0 naturalista aficionado Xabi Prieto cumpre 10 anos como administrador do blog Bichos e demais familia, un espazo no que comparte coñecementos e paixón pola natureza que acumula máis de 700.000 visitas. Unha década na que, denuncia, foi testemuña de como o medio natural galego íase deteriorando ata o punto, asegura, de quedar “arrasado”.

Que balance fai tras dez anos á fronte dun blogue de temática específica e con ese volume de visitas?

A temática non te creas que é moi específica, porque ao final, o blogue meu non profundiza en ningún campo, pero toca moitas cousas: temas naturalistas estritamente falando, o tema da fotografía, sobre todo nos últimos anos, ás veces toco elementos de xeografía, climáticos: son temas que me gustan e está todo relacionado. Para un naturalista é importante coñecer o terreo, o clima, a meteoroloxía, son cousas coas que funcionamos a diario moitos de nós. Non podo profundizar moito porque non son fotógrafo, científico, ou meteorólogo, pero é un contido moi aberto.

Dende 2011, cambiaron moito as plataformas e os soportes en internet e na rede. Como viviu esta evolución das posibilidades?

Eu aprendín a facelo na plataforma blogger. En 2018, que foi unha época na que, por circunstancias persoais, estivo a piques de desaparecer, e que ata case lle cambio o nome, probara a aloxalo en Wordpress, noutra plataforma que hai. Non me gustou moito a experiencia e volvín para blogger, que polo menos é de balde e vai mellor. Volvín para blogger, que máis ou menos segue igual, non lle noto moito a diferencia.

O naturalismo é un hobbie 100%, ou saca proveito económico?

Si, non teño ingresos. Hai xente que me dixo que metera publicidade, que coas visitas que teño, que podía gañar diñeiro, pero teño un bon salario, que me chega, e non quero complicarme con eses temas. Polo número de visitas, seguramente podería facelo, pero non me interesa.

De onde sae este interese na natureza tan intenso, que sexa posible levar un blog durante 10 anos con contido constante?

Probablemente, se as miñas circunstancias persoais foran diferentes, tería escrito libros. Eu son da quinta de Antonio Sandoval, empezamos máis ou menos xuntos, coincidimos no tempo. Nos anos nos que probablemente puiden ter empezado en serio no tema de escribir cousas, sobre todo artigos e publicacións, foi unha época que me abandonei un pouco con estas cousas. Agora, escribir en publicacións científicas é algo máis técnico, que a min se me fai un pouco costa arriba. No blogue síntome libre, porque podes facer as cousas como queres, aínda que tento coidar a redacción, as imaxes, os textos, pero podes poñer cousas interesantes de xeito máis libre. Síntome moi cómodo, e non estás tan atado como se estiveses escribindo un libro ou un artigo.

Como evolucionou o intereses da poboación pola natureza?

Interesa de diferente maneira. Cando nós empezamos, nos anos 80, o interese naturalista abranguía todos os campos. Todos gostábamos das aves, pero quen máis quen menos tiña interese polos anfibios, réptiles, algo de botánica, un pouco polo menos, todo nos chamaba a atención. Agora mesmo, a maior parte dos aficionados que empezan novos teñen interese polas aves, e, en concreto, polas aves raras.É algo importado de Estados Unidos, o birding, que lle chaman. Facer listas de aves, ir ás rareza, moverse, viaxar moito buscando aves raras e exóticas. É outra forma de velo, aínda que hai excepcións, pero si que hai ese interese. En casos extremos, incluso diría polo coleccionismo puro e duro, mais que esas ganas de empaparse polo medio natural, de coñecer como está todo relacionado que si que había antes. Agora hai máis información e medios, agora abres internet e tes información directa en tempo real, antes ou comprabas revistas ou non te enterabas.

Estase perdendo o interese polo autóctono?

É que o autóctono está moi deteriorado, o medio ambiente galego, en concreto, está moi degradado, como se todas as agresións medioambientais europeas se desen aquí. O medio, sobre todo no litoral, está arrasado. O de aquí, como case non queda, a xente o que fai é viaxar a outros sitios cun medio mellor conservado.

En que aprecia ese deterioro do que fala?

En que aquí déronse varias cousas, como a eucaliptización do terreo, que non ten parangón en ningún lugar de europa, sobre todo no que é a faixa litoral desde Coruña ata Ortegal, é algo asombroso. Moitos montes que antes eran toxeiras, campos de cultivo, todo iso foi reformado, tamén inflúe o abandono do rural e da actividade agrogandeira, os montes nos que antes había un mosaico de hábitats moi variado, converteuse nunha alfombra de eucalipto, que é un destrutor da vida ben coñecido. Logo, aparte, a forma da dispersión poblacional que temos en Galicia, prácticamente todo o territorio está cheo de asfalto. A dispersión poblacional, o alcantarillado, as infraestruturas, fai que haxa unha superficie moi reducida sen estar humanizada, que é moi importante para moitos bichos. Fai pouco publicábase un artigo que comparaba as superficie de estradas que había en toda Europa. A rede viaria galega é das máis anchas de todo Europa. Cada estrada actúa como unha máquina de matar animais.

Estamos nun peor momento que cando empezou?

Si, non tanto desde 2011, penso que dende a década dos 90, o deterioro na zona na que eu me movo, A Coruña e Lugo, aumentou de xeito exponencial. Nas comarcas da Terra Cha é terrorífica a desaparición de moitas especies moi representativas, como os aguiluchos, tamén polo abandono do cultivo de cereal tradicional e a implantación do cultivo de millo intensivo. É todo. Desde os 90 acelerouse moito o deterioro a todos os niveis.

Hai pouco compromiso das administracións nestas cuestións?

Ás veces digo que solo con cumprir a lei... as leis que hai chegan. Un dos problemas que están afectando moito nos últimos dez anos é o tema das mascotas. eu tiven can, pero o animalismo oe o mascoterismo, de considerar aos cans parte da familia, e concederlles dereitos incompatibles coa conservación. É un problema que está afectando moito ás poboacións de aves migratorias. Non sería necesaria máis lexislación que a vixente, se se cumprise. Como iso, que se están plantando eucaliptos en zonas prohibidas, o tema do urbanismo...