Xesús Ron é o director da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E., da compañía Chévere, que trata da catástrofe do Prestige. Está mañá e pasado ás 20.30 horas no Rosalía de Castro.

Como se estrutura a obra?

Hai dous bloques en canto a formato: unha de testemuños e outra máis de crónica, unidas por unha escea que chamamos A Caixa Negra. Unha das grandes dificultades para levar o teatro o Prestige anos despois foi que quedaba por contar e de que maneira, pero decidimos entrar na catástrofe a través do testemuños, da vertente máis emocional. A asociación Unha gran burla negra, que está ampliando o seu arquivo sobre o Prestige e Nunca Máis, cedeunos audios. A vertente emocional é unha maneira moi efectiva de contar a historia.

Cal é o perfil dos testemuños?

As entrevistas de Unha gran burla negra son moi variadas, pero nós escollemos seis: un voluntario alemán que quedou en Carnota, unha política, a muller dun mariñeiro de Muxía, un mariñeiro da Illa de Arousa, un profesor de Camariñas e un mariño mercante da zona de Cée.

Como se aproximaron os actores a estes testemuños?

Nós facemos sempre unha aproximación documental, e entrevistamos directamente aos protagonistas das historias. Pero en Chévere se cadra estamos demasiado identificados no Prestige, porque houbo membros moi visibles nese momento, e pareceunos interesante non mediar nós na entrevista. Aos actores e actrices se lles facilitaron dúas ou tres entrevistas, e a partir do que escoitaban tiñan que describir como a imaxinaban a esa persoa, a súa relación co Prestige, e situar o lugar da conversa. Tamén dar unha opinión sobre ela. Iso é co que despois traballamos nos ensaios, sintetizando.

Acertaron os perfís?

Máis ou menos, pero non se trataba de acertar, senón de recrear un testemuño real a partir da historia. Facilitaba un material dramático moi interesante para que cada actor construirá ese personaxe O actor vai contando a súa aproximación ao personaxe na obra.

Por que?

Para nós, o teatro é un medio moi potente para transmitir o testemuño doutros, e quixemos facelo de xeito moi honesto de cara ao público. O acto di na obra “isto é algo que escoitei, non coñezo á persoa directamente”. Pero non se perde validez por iso: colle outra carga de verdade.

Verdade en que sentido?

En dous. É un testemuño dunha persoa real que conta como lembra aqueles feitos e o que sentiu, e ao tempo hai unha carga de verdade teatral: o actor non oculta como se fixo o traballo sobre o material. A obra ten a intención de poñer as cartas boca arriba.

Noutra parte representan as conversas entre tripulación, armadores, equipos de rescate...

Practicamente todas as probas do sumario son as gravacións desde a torre de control de tráfico marítimo de Fisterra, e quixemos unificar a maneira de contar a historia a través dos sons. Interesábanos poñer o acento entre o día 13 [de novembro de 2002], no que se da o primeiro Mayday, e o 19, no que o Prestige se afunde definitivamente, pois aí estaba a clave do que pasou despois. Fixemos unha escolla para facer unha cronoloxía dos feitos, e adoptamos un formato que se aproxima ao teatro radiofónico.

Como traballan cos efectos sonoros nesta parte?

Execútanse á vista do público con elementos cotiáns: Walkie Talkies, caixas de cartón, globos... Manipulándoos diante dos micros conseguirmos recrear un helicóptero, unha comunicación por UHF entre un barco e unha torre de control...

E o xogo co Nevermore do poema O corvo de Poe?

Xa estivo moi presente cando foi a catástrofe. Nós contamos a historia desde un presente totalmente marcado pola pandemia, e entran connotacións. Unha cos paxaros. Foron as principais vítimas mortais do Prestige, e na pandemia, as cidades recuperaron un silencio que nos permitía escoitalos. O paxaro petroleado refírese tamén á imaxe do corvo. E Nevermore que ten que ver co berro da ave, que o humano do poema non acaba de comprender.

E que significa?

Para nós representaba á nosa propia civilización occidental. Oímos constantemente os berros da natureza e non nos entendemos, ou non queremos. Volver ao Prestige é unir a catástrofe con outras moitas, avisos de que estabamos tratando ao planeta de xeito non sostible. En Chévere temos entre 50 e 56 anos, e vivimos desde moi pequenos episodios catastróficos que normalizaramos. O Urquiloa, o Mar Exeo... O Prestige foi o punto final: non puidemos normalizar a relación coa catástrofe. Nunca Máis é moi reivindicable: foi enfrontarse á mentira desde o colectivo.