Dunha creadora tan grande como Rosalía de Castro nunca está todo dito. Alén de todos os relatos e as revisións da figura da escritora publicadas e revisitadas ao longo das décadas, hai unha Rosalía combativa, forte e politicamente comprometida da que se falou menos. “Hai unha Rosalía menos celebrada, reivindicativa, política e indomable, con ambicións artísticas. Unha muller que escribe un libro en galego tras tres séculos nos que non se publicara ningún”, comenta a actriz e produtora coruñesa Tamara Canosa.

Ela, xunto con un equipo multidisciplinar, é a responsable dirección do proxecto Es ti que cantas, que toma como referencia esta vertente combativa da escritora máis laureada da literatura galega para ofrecer unha versión actualizada da súa vida e obra, que poda transmitirse nos códigos da mocidade actual. A escolla do nome do proxecto, tomando un dos versos da autora, subliña o afán que persegue a iniciativa: animar á mocidade a contar, a facer propia a narrativa de Rosalía de Castro. “A nosa intención é convidar aos rapaces a que se apropien da voz de Rosalía e a utilicen para expresarse. Esa Rosalía de armas tomar conecta moi ben coa Xeración Z, que son xente implicada co ecoloxismo, co feminismo, coa diversidade. Rosalía era iso no século XIX.”, ilustra. A pedra angular do proxecto, e a súa maior achega é a publicación da obra en galego da autora en audiolibro, un formato no que aínda non existía co estándar de calidade que se lle esixe a unha obra do seu calibre. “Un audiolibro é unha cousa moi laboriosa de facer. Decidimos abordalo, precisamente, polo auxe da oralidade que estamos vivindo neste momento: se algo é Rosalía é oral, pois ela recollía, trasladaba e levaba poeticamente o falar da xente”, comenta Canosa.

Os audiolibros están lidos por algúns integrantes e impulsores do proxecto, como Rocío González, Cristina Collazo, Alberto Rolán, Xosé Barato ou a propia Canosa, e sobre eles xiran os contidos da páxina web do proxecto, estiquecantas.gal, que actúa de receptáculo das iniciativas que o conforman. A primeira delas é un concurso destinado a animar a rapaces entre os 12 e os 18 anos a reinterpretar a obra en galego da poeta baixo o seu propio ollar en TikTok e Instagram. Outra das vertentes do proxecto convida a “asomarse” aos lugares que marcaron a vida de Rosalía de Castro a través dunha serie de pílulas audiovisuais, as Fiestras, da man do cineasta Xacio Baño.

“Rosalía levou unha vida nómade. Os espazos e as paisaxes que habitou influíron moito nela. En Fiestras trasladámonos ás casas nas que ela viviu para ver o que vía ela, e comparalo co que se ve hoxe”, xulga a directora do proxecto, que nace con vontade de entreter e formar, pero tamén como un repositorio de materiais atractivos cos que estudar a súa figura nas aulas. “Non podemos obviar que os rapaces pasan seis horas nos centros. Propoñemos unha unidade didáctica destinada a docentes para traballar a Rosalía dun xeito atractivo, pensada para que os mozos a descubran e falen de cousas que lles importan a eles”, propón.