A ciencia ‘online’ que “entra polos ollos” en TikTok

Docentes coruñeses triunfan nesta rede en Youtube con ‘clases’ de Bioloxía e Xeoloxía

Xacobo de Toro e Adela Otero, dous dos impulsores do proxecto.   | /L.O.

Xacobo de Toro e Adela Otero, dous dos impulsores do proxecto. | /L.O. / Marta otero Mayán n

Na canle de Youtube destes mestres coruñeses, os vídeos sobre os bordos litorais, a tectónica de placas ou os métodos sísmicos acumulan miles de visualizacións. Xacobo de Toro, Adela Otero e Rocío Romar, docentes de Xeoloxía e Bioloxía de distintos centros da Coruña e a súa contorna son os impulsores do proxecto XeoClip, unha iniciativa educativa que traslada os contidos máis áridos da materia á rede ca fin de conseguir que “entren polos ollos” do alumnado a través das súas propias linguaxes. Agora, tras triunfar no Youtube, comezan a colar os seus clips en TikTok, a rede social predilecta da rapazada.

A falta de materiais preexistentes que empregar nas súas aulas, este grupo de docentes, que medra a medida que evoluciona o proxecto, decidiu facer os seus propios. “Había documentais fantásticos de xeoloxía, pero as lonxitudes non estaban adaptadas á aula. Buscabamos contidos que seguisen o currículo da aula, que fosen vídeos curtos e que fosen en galego”, explica unha das caras máis visibles do proxecto, Xacobo de Toro.

Pola canle de Youtube desfilan distintas tipoloxías de vídeos que solventan o hándicap co que carga, ás veces, a explicación de contidos científicos nas aulas, na que a parte visual da ciencia queda polo camiño por mor da falta de tempo ou de materiais. Grazas aos cromas e outros recursos dixitais que os mestres empregan para construír os materiais, o alumnado pode achegarse en directo á teoría da deriva continental ou ao modelado dos glaciares. O outro punto forte do proxecto, destacan os seus impulsores, é o valor da proximidade dos exemplos escollidos. “É unha aposta pola posta en valor do noso. Hai lugares de Galicia que valen perfectamente para explicar a xeoloxía de xeito universal.Os rapaces aprenden que poden ir visitar a fin de semana os lugares que ven na aula”, sinala.

Transcrición en lingua de signos dun dos vídeos da canle.   | // LA OPINIÓN

Transcrición en lingua de signos dun dos vídeos da canle. | // LA OPINIÓN / Marta otero Mayán n

Aos cromas e visuais uníronse, mais adiante, os vídeos con perspectivas tomadas a dron dalgúns dos enclaves máis singulares da orografía galega, nos que participaron outros docentes como Fernanda Molto e Alberto Fortes. Completan o equipo Cristina Rubio e Jose López Muiños na lingua de signos, Patricia Carracedo e Noemí Díaz no subtitulado e Fidel Dueñas no mantemento da web. Algúns xa pasan das 40.000 visualizacións, e o seu visionado transcende fronteiras e mesmo o océano, acumulando visitas nos lugares máis insospeitados de Suramérica. O proxecto, lonxe de ter atopado un teito na súa internacionalización, segue explorando distintos formatos. “Empezamos Adela e eu en interiores, e despois, con Rocío, comezamos a gravar en exterior para poñer en valor a paisaxe galega. Agora estamos comezando cun proxecto con percorridos de imaxes 360”, relata o mestre.

Aínda que Youtube continúa a ser a plataforma idónea para estas explicacións visuais, o equipo de mestres é consciente de que as tecnoloxías cambian e que cada xeración ten as súas redes, co que enfocan os seus esforzos na exploración de novas plataformas. “É contido para Youtube, pero queremos que se poida difundir pola rede. Empezamos a fragmentar algúns dos vídeos que xa tiñamos. A idea é distribuílo por Tik Tok e Instagram, para que a ciencia e o galego se colen nas redes sociais dos rapaces. Estamos mirando coas alumnas o mellor xeito de facelo”, adiantan.