflitos?

A cuestión das murallas sempre se asocia a aspectos defensivos e militares, pero tamén teñen outras funcións, aínda que sexan menos espectaculares. Na Idade Media a muralla definía unha cidade ou vila; no ámbito castrexo a muralla definía o hábitat. É unha configuración cun simbolismo asociado. Tamén regula os accesos: serve para controlar a entrada e saída de xente e mercadorías. Por exemplo, para cobrar algún tipo de imposto aos produtos. En época de doenzas é fundamental para evitar pandemias, e tamén serve para manter dentro animais domésticos e fóra as alimañas. No caso de Elviña trátase dun espazo aterrazado, con socalcos, con campos empregados para cultivo. Parte dese espazo de aterrazamento e murallas, que formaba parte dun mesmo concepto construtivo, ten relación coa maneira de organizar o castro facendo chairas habitables e útiles, delimitadas con muros.

Que poboación chegou a ter o castro, por estimacións?

O número de habitantes é unha pregunta recorrente da xente que visita o castro. O que temos escavado é moi parcial, un cinco ou dez por cento, temos unha parte mínima e prefiro ser prudente. Chamo a pensar en Elviña como nunha aldea moi grande, aínda non estamos falando das grandes vilas que teremos en épocas históricas, pero si que é un xacemento de entidade. Estaría no grupo de grandes castros, como Santa Tegra, que se di que era o máis grande, ou San Cibrao de Las.

Se había esa xente é porque terían capacidades económica e tecnolóxica para manterse.

Toda a zona de Mesoiro, ese val, son terras fértiles. Cara o sur e ao oeste, e cara o actual campus, hai unha contorna moi grande con potencial agrícola e acuíferos. Non terían inconvenientes en poder sustentar esa poboación. Ademais, contaban cos recursos mariños.

E atoparon algún descubrimento relativo a técnicas construtivas no traballo da porta suroeste?

Son semellantes ás que se localizan noutras partes do castro. A nivel tipolóxico, empregábase mampostería, traballo en seco. Si que é novidoso que atopamos morteiro nalgúns muros. O torreón ten partes que teñen que ver cos atopados noutras parte do castro, pero pola súa forma e dimensións sería o elemento máis novidoso.

Dicía que o castro só está excavado nun cinco ou dez por cento, pero levamos máis de medio século de excavacións. Que queda por facer?

Os xacementos arqueolóxicos o raro é que estean ao 100% escavados, e non deben estalo quitando casos especiais. Hai que deixar reservas arqueolóxicas, e non precisamos excavar todo para entender o castro. Por outra parte, o de Elviña é de grandes dimensións e as intervencións son custosas. É necesario excavar todo o castro? Probablemente non. Hai que consolidar o que temos, ir organizando as intervencións en zonas de interese, e pensar na difusión e na conservación. Non ten sentido que sigamos escavando sen que se difunda. Non é o caso de Elviña, pois o Concello preocúpase de facer excursións e manter unha páxina web, todo isto xestionado desde o Museo do Castelo de San Antón.

Como son os traballos que se están facendo actualmente?

O ano pasado presentámonos á licitación desta escavación, na que tamén se solicitaba que se deran prácticas aos alumnos da Universidade de Santiago, que ten un convenio co Concello. Ademáis dos traballos, damos formación aos alumnos do mestrado de Arqueoloxía. Temos un equipo de traballo profesional, con arqueólogos que fan a escavación, e tamén impartimos aos alumnos unha serie de aulas teórico-prácticas sobre cuestións que se cadra non se poden dar tanto en ámbito académico. Os alumnos vanse formando e tamén participan na intervención.