Este é o ano de Portocabo. Despois de facer fronte á pandemia e lanzar a segunda temporada de Hierro, rodar Auga Seca e estrear a película Cuñados, a produtora coruñesa segue adiante con Rapa, unha serie de Movistar+ que se vai rodar en Galicia. Tanto éxito, explica o seu director, Alfonso Blanco, “non foi flor dun día”, é o resultado de moito esforzo e traballo. E no horizonte, máis proxectos, porque este non é momento de parar.

Aínda en tempos difíciles, de coronavirus, Portocabo anuncia unha nova serie para Movistar+.

Si. A verdade é que levamos traballando desde o final de Hierro, o verán pasado. Foi un pouco épico terminar esa temporada en medio da pandemia. Xusto a continuación e sabendo que a serie quedou moi chula e que o canal estaba moi contento, comezamos co novo proxecto. Era un anhelo. Por fin Portocabo pode traer unha produción grande e ambiciosa a Galicia. Desgraciadamente tiñamos máis traballo fóra que aquí nos últimos anos. Queríamos traballar na casa. Xa tocaba. O éxito de Hierro permitiunos marcar esa dinámica e plantexar unha historia que sucedese aquí.

Por que a rapa das bestas e por que en Galicia?

Na nosa forma de contar historias, sexa en comedia ou en drama, o espazo importa moito. Sempre poñemos unha máxima de que nas historias o entorno ten que ser moi importante e se o cambias, a historia é diferente. Rapa só podía pasar nesa área, hai características singulares do espazo que o conectan co que estamos contando.

Ademais, con Javier Cámara de protagonista.

É unha marabilla. Levamos un tempo intentando convencelo porque nos parece un actor soberbio e consideramos que vai ser un personaxe memorable. Foi unha alegría enorme que un actor con tantas ofertas aceptara o noso proxecto, un actor internacional que rodou con Trueba, en Narcos ou con Jude Law en Young Pope. O resto do casting, salvo un par de excepcións, van ser todos actores galegos.Iso tamén é unha alegría. E o 98% do equipo técnico é galego. En un ano complicado para o sector, poder darnos este gusto é algo moi bo.

O éxito de Hierro, pesa ou motiva á hora de impulsar un novo proxecto?

Temos unha responsabilidade. Moita xente espera a nova serie de Portocabo. Por fin conseguimos iso que é tan difícil de conseguir, que fagas un éxito e haxa unha expectativa polo seguinte que vas facer. Sabemos que non foi flor dun día, que non foi sorte, foi moito curro. Hierro foi a confirmación de que había un equipo que podía facer as cousas moi ben. Con Rapa demostrase que as podemos facer tamén diversas e diferentes. O éxito de Cuñados tamén nos deu moito, conta que sabemos facer comedia e que podemos traballar en outros ámbitos como é o cine.

Que supuxo Cuñados para a produtora?

Fixémola como algo pequeno e modesto e o éxito nos sorprendeu. Nunca pensamos chegar a iso co cristo que había co COVID-19. Estreamos en abril, porque había que contribuír, aínda que fose modestamente, a que as salas seguisen. A sorpresa foi descomunal. É a película galega co lanzamento nacional maior da historia. En Hierro xa sabíamos que o produto era bo e que con un pelín de sorte ía funcionar, pero con Cuñados foi unha sorpresa maiúscula. Obríganos a seguir adiante coa liña de cine.

Hai en mente unha nova película?

Si. Estamos preparando rodaxe para o ano que vén. Calculo que, como mínimo, faremos unha película cada dous anos. Temos vocación empresarial e se imos a por unha liña de negocio, imos. A liña principal sempre vai ser a televisión, pero é certo que este tipo de cine, en galego e contado desde a proximidade, dásenos moi ben.

Como foi a experiencia de rodar en medio dunha pandemia?

Agora estamos moi contentos porque saíron ben ambas cousas, pero foi especialmente duro. De repente cambiou todo: organización diferente, moitas probas e certas limitacións á hora de agrupar moita xente. Foi moi complicado e rozamos o desastre en máis dunha ocasión. Decidimos asumir os riscos porque a outra opción era parar e non queríamos porque nos custou moito chegar aí e saíu ben. As rodaxes son complicadas. Eu cruzo os dedos agora e espero que coa vacinación podamos ver a luz e recuperar unha certa normalidade. No caso de Rapa é un proxecto moi ambicioso e nos ten que dar un pouco de tregua o COVID-19 para poder facer todo o que queremos. Ao asumir este tipo de riscos debería existir unha cobertura vía seguros ou vía estatal ou gobernamental, pero non hai. A produtora está nun momento moi doce e é perfecto para dar traballo. Estou intentando que os tres próximos proxectos sexan en Galicia. O éxito dos últimos traballos permíteme convencer aos meus socios, plataformas e canais de que este é o sitio ideal.

Cal é a situación do audiovisual galego en xeral?

Cando chegou o COVID-19, o audiovisual galego estaba no seu momento top da historia. Somos unha potencia del copón, sen matices, e seguímolo sendo, porque se sufriu en todas partes igual. O sector galego quizais foi o que mellor capeou o temporal. Vacafilms, Bambú, Ficción e Portocabo puidemos rodar, pero en Madrid, por exemplo, case todas as producións pararon. Ata para iso beneficiounos este sitio tan bonito no que vivimos. A pesar da crise, o sector ten unha diversidade que é inaudita para a rexión que somos. Hai potencia, e non só en series de televisión, tamén en cine de autor, con Oliver Laxe ou Lois Patiño. É un sector moi maduro porque é moi diverso e saíu talento. Eu comparo isto co boom da moda dos anos 80, que de súpeto uns deseñadores tiraron por outros. Aquí está pasando o mesmo. Por iso estamos traballando coas institucións para que arrimen o ombro. É unha industria tremenda se se xestiona ben. A miña mensaxe é moi optimista. Hai moita demanda de contidos, non sabemos o que durará e se o das plataformas é unha burbulla, pero a realidade é que nos próximos anos haberá demanda e aquí se produce moi ben.