Lucía Figueroa, de Muxía, realiza unha demostración de encaixe de bolillos a carón do seu posto. Turistas, curiosos e veciños non poden evitar deterse a admirar a rapidez das súas mans, herdadas da súa nai, tamén palilleira, destreza que agora desenvolve, tamén, a neta da primeira. Mentres Lucía Figueroa percorre as feiras co mellor da produción de Encaixes Lucita, o seu selo de encaixe artesá feito a man, a súa filla, tamén iniciada no oficio familiar, atende a caseta do negocio na fervenza do Ézaro.

“É de familia. Xa miñas avoas o facían, e a miña nai gañou o primeiro certame Antonio Fraguas, no ano 1998. Eu quedei finalista cunha colcha. Así fomos, xeración tras xeración”, relata Lucía Figueroa. Ante ela, no seu posto, todo tipo de produtos e complementos decorados con encaixe: abanos, fulares, tapetes e ata máscaras, o complemento estrela da temporada. “Á xente gústanlle moito. Son feitas a man, con filtro TNT. Estes produtos gustan, porque ven que é diferente, non é máquina, é todo a man”, asegura.

A iniciativa Un mercado para cada porto, organizada por ONyVÁ coa colaboración da Autoridade Portuaria, congregou no paseo da Dársena durante toda a xornada de onte a mulleres artesás de todas as xeracións: algunhas, como Lucía Figueroa, levan o oficio no sangue, outras, como Dilara, Henar, María ou Nerea, buscan desenvolverse artisticamente reinventando e explorando os oficios artesáns que conservaron no tempo as súas devanceiras. Dilara Casacescu, turca afincada na Coruña dende hai tres anos, faino a través da cerámica artesanal, que elabora a man nos momentos libres que lle deixa o traballo e vende a través da súa páxina de Instagram, @Casacecu. “Empecei coa cerámica hai seis anos, en Estambul. Vin á Coruña pola miña empresa textil hai tres. A cerámica é un hobbie, pero gustaríame que fora tamén o meu traballo”, conta.

Entre o ocio e o negocio camiñan tamén as creacións de Henar Fernández Paredes, que acudiu á feira da Dársena para amosar as súas creacións de xoiería e bixutería en macramé, que difunde baixo a firma Mahene. Alí estaba tamén a súa irmá Nerea coas súas ilustracións de acuarela, baixo o selo NP Ilustración. Ambas, de familia de artistas, buscan o xeito de innovar nas súas destrezas e de ofrecer algo distinto. “Traballo co macramé, con pedras naturais, coa simboloxía sagrada”, explica Henar. A súa irmá Nerea, cuxas creacións están expostas no Airas Nunes de Santiago de Compostela, experimenta coas posibilidades creativas do corazón anatómico na súa serie Mi mundo de corazones. “Son corazóns inspirados en temas que me motivan, sentimentos e emocións. Cando fago algún para alguén en concreto, primeiro teño unha entrevista previa para conectar e ir máis alá”, relata.

Quen tamén procura dotar de significado ás súas creacións é María Cala, coas pezas de xoiería minimalista en prata e baño de ouro que levan o seu nome, e que tamén ofreceu onte na Mariña. “As xoias falan de nós mesmos. Eu visto moi básica, e as xoias reforzan a miña personalidade, falan de min”, explica.

O mercado, cuxa intención era, precisamente, render unha homenaxe á continuidade dos oficios artesáns e ás mulleres que os conservaron, chegou á cidade tras pasar por O Grove, a Illa da Toxa, Fisterra, Portosín e Rianxo. Na explanada da Dársena, alén dos postos, os asistentes puideron gozar dunha exposición fotográfica das distintas profesións. Outras creadoras, como Trnezarte, tecedoras dos sombreiros coñecidos como san cosmeiros; o deseño gráfico de A Fouta ou a bixutería de Bdel, participaron tamén na iniciativa.