Comezo, deste xeito, unha pequena sección que leva por título Ecodicionario galego. Pretendo con ela, aínda que sexa de xeito parcial, introducir algúns conceptos que se veñen manexando actualmente no ámbito do naturalismo galego, poñéndoos en relación con noticias recentes (e non tan recentes) que axuden a entender a súa dimensión e importancia. Non todos estes conceptos están nos dicionarios correntes (por exemplo, o da Real Academia Galega), polo que deben considerarse como termos suxeridos ou provisionais.

I. Ecocidio

Definición: s. m. Calquera acto ilícito ou arbitrario perpetrado a sabendas de que existen grandes probabilidades de que cause danos graves que sexan extensos ou duradeiros no medio ambiente. Esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega.

Palabras e expresións relacionadas: Biocidio, case sinónima, pero incide no impacto nos seres vivos. Terrorismo ambiental, coa mesma connotación negativa que ecocidio, se ben esta expresión está relacionada con accións coordenadas para a destrución da natureza. Estas verbas tampouco figuran (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Ecocidio foi unha verba usada inicialmente nos anos 70 polo que fora primeiro ministro de Suecia, Olof Palme (1927-1986), e popularizada pola activista e letrada Polly Higgins (1968-2019), é empregada hoxe en día de xeito habitual nas análises globais de perda de biodiversidade e na denuncia de actividades nocivas co medio natural a media e grande escala.

Por que está en auxe esta palabra?: Recentemente un grupo de expertos presentou a definición arriba detallada á Corte Penal Internacional, para incluíla como quinto delito no seu estatuto. O lobby global Stop Ecocidio, tamén presente en España, é o impulsor deste grupo de expertos. O termo ecocidio foi brandido nos últimos anos en Brasil perante a destrución de grandes áreas arboradas da Amazonía para expulsar aos habitantes nativos nesta (e así especular cos terreos).