Mercedes Tella, a voz das mulleres e dos esquecidos

Foi mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña na ditadura de Primo de Rivera e tamén na II República

Mercedes Tella Comas.   | // CEDIDA POR BAÍA EDICIÓNS

Mercedes Tella Comas. | // CEDIDA POR BAÍA EDICIÓNS / GeMMa malvido

Para a profesora Ana Romero Masiá, poñerse a investigar sobre a vida das mulleres na cidade é como “meter a man nun cesto de cereixas. Sae unha e, con ela, moitas máis”. O seu labor é “recuperar” a memoria destas mulleres que, co paso do tempo, foron quedando esquecidas, aínda que na súa época foron recoñecidas.

De Mercedes Tella (1868-1934), que foi mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña non hai na cidade unha pegada no rueiro nin nun centro educativo que a lembre co seu nome. Para dar a coñecer a vida desta muller, a catedrática de Xeografía e Historia no instituto Monte das Moas vén de publicar a súa biografía.

Mercedes Tella naceu nun momento de “efervescencia” na cidade. “A rúa debía estar alborotada o día no que ela naceu”, relata Romero Masiá, fíxoo no seo dunha familia “medianamente acomodada” na que a educación era considerada moi importante, xa que os catro fillos tiveron estudos. Mercedes, que tiña unha irmá xemelga, formouse para ser mestra de Primaria, “pero ela quería máis”, explica Romero Masiá. Porque quería ser profesora das Escolas Normais. Para iso,tiña que ir a Madrid e así o fixo. “Nada máis aprobar ese curso que tiña que facer, xa se instala no mundo cultural de Madrid, aterra con todo, participa en congresos, é profesora auxiliar na Normal de Madrid... É unha muller da que xa se ven desde o primeiro minuto os valores que ten”, relata Romero Masiá, que defende que, de ter quedado en Madrid, o papel de Tella no eido da educación sería moito máis relevante.

"Podendo conformarse coa dirección da Escola Normal dunha cidade importante, como era A Coruña, ela ten moi claro que ten que estar, como muller, presente sempre que poida”

Pero non quedou, estando en Madrid, aprobou a cátedra de Normal e a praza que saíu foi a da Coruña, por iso volveu á súa terra natal. Aínda que, durante un tempo estivo compaxinando a súa actividade nas dúas cidades, no ano 1907 foi nomeada directora da Escola Normal de Mestras da Coruña.

“Eu creo que xa bastante tiña coa dirección da escola, aínda así seguiu traballando noutros ámbitos. O que máis me chama a atención é que, podendo conformarse coa dirección da Escola Normal dunha cidade importante, como era A Coruña, ela ten moi claro que ten que estar, como muller, presente sempre que poida e ten moi claro o papel que a muller debe representar na cidade”, relata Romero Masiá, que indica que hai moitas fotografías de actos aos que asistía nos que ela era a única muller.

“Prestábase a cousas como participar nunha sesión de controversia... Tivo un papel moi importante na beneficencia, na preocupación polos nenos, tamén polo presos, para os que facía iniciativas como o roupeiro, e polas mulleres que non podían pagar os seus estudos”, recolle Romero Masiá, que destaca, ademais, que todo este activismo facíao compaxinándoo co seu traballo de directora da Escola Normal, cos seus problemas de saúde e coas desgrazas familiares ás que tivo que se enfrontar, como a morte da súa xemelga.

A figura de Mercedes Tella non se pode disociar da do alcalde Manuel Casás e da de María Barbeito. Os tres, segundo relata Romero Masiá, eran grandes admiradores de Concepción Arenal (1820-1893) e do seu labor. “O que está claro é que era unha persoa moi querida, porque o claustro da Normal a vai renovando por unanimidade, incluso na época da República, que poderían substituíla por outra persoa. Entendo que a calidade humana, profesional e benéfica desta muller merecía este traballo”, conclúe Romero Masiá.

“O que está claro é que era unha persoa moi querida, porque o claustro da Normal a vai renovando por unanimidade, incluso na República, que podería substituíla. A calidade humana, profesional e benéfica desta muller merecía este traballo”,

Mercedes Tella foi mestra, pero tamén escritora dun libro sobre aritmética que se converteu no oficial das escolas daquel tempo e, incluso, facía publicacións sobre como deberían ser os libros de texto, sobre o tipo de papel e o espazo que tiña que haber entre as liñas. “Nótase, como dicimos nós, que tocaba tiza”, describe Ana Romero, en referencia a que non era unha mestra teórica senón que botaba tempo nas aulas e que por iso coñecía as súas necesidades. A pesar de que Tella sacou a praza de Xeografía, a ela gustábanlle máis as ciencias, sobre todo as Matemáticas, e tiña unha conciencia social moi marcada. Ela escribiu: “Como conseguiremos que a muller sexa un factor de signo positivo? Educándoa”. Lendo isto, ¿podería considerarse que era feminista? Ana Romero di que si, aínda que apunta a que a súa ideoloxía era conservadora, aínda así, loitaba pola relevancia da muller na sociedade. “Eu creo que, cando a chamaban, ía, independentemente da súa ideoloxía”, conclúe a profesora Ana Romero.