O instituto Urbano Lugrís estrea equipo directivo e, con el, tamén unha nova imaxe, xa que a dirección quixo agasallar ao centro coa reprodución de dúas obras de Lugrís. Conta África López, a nova directora que empezan o curso con ilusión, mais tamén con reivindicacións, xa que o seu é un dos centros que sufriu os recortes de persoal docente, polo que solicitan dous profesores máis para poder dar os alumnos a atención que precisan neste terceiro curso marcado pola pandemia.

“Xa tiñamos dentro unha exposición de sete módulos sobre a figura de Lugrís, en todos os seus aspectos, como pintor, como escritor, sobre os seus soños e as súas pinturas... Hai bastantes alusións á súa figura dentro do centro, temos tamén unha liña temporal coa súa biografía e pola parte de atrás hai unha reprodución grande dun cadro de Lugrís, pero na entrada principal non tiñamos nada”, relata López, que reivindica “o espírito lugrisián” do centro e de quen o habitan. “Dábanos pena que, desde fóra, non se vise”, confesa.

A idea de poñer estas dúas pezas xurdiu coma “un agasallo á comunidade educativa” do novo equipo directivo e conta co permiso de Afundación, que é a entidade onde están depositados os orixinais, xa que ao ser unha reprodución da obra con fins didácticos puxéronlles todas as facilidades para modificar a fachada.

“Pensamos en que obras nos gustaban e puxemos o mapa de Galicia. Xa que era un artista galego, e fixo ese cadro co seu estilo, pareceunos unha maneira de amosar a autoestima polo noso. O outro é un cadro que se titula A Coruña, 1669. Somos coruñeses, somos galegos, somos españois, tamén e é unha maneira de fomentar autoestima do que temos. O noso alumnado é bastante vulnerable, no sentido de que procede da Sagrada Familia e dos Mallos, que non é nada malo, pero si que é un alumnado falto de autoestima pola situación social na que vive e gústanos que o centro sirva para fomentar a autoestima, para que se comprometan e se sintan implicados en algo que é bonito”, comenta a directora do instituto. Neste caso, as reproducións foron feitas por profesionais, pero a exposición que hai dentro, si que a elaboraron os alumnos e alumnas coa axuda do profesorado.

A pesar de que unha das reproducións parece un mosaico, non o é, fai ese efecto. “O outro é unha lona e é cambiable, dentro de tres ou catro anos, se se quere poñer outro, pódese cambiar”, relata López, que destaca que os alumnos que xa cursaran os seus estudos anos anteriores no centro apreciaron o cambio, os que chegaron novos non sabían que estreaban murais pero a eles tamén lles gusta a iniciativa. “Lugrís é un personaxe simpático, ademais de bo pintor”, resume a nova directora do centro.