A militancia de Esquerda Unida apostou pola renovación da coordinadora da organización na Coruña, polo que Carmen Armada segue como representante principal. Ao seu carón, Berta Vigil, Noah Cerveira, Aurora Paz e Alberto Vilariño, aos quen se engade Ángel Cabo. A máis de ano e medio das eleccións municipais, a EU, que non concorre ás urnas como forza individual desde 2011, formou parte da confluencia de Marea en 2015 e apartouse dela en 2019, preocupálle o fortalecemento da “unidade popular”, un compromiso vencellado á rúa e ao asociacionismo. Mellor, sen “ruido”.

Que espazo busca agora EU?

A nova coordinadora comeza nun momento clave, na metade do mandato pero sen ter enriba o martelo dos calendarios electorais, e tras as nosas asambleas federal, nacional, comercais e locais. Ábrese un tempo de dous anos no que afondar mellor no conflito laboral e na rúa. Queda tempo ata 2023 e imos traballar no espazo de Unidas Podemos desde o ámbito estatal. A aposta clara da militancia é pola confluencia dentro dese marco.

Non pensan en formar de novo unha candidatura propia?

Para nós o importante é o traballo de base e de militancia, estar xuntas no conflicto. A lealdade e o compromiso con ese espazo popular de Unidas Podemos darase na medida en que nós poidamos trasladar a nosa proposta e análise. Semella que cando falamos de unidade popular o facemos de Esquerda Unida e Podemos; para nada, a unidade popular non pasa só polo entendemento das forzas da esquerda, pasa polo constante diálogo cos sindicatos, as plataformas veciñais, as entidades sociais…

Marea xa non conta para EU?

Houbo ruido, na esquerda sempre hai, pero é porque hai movemento. Nós non queremos o ruido e o barro, que o que traen son problemas para os cidadáns e lastran a ilusión dos proxectos. A nosa aposta é por buscar os espazos comúns de entendemento na esqueda, traballar na rúa e atender as demandas sociais.

As forzas de esquerda, Marea entre elas, procuran os mesmos fins. Que é o que non funciona nese entendemento?

Son compañeiras naturais de viaxe, coindicemos con elas en algún conflito e falamos coas concelleiras, pero hai que separar cada organización e as súas formas de traballo interno. Se todas estivésemos ao mesmo nivel de entendemento, militaríamos nunha única fosa.

A esquerda, o PSOE, goberna na Coruña. Como o está a facer?

Entendemos que hai que facer esforzos maiores no ámbito da vivenda para facilitar o acceso ante a demanda que hai ou para darlle unha saída aos 20.000 pisos baleiros da cidade. Non vemos valentía suficiente na defensa dos terreos portuarios. Moitos barrios necesitan unha renovación integral, non se pode gastar só no centro e esquecer a periferia. E as líñas do bus urbán non están adaptadas á realidade da mobilidade na cidade.