A cor escollida, na obra do artista Manuel Colmeiro, non cumpre unha simple función decorativa. O pigmento manda unha mensaxe igual ou máis importante que a acción narrada nas súas pinturas, e amosa non só o momento creativo do pintor, senón tamén no seu plano emocional. A artista Mónica Alonso afonda nesta cuestión na exposición Colmeiro. Cor e sentimento, que a Fundación Luis Seoane inaugura hoxe nas súas instalacións e que Alonso comisaria. A mostra percorre ademais da relación de Manuel Colmeiro coa cor, o seu encontro creativo con Luis Seoane.

A cor é unha parte menos estudada da obra de Manuel Colmeiro. Que mensaxe manda o pigmento escollido na súa obra?

Sobre Colmeiro houbo moitas exposicións, pero o tema da cor aínda non se investigara. É un artista que traballa moito coa cor, que é algo que dá moitas claves sobre a súa interpretación. Eu, que traballo como artista da cor, o que fixen foi aplicar as miñas teorías para investigar a cor de Manuel Colmeiro. É como se un artista traballase sobre a obra doutro artista. Analicei o uso, fundamentalmente, do azul, do amarelo, o verde, o carne, o marrón e o gris-negro. Colmeiro é verde, pero tamén é moi azul; un azul por unha banda emocional, o dos retratos, pero tamén é un azul que aviva moitísimo os cadros, porque o verde por si mesmo non ten lustre. O azul e o amarelo son cores que introducen nas paisaxes para que vibren. O amarelo é un caso curioso, porque o utiliza moito no tema da seda e da roupa; tamén o vermello, para dar ese punto de cor no cadro, que suscita atracción. En azul hai obras de Bos Aires que están máis no ámbito dos soños, no onírico, no melancólico. Empeza con dúas pezas pintadas en Bos Aires, é un cadro recordo. Despois está o azul dos soños. Colmeiro ten toda unha serie baseada nos soños nos que a paisaxe se volve azul; aí está a diferencia do azul potenciado polo verde, como un azul emocional.

Se o azul é emocional, que conta a cor verde, preponderante na súa obra?

O verde é terrenal. Despois, introducín tamén a cor carne, porque me parece interesante o xeito no que el pinta esta cor, porque lle introduce un brillo co que o entorno se reflicte na pel. Para que exista ese brillo na pel, é necesario que haxa unha luz potentísima no entorno; o carne está potenciado polo amarelo, o vermello e o rosado. Son cores carne encendidas.

As cores recollen o momento non só creativo, senón emocional, de Manuel Colmeiro.

O gris-negro, por exemplo, está presente na súa primeira época. O primeiro cadro, no ano 28, faino antes de ir a Bos Aires. Aí está esa primeira parte gris que se corresponde coa tristura da situación do rural galego. Despois, introducín a tristeza dos primeiros anos coa situación dos labregos en Galicia e a tristeza que o invadiu cando foi a Guerra Civil. A morriña vese moito no azul.

A mostra explora, ademais da cor, o seu encontro co artista Luis Seoane. Onde se percibe este diálogo entre a arte de ambos?

O encontro entre Seoane e Colmeiro facémolo a través do muralismo de ambos. A Manuel Colmeiro, o muralismo emocionábao bastante. Quería xogar coa arquitectura e a mensaxe popular. Aquí hai dúas etapas: unha primeira incursión antes do 1936, da que temos os bocetos. Colmeiro ía facer un mural no que agora é o Hostal dos Reis Católicos, que antes ía ser o Museo de Arte Contemporáneo de Galicia, que non se fixo ao final. Foi en Bos Aires cando puido cumprir o seu desexo de facer un mural nas Galerías Pacífico. Desta intervención aparece a documentación dos bocetos escritos e dos planos, que mostran case a escala real na que se fan esas intervencións murais.

É o muralismo unha parte máis agochada da obra de Colmeiro?

En certo modo. Tense investigado algo sobre o muralismo, pero un pouco por separado, poñendo algo no medio. Eu o que fixen foi igualar os dous momentos, para que se vira a súa intención no muralismo, que era unha cuestión máis pedagóxica.

Para o ollo experto ou aficionado, a exposición enche eses buracos que quedaban por explorar. Que atopará na mostra Cor e sentimento un visitante que non coñeza en profundidade a obra do artista?

Quen non o coñeza, vai atopar a todo Colmeiro. Ademais das cores, vai atopar outra temática, a abstracción, na que o artista entrou nos anos 30. Están tamén os espazos interiores de Colmeiro, que el denomina “fovismo galaico”. Hai tamén un percorrido polos seus bodegóns ao longo da súa traxectoria, amosando tamén a parte máis experimental do artista. Esa linealidade permite ao espectador situarse neste discurso de Manuel Colmeiro.