Para José Luis Alamán a homenaxe que recibirá hoxe o seu avó é extensivo a toda a Corporación municipal de 1931. Martín Ferreiro morreu en Mauthausen, no subcampo de concentración de Gusen, polo Nadal de 1941. Aguantou once meses, en menos dun ano, as malas condicións e os traballos forzados acabaron coa súa vida. O Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) poderán, deste xeito, render homenaxe a todas aquelas persoas que faleceron loitando pola liberdade e por defender a democracia. Será hoxe a partir das 11.00 horas no salón de plenos.

Corporación de 1931. | // CEDIDA

O acto estaba pensado para xaneiro deste ano, pero tivo que ser adiado por mor da pandemia. Hoxe, por fin, poderán lembrar a Martín Ferreiro Álvarez e a todos os seus compañeiros e tamén facer o roteiro a través do urbanismo da República na cidade, que guiará o profesor Xosé Lois Martínez. Na Casa-Museo Casares Quiroga, ás 19.00 horas, presentarase o libro Biografía de Martín Ferreiro. Di Alamán que, desde hai uns anos, cada pouco tempo vai coñecendo un pouco máis da historia da súa familia. Di Alamán que quedan aínda moitas incógnitas que van resolvendo a forza de ver documentos e de falar con familiares doutros represaliados, que están facendo a mesma viaxe ao pasado ca eles, contando o que antes non se podía.

A entrada en política de Martín Ferreiro foi, se non se pode dicir “forzada”, quizais si promovida e animada por todos os seus amigos construtores e traballadores das obras, que lle dicían que el podería ser quen mellor defendese os seus intereses desde a política, naqueles anos tan convulsos. Martín Ferreiro chegou á cidade alá polo ano 1918, logo da primeira Guerra Mundial. Tiña 26 anos e chegou como mestre de obras, construtor e promotor de obra civil. O pai de Martín era canteiro e tamén artista e foi quen se encargou de formar ao seu fillo. Di Alamán que A Coruña lle deu todo Martín Ferreiro, deulle traballo, unha muller á que amar, Palmira, e cinco fillos.

“Fixo varios edificios, un deles, o do Banco Bilbao, que está na rúa Real coa Rúa Nova. Ten unha singularidade que, igual que o do Banco Pastor, ten os pilotes metidos na area lamacenta. Ao lado dese edificio estaba o hotel Palace, e no baixo, o café Oriental. Durante anos, os amigos de Martín tomaban café no Oriental e, unha das razóns era que querían saber cando caía a casa de Martín, porque como eles tamén eran da construción, pensaban que o edificio, con esa cimentación, non aguantaría. O certo é que hoxe aínda está en pé”, explica Alamán.

Naqueles intres, Ferreiro, para lle devolver á cidade algo do que ela lle dera, decidiu entregarse ao compromiso político e tamén á dinamización da vida social. Foi socio do Centro de Estudios Sociales Germinal, do Casino Republicano e tamén do Deportivo. Alamán di que esta parte da súa vida non está aínda moi clara pero que, polo que saben, foi directivo do Coruña, e tamén do Deportivo. A historia co club non está clara aínda, pero esperan poder aclarala co paso do tempo. Alamán sabe que a súa nai falaba de que ían comer os domingos a Riazor a un restaurante que era do seu pai e pensan que ese puido ser o pago do equipo pola construción dunha das gradas do estadio. Esa é, como tantas outras, unha incógnita da vida de Ferreiro.

O seu neto considera que non se poden xulgar as decisións do seu avó cos ollos de hoxe. El era un home de principios e por eles morreu. Logo do golpe de Estado de 1936, fuxiu á súa terra natal, Quireza, no Concello de Cerdedo.

“Cando pasou a Francia tivo a oportunidade de marchar. El era un home libre, Francia aínda non fora invadida. Hai que pensar no que pasaba en Europa. El tiña un irmán maior en Brasil, podía buscar axuda e intentar reunirse co seu irmán e levar á súa familia a Brasil, pero el o que fixo foi volver a Levante e a Cataluña, para defender a República. Que fariamos nós? Seguro que pensou en fuxir, como non o ía pensar? pero puidéronlle os principios. E volveu, en Valencia estivo con Castelao, despois cruzou a fronteira, como fixeron medio millón de españois máis”, relata Alamán. A partir de aí, campos de acollida, traballos voluntarios pero “por un salario ridículo” para reforzar a liña Maginot en Francia, cartas asinadas co nome da súa irmá Divina, para poder dicirlle á súa muller e aos seus nenos que estaba vivo e, despois, o campo de concentración de Mauthausen, onde coincidiu con compatriotas e amigos que estiveron con el até o final, tanto, que foron eles quen lle desvelaron á familia que morrera, logo de cinco anos sen saber nada del.

Alamán conserva cartas do seu avóe tamén versos que escribiu na súa fuxida, contando as penalidades que pasou, como cando os garda civís lle ofreceron ao seu fillo pequeno dous duros por dicirlles onde estaba o seu pai. Por delatalo.

Da derradeira etapa da vida de Ferreiro, a súa familia sabe por boca doutros compañeiros que sobreviviron e que, moitos anos despois do seu falecemento lles contaron como falecera. Un deles, segundo lle explicou o seu fillo a Alamán, tiña pesadelos pensando en todos os corpos dos mortos que tiña que trasladar para que fosen incinerados. “El dicía que pensaba que algúns deles aínda ían vivos cando os levaba na carretilla”, lebra Alamán.

“A historia do meu avó vainos chegando coma unha choiva fina. A miña nai contábame o que ela sabía, agora, case todos os días me descubro algo. Hai menos dun mes que souben como morreu exactamente e foi moito máis duro do que sabiamos. A homenaxe de hoxe leva o nome de Ferreiro, pero leva no corazón a quen defendeu a democracia.