A carnotesa Adhara Caamaño compón o grupo Adhara&Ritman xunto con Tito Barbeito, (alias Ritman) Andrés Castro e Arturo Kress. Cantan en galego, mesturando o folk con ritmos como o reggae, o swing, o soul e o blues, e este sábado estarán ás 22.00 horas na sala Filomatic para presentar o seu segundo álbum, Por elas, pensado para denunciar á violencia machista.

Como nace Por elas?

Nun momento no que estaba vendo unha noticia de violencia de xénero no telediario, hai uns anos, e tamén me cadrou ter unha familiar moi achegada que a sufriu. Libre son, o primeiro disco, foi un cántico á liberdade da muller. A non ter medo de camiñar pola rúa, de non ter medo de facer a nosa vida. Pasa o tempo e vas vendo que realmente non se fai nada para defender a esas mulleres, nin por ter unha xustiza real ante a violencia de xénero. Por elas nace da desesperación de berrar polas que xa non están. E para que as que estamos aquí nos movamos para conseguir xustiza por nós e polas que xa non teñen voz. Era tamén un xeito de deixar que fose un tema tabú para min.

Unha grande influencia do disco é a muller galega, pola tradición folclórica e pola figura de Rosalía, cuxos poemas recuperan como letras.

Son muller, son galega,as letras que compuxen eu falan desde o ámbito da muller; hai un que vai dedicado á miña avoa. Sobre Rosalía de Castro, síntome moi identificada con todo o que escribe. Era unha visionaria da súa época, era unha muller revolucionaria totalmente. Loitou por moitas das causas polas que estamos loitando agora, nunha época na que era moi complicado. E quería que se mostrara outra parte dela, sen que sempre se vencellara á tristura.

Na música mesturan o galego co blues, o swing ou o reggae.

Os catro que estamos no grupo temos gustos moi diferentes, e, ao tempo, comúns. Non queriamos poñerlle barreiras a nada do que faciamos, senón que cada un puidese sentirse libre e traballar desde unha cooperación, non unha ditadura. Non quixemos centrarnos nun único estilo. É verdade que a maioría dos nosos temas teñen raíz folk, pero mestúranse diferentes estilos porque é o que nos gusta e non queriamos encasillarnos.

E como elixen o estilo do tema?

A letra que teñas transmíteche unha emoción, un significado. Intentamos que a música que acompaña á letra teña tamén ese sentido. Tanto che pode saír un blues, como un soul, un funk, un rock... Cada canción ten a súa emoción, que queres que a xente sinta tamén, e a música ten que ir acorde con esa letra.

Como se conformou a banda?

Empezamos a quedar Tito e máis eu para musicar algúns temas que tiña eu. O primeiro que fixemos foi o reggae de Rosalía de Castro. Unha vez que o subimos a YouTube empezou a chamarnos xente para dar concertos, pero non tiñamos unha banda. Os temas estaban compostos para varios músicos, pero só eramos dúas personas, co que nos xuntamos con Arturo e Andrés.

Gañaron un premio de Cuac FM e foron finalistas do Fran Pérez Narf.

Imos para o quinto ano, e estamos moi agradecidos porque estamos tendo mogollón de sorte. Todos os anos nos saen bolos, e este ano, que foi jodido, tivemos bastantes. A xente ten moi boa aceptación do traballo, desfrútao moito.

Como ve a situación da escea musical galega?

Vexo moitos grupos que están saíndo. Cada vez se escoita máis música en galego, e hai máis grupos en galego e en Galicia. Paréceme marabilloso, cantos máis mellor.

Vostedes cantan nese idioma.

Canto en galego porque é o idioma no que me sinto máis cómoda. Oxalá falase todos os idiomas do mundo: faría un CD empregando un diferente para cada canción. Pero estou contentísima de que haxa máis grupos cantando nese idioma. É necesario que se apoie, e aparte de que se escoite aquí, tamén se pode escoitar fóra. Escoitamos moitas veces música en inglés e a maioría da xente non ten idea do que significa. Cando as cousas se fan de corazón, con ganas e ben, pódese chegar a moitos. E aínda que non se chegue a moitos, con facer que alguén sinta o que ti estás sentindo xa vale a pena.