Agora.gal nace coma un medio dos medios en galego. A iniciativa xorde logo de moitos meses, case un ano, de estudo dos contidos que se publicaban en galego en blogues e en webs. “Son case cincuenta. Do que se trata é de que eles se sintan a gusto neste espazo que nós estamos xerando e que queremos que sexa unha comunidade”, relata David Fontán, responsable de comunicación deste proxecto, que se foi cociñando durante o confinamento e que cumpre xa catro meses de vida na rede.

Agora.gal é un agregador de medios, así que os contidos están aloxados na súa páxina orixinal e, desde a plataforma rediríxese aos usuarios a estas páxinas principais. “Nós respectamos moito os creadores de contidos, en moitos casos son profesionais pero, noutros, non o son e nós queremos apoialos para darlles difusión, así que o máis axeitado pensamos que é iso, que unha persoa que chegue a unha información ou a unha receita de cociña a través de agora.gal poida vela na súa páxina orixinal, que iso tamén lles dá visitas aos creadores”, relata Fontán.

Nesta primeira fase, agora.gal non crea moito contido propio senón que se nutre do xa existente —sempre en sintonía cos seus colaboradores, xa que non é un agregador automático que replica as informacións sen consentimento—, aínda que si que teñen un blogue no que os fundadores da web contan non só a experiencia de botar a andar este proxecto senón tamén que farán entrevistas aos creadores que participan en agora.gal para que expliquen como está a ser a súa experiencia como xeradores de contido.

“Quizais no futuro nos animemos máis, pero até o momento, só facemos até aí”, relata Fontán, que asegura que viron a necesidade de que a información que se xera en galego de contidos máis alá da política ou do eido local, puidese estar compilada nun mesmo portal e que trate de temas que interesan ás persoas usuarias.

Para esta primeira fase e facendo un estudo do material que se compartía en internet, decidiron optar por arrincar con información sobre a pandemia, co tempo, tamén coa cultura, divulgación, deporte e co lecer, asegura Fontán que o fixeron deste xeito porque eran os contidos que máis atoparon en galego, pero tamén porque consideran que é un bo lugar “para perderse e para descubrir” e non tanto para facer un debate, como poderían ser temas máis políticos ou de información local, que precisan inmediatez.

Un buscador coma Google, polo xeito no que está feito, é difícil que che ofreza esta información aínda que ti a busques e aínda que a escriba alguén que vive a dúas rúas da túa casa”, comenta Fontán, por iso crearon esta web experimental. “Actualmente, hai xente en Galicia que non le practicamente en galego, ofrecendo uns contidos variados, o que se pode xerar é interese en circuítos que non len sempre en galego”, comenta. En definitiva, “romper barreiras” para que se lea e se escriba máis en galego, xa que o proxecto está aberto a máis incorporacións e colaboracións.

Suman tamén o Podgalego, que é unha comunidade dixital, que ten cada vez máis podcast feitos na lingua nai. E Twitch en galego, que é tamén un espazo de encontro no que se xeran contidos nesta fala. “Cremos que podemos chegar a outros públicos e romper outras barreiras”, relata David Fontán.

Para o financiamento deste portal, Agora.gal conta con publicidade, aínda que na mesma liña dos contidos que se ofrecen, por exemplo, feitos en galego.

O portal conta tamén con enlaces a Youtube nos que poden ver mostras de traballos de músicos de Galicia e que, doutro xeito, igual quedarían perdidos na rede e non terían tanta visibilidade.

Para os seus creadores, Agora.gal é unha porta aberta a contidos que se fan en galego e que, deste xeito, poden ser consultados cada día en conxunto, sen ter que ir abrindo unha por unha as páxinas de cultura, receitas ou de deportes.