A historiadora Ana Romero Masiá coordinou o grupo de traballo formado por Luis Lamela, Segundo Saavedra e Carmen Martín que elaborou o informe sobre a retirada da simboloxía franquista na cidade. Aínda sorprendida pola filtración deste documento, Romero explica os detalles.

Por que se fixo o informe?

Na Comisión da Memoria Democrática solicitaron no seu día varios informes. Como os da Casa Cornide. Un era sobre honores a personaxes concretos. O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses deu o meu nome. Acepto ese encargo e creo un grupo de traballo. Hai un ano, en novembro, presentamos o informe.

Como se elaborou?

Comprometémonos a estudar nomes de rúas, prazas e avenidas. Comezamos a investigación con datos que xa tiñamos. Unha das persoas, Luis Lamela, xa traballou no informe anterior. Coa investigación de todo un ano, sacamos datos que nos permiten facer este informe. Propoñemos que se retiren os nomes de catorce rúas. É un informe discutible que queda en mans do Concello, que é quen pode retirar ou poñer outros nomes. A nosa intención é proporcionar datos por se interesa desde o punto de vista democrático, pero a decisión final é do Concello.

Poder haber debate sobre o que informe recolle?

Traballamos con un horizonte moi claro: nin ocultar nada nin inventar nada. O que está aí, está contrastado. Datos de arquivo, de prensa de época, de xuízos.... Manexamos todos os arquivos que consideramos necesarios. Poderase discutir a conveniencia ou se son datos suficientes, pero non se pode discutir a información que damos. A Corporación poderá opinar que son datos suficientes ou non.

Un informe que se entregou hai un ano. A reunión do Consello da Memoria Democrática puido chegar antes?

Pillou a pandemia polo medio, pero creo que houbo un tempo longo para unha resposta. O que fixemos na reunión podería facerse hai bastante tempo.

O Concello informa que pedirá un informe xurídico para garantir que se cumpra coa Lei de Memoria Histórica. É necesario?

O Concello pode solicitar todos os informes que queira. Nós fixemos o estudo segundo o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica. Ademais, se se aproba a próxima lei, que está tramitando o Goberno do Estado, entraría máis de pleno porque amplía os supostos.

A listaxe de cargos franquistas pódese ampliar?

Hai máis nomes posibles. Pero non se trata dunha caza de bruxas, ten que haber datos reais que impliquen realmente, que cumpran co que pide a Lei, é dicir, unha exaltación da propia guerra, da represión, xente que participara en depuracións ou en consellos de guerra. Que haxa datos concretos senón entrarían todos os funcionarios. Hai uns anos, no primeiro informe que se fixo, algún personaxe que está agora non estaba nesa listaxe. A investigación avanza como pode. Non sempre os arquivos son consultables. A historia avanza, non é definitiva. Incluso podemos discutir se realmente son suficientes os datos que temos destes nomes que propoñemos. Isto pasa con calquera informe. Non pretendemos dicir “isto ten que facerse e punto”. Presentamos datos contrastables, verídicos. E aí están.

Poden sorprender nomes como o de Calvo Sotelo?

Estanse descubrindo moitos datos sobre Calvo Sotelo que hai anos non se coñecían. Sobre todo por arquivos italianos. Parecía que non entraba na listaxe porque morrera antes do inicio da guerra. Os historiadores xa fixeramos asociacións, pero agora hai datos que o demostran. Faltaban eses datos concretos que establecesen esa realidade. Van saíndo, e sairán máis.