Plataformas como TikTok, Twitch, Youtube; webseries, programas de humor, podcasts e mesmo tuits: o universo da creación dixital, cada día máis diverso e extenso, dáse cita esta semana no Carballo Interplay entre os días 8 e 11. O festival de contidos dixitais recupera este ano a presencialidade que cedeu ás restricións na edición pasada cun cartel no que prima o humor, o compromiso e a disidencia.

Atendendo ao cartel de convidadas deste ano, de que saúde goza a creación de contido dixital?

Goza de moi boa saúde. Levamos oito edicións, o festival cada vez crece máis e vén máis xente.

Que parte de responsabilidade ou culpa tivo a pandemia na explosión de contido dixital?

Eu son bastante descrida diso. Non penso que a pandemia fixese que a xente crease máis contido dixital. Penso que xa estaba aí, quizais houbo mais xente que readaptou as canles polas que creaban para facer mais contidos dixitais, pero non creo que a pandemia fixese que houbese máis. Ao mellor si que a nivel de usuario, a xente experimentou máis na súa casa, pero non creo que fixera que a xente que xa traballase no dixital traballase mais ou menos. Despois, tamén estamos un pouco cansos do discurso da pandemia. Nós xa tivemos unha edición online, e este ano temos moitas ganas de ter unha edición presencial e escapar un pouco da realidade, que non a imos ocultar tampouco.

É curioso: trátase dun festival de contido dixital, pero todo o mundo está desexando recuperar a presencialidade.

Si, é que nós, precisamente, dende que nacemos hai oito anos, do que falabamos é de facer presencial o virtual, levamos oito anos facéndoo así. Queríamos que Carballo fose un lugar de encontro para os creadoras e creadores que traballan en Internet, nas redes ou dende a súa casa, nun ambiente ao mellor máis solitario, ou menos presencial. Un lugar para que esta xente se puxese cara, e para crear sinerxías entre nós. Fixemos unha edición online o ano pasado que estivo estupenda, adaptámonos en poucos días, pero seguimos querendo ser presenciais.

Aproveita esta edición os recursos do pasado ano, como streamings e retransmisións en plataformas telemáticas?

Nós xa retransmitiamos en streaming moitas actividades. É certo que esa cobertura de streaming agora parécenos indispensable. Ao mellor antes nos parecía menos indispensable. Agora xa a fixemos mais preparada, mais pro, pensando que somos un festival que si, que estamos aqui pero que queremos chegar a todas partes do mundo, e para iso temos que transmitir en streaming. Éramos un festival que xa o facía antes da pandemia, pero moitos festivais que adoptaron a forma de presencialidade virtual, agora o seguen facendo.

Cales son os pratos fortes da programación deste ano?

A min cústame moito destacar, porque me gusta todo, pero si que hai moitos fitos que están ben, que son chulos; como o Primeiro Encontro de Creación Galega online, que vai reunir a moitos creadores e creadoras deste ámbito en Galicia, que é algo que nos parece fundamental. Por outro lado, temos o leitmotiv do festival que é o activismo na rede, dese Internet que nos interesa, que seguimos, mais activista, mais disidente, toda esa ilustración comprometida, os contidos sociais e políticos...Logo están, por suposto, as series, que hai unha selección moi traballada, a zona profesional con Portugal como país convidado, que este ano é unha marabilla, porque temos a un montón de produtoras portuguesas, e á televisión pública portuguesa coa súa canle dixital. Hai moitos pratos no festival, se buscas algo máis lúdico, está o Rajando con Carolina, Henar e Victoria, o Puedo hablar. Hai shows, un pouco de todo, é difícil salientar.

De novo, moitos nomes de mulleres na programación. O ton comprometido nos contidos escollidos é unha parte importante do cartel, e unha temática cada vez mais en alza nos últimos anos.

Sucede unha cousa. Nós programamos aquilo que nos parece interesante e que nos parece que ten calidade, e obviamente somos sensibles a certas temáticas. Estamos programando a xente como Carolina Iglesias, Henar ou Perra de Satán porque son xente que o está petando. Por que o petan? Cada un pode ter a súa teoría. Se falásemos de televisión lineal convencional, ao mellor non habería tantas mulleres presentando programas. Non estarían Estirando el chicle, Deforme semanal, e moitos outros, pero como buscan espazos, son boas e aínda por riba o petan, están no top 1. Por algo será, non é unha cuestión de xénero.