O festival FFoco bota a andar hoxe a súa quinta edición na cidade coa inauguración das exposicións Profundar, na que se xuntan as imaxes da fotógrafa pontesa Lúa Ribeira e as figuras talladas polo seu pai, Xosé Manuel Ribeira, na fundación Luis Seoane. É a primeira vez que pai e filla expoñen xuntos. A el, electricista xubilado, sempre lle gustaron os xoguetes e os trebellos, primeiro, coleccionábaos, despois, quixo facelos con anacos de madeira. Lúa Ribeira fixo historia ao entrar no ano 2018 como fotógrafa na axencia Magnum. En Profundar xunta imaxes familiares con momentos capturados por toda Galicia, e xoga coa “ambigüidade”, que é, como ela di, un dos sinais de identidade do seu traballo, porque non se sabe moi ben se os protagonistas posan para ela ou se foi ela quen inmortalizou unha aperta a un gato ou unha sesta no chan por casualidade.

Na mesma sede, tamén no primeiro andar do edificio, está a mostra Tapas I. Unha parte do todo, comisariada por Jorge Blasco e a directora da fundación, Silvia Longueira. Son 94 traballos editoriais de 76 creadores que xogan coa importancia das cubertas dos libros e de todo o que poden contar. Explica Longueira que son obras que pertencen a coleccionistas e que son “auténticas xoias”, como as interpretacións de Pages blanches, nas que as cubertas están feitas de cerámica ou de fibra de coco e o interior reflexiona sobre as páxinas en branco. Para complementar esta exposición haberá unha publicación deseñada polo estudo Fabulatorio, na que se recollen todas as pezas da mostra cunha explicación. Mañá, ás 18.00 horas, haberá unha mesa redonda sobre esta mostra. A entrada será gratuíta, pero cómpre reservar praza no teléfono 981 216 015.

Na Seoane poderanse ver tamén as obras do fotógrafo Ramón Paolini, que percorreu Caracas para inmortalizar os cambios que sufriu a cidade nos últimos anos. “Presentamos tamén dous proxectos máis locais, o de María Vérez, que é unha fotógrafa das Pontes, que cuestiona a representación visual da homosexualidade feminina no seu traballo e un traballo colectivo, que lidera Jacobo Ameneiro con Habelas Hainas Estudo Creativo, que reflexiona sobre o tempo e a memoria e imos ter proxeccións dos traballos seleccionados para o premio editorial de fotografía documental galega”, relata Juan Varela, que é un dos coordinadores do festival.

O FFoco suma escenarios e protagonistas, así que, desde mañá poderán verse en A Parva, no mercado de San Agustín, as imaxes da actividade Son praceira, na que usuarias da praza, traballadoras e clientas, retratan o seu día a día e que foron inmortalizadas por elas e pola fotoxornalista Vanessa Casteleiro. A obra de Álex Domènech estará na Fnac e Florilegio, na praza de Lugo. É un proxecto dos alumnos do obradoiro de fotografía da Fundación María José Jove, que é unha instalación con barreiras de acceso para concienciar sobre os problemas cos que se atopan as persoas con diversidade funcional. A cara B do festival poderase ver no café Universal, no que nove fotógrafos locais expoñen en 15 minutos as súas obras.