Stephy Llaryora é produtora e actriz da obra Feminíssimas, de De Ste Xeito Produccións, que se representa ás 20.00 horas de mañá no Colón. Actúa con Noelia Blanco y Esther F. Carrodeguas (tamén dramaturga): interpretan a tres amigas de ramas diferentes do feminismo que se reencontran para un congreso.

Por que elixiron a premisa?

Notabamos que hai un pulso social con respecto a este tema, moitos debates e confrontacións dentro dos feminismos, que nos interesaban como mulleres e como creadoras. Queriamos darlle cabida escénica a debates como o da Lei Trans. Para nós era o momento de profundar tanto na historia do feminismo como o que pasa actualmente, e encarnalos para dalos a coñecer.

As tres son amigas. Axuda a achegar a xente que pensa diferente?

O contraste entre a loita ideolóxica e o vínculo emocional enriquece os conflitos, que se integran na vida dos personaxes. Por exemplo, unha delas, estéril, ten un fillo por xestación subrogada, e iso dá lugar a un debate máis persoal. Non nos interesaba que fose un debate político: o teatro vai sobre os vínculos. E iso reflicte o que pasa coas nosas relacións persoais.

"O contraste entre a loita ideolóxica e o vínculo emocional enriquece os conflitos"

As personaxes representan a tres tipos de feminismo.

Fixemos un longo proceso de investigación sobre que feminismos retratar, e chegamos á conclusión de que a feminista radical, liberal e posfeministe eran representativas.

A súa, Ruka, é a radical. Como é?

Levamos o seu perfil ao límite. É anarcofeminista, antripatriarcal, anticapitalista, vive nunha casa okupa, vive reciclando alimentos... Unha postura totalmente fóra do sistema. Afronta moito con Bea, a feminista liberal, enxeñeira petrolífera. Queriamos amosar dúas maneiras de empoderarse: indo totalmente contra ou a favor da corrente do sistema. Pero ao tempo, Ruka é super sentimental. Adora ás súas amigas, pero vanlle dar moitas dores de cabeza.

Como choca co postmoderna?

Ruka defende estes séculos de loita feminista, e coa Lei Trans está o enfrontamento con que é o suxeito político muller. A personaxe de Gabi é tranxénero, non binarie, e debate con ela sobre que significa que non existan os xéneros. Hai puntos de conflito con todas.

"As protagonistas son máis parecidas do que se podería esperar"

E cales son os de encontro?

A peza comeza con tres mulleres que son tres bandeiras, pero a medida que vai avanzando, a través de recordos sae a sensación de que son máis parecidas do que se podería esperar. Todas tiveron vivencias moi difíciles, que as levaron a estar nestes espectros tan radicais. Queremos reflexionar sobre que significa verdadeiramente a sororidade: o respecto a outras mulleres que pensan radicalmente diferente a ti. As tres están a loitar pola igualdade desde o seu lugar, e van empatizar coas outras: “Non estou de acordo co teu planteamento político, pero podo entenderte como persoa e como muller”.

E elixen a comedia.

A dramaturxia de Esther sempre ten o compoñente da ironía, e é unha maneira de analizar outras cousas desde outro lugar. E ata rirnos de nós mesmas. É un tema intenso e sensible, pero o humor dá unha perspectiva máis afastada e didáctica para o espectador, que se dixire con máis fluidez.

"Non é unha comedia ao uso, é ácida"

Apostaron por un humor negro?

Non é unha comedia ao uso, é ácida. Pero non negra: chamámoslle comedia violeta porque é unha comedia feminista, realmente (ri). É un humor que te fai pensar. É tan difícil manter a ideoloxía pura ante a práctica diaria, que aí xorde o humor: é imposible ser anarcofeminista as 24 horas do día, ou ser feminista liberal ao 100%.Todos somos humanos e é imposible ser coherente ao 100%. O humor tamén axuda a que a peza non sexa aleccionadora. Non imos plantexar o noso feminismo, senón informar sobre as tres versións, e o que me parecería interesante sería que te identificaras cunha personaxe que non pensa coma ti.

Leva unha compañía que traballa en galego, pero non é galega.

Facía monólogos, e fun viaxando a Galicia cada vez máis. Decidín probar a estar aquí. Deume moita paz e creei De Ste Xeito Produccións co meu socio.