O historiador Francisco Jorge Leira-Castiñeira (A Coruña, 1987) doutorouse en 2018 coa tese La socialización de los soldados del ejército sublevado (1936-1945). Su papel en la consolidación del Régimen franquista, na que indagaba sobre a situación dos homes que pelexaron, de grao ou forza, no alzamento contra a República, e a súa vida na inmediata posguerra. Agora, ademais de continuar a súa carreira investigadora dentro do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, vén de publicar, coa editorial Galaxia, Soldados forzosos. A memoria esquecida da Guerra Civil Española. Neste libro mestura unha versión resumida e orientada ao público xeral das súas investigacións con fotografías da época procedentes de diversos fondos privados e públicos, algunhas delas inéditas.

Francisco Jorge Leira-Castiñeira. | // LA OPINIÓN

De onde sae a idea do libro?

De pensar que non tiña moito sentido facer unha tese se a xente non a le. Quixen facer unha cousa que poden ler e ao que poden acceder todos, e pensei que mesturar fotografías e textos máis sinxelos era unha boa opción.

Como conviven texto e imaxe?

Intento que haxa unha mestura das dúas. Dou unha explicación, e por outra banda as fotografías intentan mostrar o que quero expoñer nos textos. Deste xeito, fotografía e texto vanse intercalando ao longo do libro.

Cales son os principais puntos que transmite o texto?

O máis importante é que a guerra non é o que nos contaron, e tampouco a Guerra Civil: é unha cousa moitísimo máis complexa a nivel social, e unha situación que xera trauma. É importante, non só dicilo, senón tamén intentar que as fotografías transmitan ese trauma.

Como foi ese trauma para os participantes, rematada a guerra?

Unha vez rematada a mobilización, a xente o que quere é sobrevivir. O que fan é intentar integrarse nos resortes do Réxime, do xeito que poden, e seguir a súa vida. Houbo moita xente, e é un dos apartados nos que estou traballando agora, que tivo problemas psicolóxicos, que sufriron shock, estrés postraumático, e xente que intentou non lembrar o que viviran.

Como foi a mobilización no bando sublevado? Cal foi o porcentaxe de forzosos e voluntarios entre os soldados?

No caso galego, que é o que máis traballei eu, habería un 20% de mobilización voluntaria, que case toda se produce nos primeiros meses, e un 80% de soldados forzosos. Dentro deles hai xente que viu a guerra como unha oportunidade de aventura, ou amosar aspectos da virilidade e masculinidade da época, pero houbo un sector moito máis importante que non quería ir, independentemente do seu posicionamento político. Podían ser xente de dereitas, ou esquerdas no outro bando, pero en liñas xerais ninguén quería unha guerra.

Como foi o control e vixianza que exerceu o Réxime sobre estes soldados reticentes?

O proceso foi evolucionando e mellorando. A través do Servicio de Información houbo vixianza sobre os soldados, tratando de evitar calquera tipo de acción disruptiva ou perxudicial para a guerra. Crearon unidades de castigo, aplicaron sancións e incluso a pena de morte. Intentábase xerar un medo nos soldados: se facían algo fóra do que tiñan que facer serían os seus familiares os que o ían a pagar.

A súa tese recibiu os premios Miguel Artola e Juana de Vega, ademais dunha mención honorífica no George Watt. Como é cambiar desa linguaxe académica á dunha obra de divulgación?

Hai que cambiar de linguaxe, non é o mesmo a quen vai dirixido. Foi un proceso moi gratificante; tiven que reducir 600 páxinas de tese a 30 máis explicacións de fotografías. Aprendín que é o máis importante, e dentro diso, a intentar facer explicacións máis sinxelas sen que iso vaia en contra de explicar a complexidade do fenómeno que estou a estudar.

Como foi a recollida das fotografías presentes no libro?

Fíxena a través de diferentes fondos, desde a Biblioteca Nacional ao fondo Jaime Pacheco de Vigo, o da familia Blanco Valdés da Estrada, cesións de particulares... A través desas fotografías elixín as que me pareceron representativas, unhas duascentas. Logo fixen outra selección das que me parecían máis significativas e a partir de aí fun compoñendo o libro, pouco a pouco.

As imaxes que recolleu para este libro son todas da propia guerra? E dentro desta, que situacións se amosan?

Hai de todo: da fronte, da retagarda, do proceso social previo... Isto é algo que quería que fose importante, pois non partiamos dunha sociedade, por así dicilo, erma, senón dunha que tiña un coñecemento social, político, e na que estaban tendo actividades de asociacións. Quixen mostrar ese universo, que non está exento, loxicamente, de conflito. Logo hai fotos do proceso de mobilización, da vida na fronte, da violencia nela, do día a día no campo de batalla. E despois, na volta, de toda a imaxe propagandística que quixo xerar o réxime.