O historiador Uxío Breogán Diéguez preside a cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña (UDC), da que é profesor. Participará ás 19.00 horas de hoxe nunha charla e debate sobre a simboloxía franquista na cidade que se celebrará no Ágora. O acto, no que tamén intervirá a investigadora Aurora Marco, está convocado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e moderado por Manuel Monge.

Cales son os parámetros que levan a dicir que un determinado personaxe sería franquista?

Falo a título individual e como director da cátedra, non sei o que opina Aurora ou outros historiadores. Pero eu entendo que toda aquela persoa que tivo responsabilidades na represión vencellada, ou responsabilidades na ditadura, está vencellada directamente con ese réxime. Logo entra o debate sobre se pode haber distingos. Sobre todo nas figuras que participaron do tardo-franquismo, que puideron estar máis anos en tempo democrático que ditatorial. É natural que iso dea lugar ao debate, pero ninguén pode escapar á súa propia historia: cando un ten responsabilidades cunha ditadura non deixa de telas, e a sociedade debe opinar ao respecto.

Cre que os historiadores deben só dar claves á sociedade para que esta decida, ou ser proactivos?

Creo que hai que asumir unha función social, e iso implica que, con fundamento, un participe activamente dos debates. Temos, ou deberiamos ter, un coñecemento profundo sobre a realidade da que traballamos, e en cuestións coma esta temos que pronunciarnos.

E como se pronuncia acerca do que debería facerse sobre a memoria histórica e o rueiro coruñés?

Hai un traballo aberto por historiadores, particularmente Manuel Monge, ampliado desde o Concello Municipal da Memoria Histórica Democrática a través dunha comisión coordinada desde o José Cornide por Ana Romero Masiá sobre as rúas con simbolismo vencellado á ditadura [este informe sinala quince nomes, entre eles Barrié de la Maza e Alfonso Molina]. Creo que, como parece que hai vontade, se deberían mudar eses nome, do xeito que estime a Corporación municipal. Eu aposto por substituílos por figuras que se significaran antes do golpe pola defensa da democracia, os que mantiveron a chama democrática no exilio, e polas que traballaron para repoñela fronte ao franquismo.

Na súa charla falará da reivindicación do exilio a través do rueiro: proporá nomes concretos?

Hai dous que podo poñer como exemplo, entre outros. Un é o de María Miramontes, que naceu en Bergondo pero se criou na Coruña. Foi cofundadora das Escolas de Primeiro Ensiño en 1923 e integrante ao pouco de nacer das Irmandades da Fala. Xunto co seu home, Ánxel Casal, participou na fundación da editorial Nós na cidade. A partir de 1936 tivo que marchar en Arxentina. Faleceu, como tantos e tantas, no exilio nos 60, sen que a Galicia daquel tempo soubera quen era. Debe ter un lugar moi visible na Coruña.

E o outro exemplo?

Se pensamos nun home, temos a Alfredo Somoza, nacido en Atocha e falecido nos 50 en Montevideo. Foi cofundador da ORGA e da Federación Republicana Galega e presidente da Deputación na primavera do 31. Foi deputado no Parlamento polo Frente Popular en 1936 e logo no exilio. Foi membro do Consello de Galicia, con Castelao, e representa os valores democráticos, republicanos e galeguistas. E dun galeguismo nada sectario: ás veces parece que reivindicamos os nomes pola tendencia político-ideolóxica de cada quen, que é comprensible, pero nisto hai que ter miras máis amplas. Todos os represaliados deben ser patrimonio propio, con independencia do ideario.

Ás veces parece que a República só a poden reivindicar as esquerdas.

Hai que reivindicar a democracia que se desenvolveu entre o 31 e o 36 como un tempo compartido polos que procuraban a modernización de Galicia e do conxunto do Estado. É un tempo superador da decadente ditadura primoriverista, pactado por xentes de dereitas e esquerdas. É unha extrema dereita a que procura polas armas, por dúas ocasións, acabar, co fascismo internacional, con aquela democracia.