Como pode un expresar a lembranza, os sentimentos dun tempo xa pasado? A poetisa Olga Patiño e o fotógrafo Carlos Lourenzo combinando textos líricos e imaxes na mostra Territorio Acoutado, que se expón estas semanas na Fundación Luis Seoane. As memorias son as de infancia e xuventude de Patiño nas terras de Carral, a “lembranza da melancolía luminosa” dun tempo pasado.

A exposición, que se pode visitar ata o 30 de xuño no horario da fundación (11.00 a 15.00 horas e 17.00 a 21.00 horas, de martes a domingo), é, para Patiño, un “traballo poético a dúas voces”, xa que Lorenzo, coa súa cámara, é un “poeta da imaxe”. As fotografías que se atopan na mostra están desenfocadas intencionadamente, para “poetizalas” e imprimirlles “unha atmosfera de misterio”. “Trátase de lembranzas” explica Patiño “e os recordos xa perden nitidez”.

A imaxe e a palabra, explica Patiño, “compleméntanse” e delas sae “unha atmosfera ascendente que enriquece a percepción do lector-espectador”. Aínda que fotografía e poesía teñen “o seu propio código”, tamén presentan semellanzas, segundo Patiño, pois a imaxe, en Territorio Acoutado, “está chea de metáforas e de elipses” e suxire, máis que mostra, “como acontece coa poesía”. Aínda que a inspiración parte dunhas memorias concretas, as de Patiño en relación a Carral, “o contido dos poemas e das imaxes prefixan sentimentos e sensacións universais”, sinala a poetisa, o que permite que os visitantes se identifiquen con elas.

A mostra, financiada polo Consorcio das Mariñas, xa pasou por varios espazos, pero Patiño agradece as facilidades que lle deu a directora da Luis Seoane, Silvia Longueira. Territorio Acoutado tamén é un libro en papel, editado por Espiral Maior, e, como novidade dentro da exposición, un dixital, realizado por J. Francisco Lago Rey. Así mesmo, hai un libro de artista, unha caixa con tres poemas manuscritos e tres fotografías.